Actualidade

As bibliotecas amesás celebran unha nova edición dos seus encontros literarios, nesta ocasión acollendo ao xornalista Fernando Franjo e ao seu libro “Memorias do Café Derby (1929-2020)”. Será este xoves 20 de outubro, ás 20:00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Acompañará ao autor Xosé Antonio López Silva, autor, investigador e crítico, nun acto presentado pola concelleira de Cultura, Natividade González.

O departamento de Bibliotecas amesán organiza o terceiro encontro literario do curso 2022-2023, no que o historiador e escritor ourensán Xosé Manoel Núñez Seixas presentará o seu último traballo, “Volver a Stalingrado”. Será este xoves 13 de outubro ás 20:00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Acompañará ao autor Víctor Fernández Freixanes, escritor e presidente da Real Academia Galega, nun acto presentado pola concelleira de Cultura, Natividade González. A entrada será libre ata completar aforo.

As bibliotecas de Ames celebran o seu segundo encontro literario do curso 2022-2023 acollendo ao escritor Eduardo Estévez, que presenta o seu poemario “Venecia abandonada”, un libro CD con música do Grupo 1500. Será este xoves 29 de setembro ás 20:00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Acompañará ao autor o poeta Estevo Creus, nun acto presentado pola concelleira de Cultura, Natividade González. A entrada será libre ata completar aforo.

O departamento de Bibliotecas do Concello de Ames vén de anunciar a súa programación infantil para os meses de outubro, novembro e decembro, cunha serie de seis obradoiros e sesións de narrativa oral que terán lugar tanto na biblioteca do Milladoiro como na de Bertamiráns. O prazo para inscribirse en “Xogando cos contos”, unha sesión de contacontos dirixida a nenas e nenos dos 3 aos 8 anos, xa está aberto dende hoxe 26 de setembro.

Co inicio do curso escolar 2022-2023 volven unhas das principais actividades de animación á lectura para o público adulto das bibliotecas amesás. Os encontros literarios en Ames arrincan este xoves 1 de setembro coa presentación da obra “O roubo do sol”, un poemario de Diego Rojo con ilustracións do artista polaco Krzysztof Powałka. Será ás 20:30 horas, na biblioteca municipal de Bertamiráns. Ilustrador e escritor estarán acompañados polo editor Paulo Nogueira, nun acto presentado pola concelleira de Cultura, Natividade González. A entrada será libre ata completar aforo.

Rematou un novo curso no Club de Lectura da Biblioteca do Milladoiro. E antes de poñer fin ás actividades do décimo segundo curso, os/as participantes do Club de lectura participaron nunha excursión na que visitaron a cidade de Pontevedra, o Castelo de Soutomaior e a cidade portuguesa de Valença do Minho. En dita saída participaron 40 persoas. O Club de lectura, de balde, está dirixido por persoal do departamento de Bibliotecas, e forma parte dunha serie de accións da Concellaría de Cultura para fomentar a lectura no concello. Para participar nesta actividade non cómpre ser un experto lector ou lectora, senón que se buscan persoas con inquedanzas culturais e que gocen de intercambiar opinións cos demais.

O departamento de Bibliotecas amesán acolleu entre outubro de 2021 e xuño de 2022 unha serie de 18 encontros literarios e presentacións de libros, que serviron para dar a coñecer novas autoras, autores e proxectos literarios á veciñanza de Ames. Deste xeito, 475 persoas achegáronse a esta serie de actividades, que se desenvolveron no Pazo da Peregrina e no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns.

O departamento de Bibliotecas amesán acolle esta semana dúas novas presentacións de libros, achegando un mes máis novos proxectos literarios á veciñanza. Estas actividades terán lugar este mércores 15 e o xoves 16, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, a partir das 20:00 horas. A primeira delas será “Unha cervexa Chang”, do escritor Manuel Portas que explora mares narrativos que nunca antes navegara, introducíndonos no mundo da investigación pseudodetectivesca, no do comercio ilegal dos tesouros perdidos e nunha trama en que nada é o que a priori pode parecer. Por outra parte, o xoves será a quenda da escritora Sica Romero que vai presentar a súa primeira novela “Avelaíñas Eléctricas”, a historia de dúas rapazas que intentan fuxir dos seus lobos e das súas sombras. Esta será a última presentación deste curso.

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu hoxe pola mañá a inauguración da exposición Noroeste cuarta Oeste: roteiros de ficción. Trátase dunha mostra enmarcada no proxecto Nortear, que realiza unha singradura a través de temas e obras literarias, cinematográficas, televisivas ou escénicas da nosa contemporaneidade. En modo de navegación polo Atlántico pódese percorrer a ficción galega en diálogo coa do Norte de Portugal. A mostra poderase visitar ata o 30 de xuño na entrada da Casa da Cultura de Bertamiráns.

O departamento de Bibliotecas amesán acolle esta semana dúas novas presentacións de libros, achegando un mes máis novos proxectos literarios á veciñanza. Estas actividades terán lugar este mércores 8 e o xoves 9, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, a partir das 20:00 horas. A primeira delas será “Cuestión social: protocolo, boas maneiras e imaxe”, da escritora e experta en protocolo social Margarita Murillo, que busca aproximarnos de xeito sinxelo a esta serie de hábitos e condutas. Por outra parte, o xoves será a quenda da escritora Charo Pita e da obra “Retratos en branco e negro”, unha serie de retratos fantasmais onde o cotián e o extraordinario se mesturan.
- ‹ anterior
- 10 de 18
- seguinte ›




