Pestanas principais

Continúan os encontros literarios en Ames con “Venecia abandonada”, de Eduardo Estévez

Martes, 27 de setembro de 2022

As bibliotecas de Ames celebran o seu segundo encontro literario do curso 2022-2023 acollendo ao escritor Eduardo Estévez, que presenta o seu poemario “Venecia abandonada”, un libro CD con música do Grupo 1500. Será este xoves 29 de setembro ás 20:00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Acompañará ao autor o poeta Estevo Creus, nun acto presentado pola concelleira de Cultura, Natividade González. A entrada será libre ata completar aforo.

O departamento amesán de Bibliotecas prosegue cos seus encontros literarios, a súa principal proposta de animación á lectura para o público adulto, e que permite á veciñanza coñecer novas autoras, autores e proxectos literarios. Esta iniciativa retomouse co comezo do curso lectivo 2022-2023, coa presentación da obra “O roubo do sol”, un poemario de Diego Rojo con ilustracións de Krzysztof Powałka, o pasado 1 de setembro.

A obra protagonista deste segundo encontro literario de setembro é “Venecia abandonada”, un texto de Eduardo Estévez publicado por Edicións Positivas. Trátase dun libro de poemas en prosa, que ten como fío condutor o paseo dun viaxeiro solitario por unha Venecia deshabitada e abandonada. Esta imaxe distópica compleméntase coa música do Grupo 1500, que acompaña ao texto en formato CD, e que inclúe un conxunto de obras musicadas publicadas nas imprentas de música venecianas no século XVI.

Eduardo Estévez (Bos Aires, Arxentina, 1969) é un escritor galego. A súa produción poética e cultural en galego comezou en 1998, ano dende o cal ten publicado diversos textos e colaborado en publicacións periódicas e volumes colectivos. Estévez acompaña a creación literaria coordinando obradoiros literarios e ten colaborado en proxectos editoriais como Letras de Cal.

No encontro literario o autor estará acompañado do poeta Estevo Creus e da concelleira de Cultura, Natividade González, que presentará o acto. Polas seguintes presentacións das bibliotecas de Ames pasarán autores como Xosé Manoel Núñez Seixas, Fernando Franjo ou Alfredo Conde.

Entrega de libros dedicados por Sica Romero para as bibliotecas

O pasado venres, a editorial Nêspera Editora, con sede en Bertamiráns fixo entrega de dous exemplares de “Avelaíñas eléctricas”, a primeira novela editada polo selo. O texto da amesá Sica Romero fora presentado o 16 de xuño, como peche dos encontros literarios do pasado curso. A propia autora asinou e dedicou os libros na biblioteca municipal de Bertamiráns, acompañada da concelleira de Cultura, Natividade González.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Eduardo Estévez presenta los poemas de su libro CD ‘Venecia abandonada’"

AMSGO!: "Eduardo Estévez presenta o poemario ‘Venecia abandonada’ o xoves 29 no Pazo da Peregrina"

Continúan os encontros literarios en Ames con “Venecia abandonada”, de Eduardo Estévez

Multimedia

  • Continúan os encontros literarios en Ames con “Venecia abandonada”, de Eduardo Estévez
  • Entrega de libros dedicados por Sica Romero para as bibliotecas