Pestanas principais

As bibliotecas de Ames organizan esta semana dúas novas presentacións de libros

Martes, 14 de xuño de 2022

O departamento de Bibliotecas amesán acolle esta semana dúas novas presentacións de libros, achegando un mes máis novos proxectos literarios á veciñanza. Estas actividades terán lugar este mércores 15 e o xoves 16, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, a partir das 20:00 horas. A primeira delas será “Unha cervexa Chang”, do escritor Manuel Portas que explora mares narrativos que nunca antes navegara, introducíndonos no mundo da investigación pseudodetectivesca, no do comercio ilegal dos tesouros perdidos e nunha trama en que nada é o que a priori pode parecer. Por outra parte, o xoves será a quenda da escritora Sica Romero que vai presentar a súa primeira novela  “Avelaíñas Eléctricas”, a historia de dúas rapazas que intentan fuxir dos seus lobos e das súas sombras. Esta será  a última presentación deste curso.

As bibliotecas amesás pechan con estas dúas presentacións as súas actividades de animación á lectura para o público adulto ata despois do verán. Estas dúas presentacións, que se desenvolverán no Pazo da Peregrina de Bertamiráns ás 20:00 horas, coinciden ademais coa presentación da editorial nêspera, nova editora independente que aposta pola publicación coidada de obras orixinais en galego.

“Unha cervexa Chang”, o mércores 15 de xuño
A terceira presentación do mes de xuño será este mércores, 15 de xuño, con Manuel Portas e o seu libro “Unha cervexa Chang”. Trátase dun libro que narra como ás veces cando temos un problema que non sabemos como resolver, cómpre afastarse da realidade e contemplala a distancia. E isto é o que fai Daniel, o protagonista protagonista desta novela, que en plena crise persoal e económica decide aproveitar as vacacións de Nadal para descansar lonxe, nunha praia paradisíaca de Tailandia. Só para iso, para que as ameazadoras circunstancias que o abafan, un matrimonio fracasado, un negocio de antigüidades en decadencia, unha familia que lle reclama responsabilidades desmedidas e unha ansia de liberdade que xa parece ilusión, queden un tempo á marxe e deixen albiscar un horizonte novo.

Mais, cando xa está a piques de volver para a casa, aos serios problemas do negocio familiar e á súa contraditoria vida sentimental súmaselle un acontecemento inesperado que vai complicar aínda máis a súa maltreita existencia.

Manuel Portas é profesor de lingua e literatura no Instituto Xelmírez I de Santiago, do que é o seu director. Alén da colaboración en obras de carácter didáctico e publicacións pedagóxicas, é coñecido polo seu labor no campo da análise sociolingüística, onde salienta Língua e sociedade na Galiza (1990), obra sobranceira da sociolingüística galega. Denso recendo a salgado (2010) foi a súa primeira novela. Seguírona Un dedo manchado de tinta (2011), Faneca Brava (2013) e Amor en alpargatas (2015). Con Lourenço, xograr obtivo o Premio García Barros en 2015. No acto de presentación Manuel Portas estará acompañado polo autor, investigador e crítico Xosé Antonio López Silva; pola concelleira de Cultura, Natividade González e polo alcalde de Ames, Blas García.

“Avelaíñas eléctricas”, o xoves 16 de xuño
As Bibliotecas de Ames pechan este ciclo de presentacións o xoves 16 de xuño coa obra “Avelaíñas eléctricas” da escritora Sica Romero. “Avelaíñas eléctricas” trata con delicadeza e agarimo distintos temas universais e ancestrais, como a violencia, o amor, a amizade, a responsabilidade, a ética, o sexo e a sexualidade, a discriminación, a diferenza, as drogas ou as adiccións.

Este libro é ademais o primeiro traballo de nêspera. Néspera editora é un proxeto independente con sede en Ames, creado neste ano 2022 por tres socias: Vanessa Rodríguez, Breixo Parcero e Samuel Baltar. Nace coa idea de publicar obras orixinais en galego, coidadas e traballadas, tanto en contido como en forma, independentemente do seu xénero, do seu tema, e da idade e tipo de lectora á que se dirixen.

A experiencia persoal e laboral de Sica Romero estivo sempre relacionada coa literatura e coa arte. Afeccionada ós libros dende ben pequena gradúase en Historia da Arte e despois cursa dous mestrados: en “Xestión de Patrimonio, Museos e Mercados”, e en “Formación de profesorado, Especialidade-Xeografía e Historia”. Compaxinou estes estudos cos traballos de bibliotecaria, auxiliar de sala en museos, guía de exposicións, correctora ortotipográfica e investigadora para a edición de libros.

Ao acto de presentación de “Avelaíñas eléctricas” contará coa participación do alcalde de Ames, Blas García; da concelleira de Cultura, Natividade González; de Sica Romero, autora; de Montse Montaos, xornalista e guionista; de Helena Pérez, Vanessa Rodríguez e Samuel Baltar, de nêspera editora.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Manuel Portas e Sica Romero levan as súas obras ao Pazo da Peregrina"

Cartaz da presentación da obra “Unha cervexa Chang”, do escritor Manuel Portas

Multimedia

  • Cartaz da presentación da obra “Unha cervexa Chang”, do escritor Manuel Portas
  • Cartaz da presentación da obra “Avelaíñas Eléctricas”, de Sica Romero