Actualidade

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, Igualdade e Voluntariado, organizou durante o mes de xullo unha nova edición do campamento sénior, incluído dentro do programa Amessán, dirixido a persoas maiores de 60 anos empadroadas en Ames. Nesta quinta edición do campamento, realizáronse 4 saídas os mércores do mes de xullo. En total, participaron 87 persoas que realizaron diferentes actividades de envellecemento activo. Todos os mércores visitaron diferentes puntos de Galicia: O Grove e Illa da Toxa, Ponteceso, Corme, Cedeira, A Coruña, Ferrol e Pontedeume.

Un ano máis, o Concello de Ames, a través do Departamento de Benestar Social e Igualdade, reforzou o seu compromiso fronte a loita contra a violencia machista coa instalación nas festas da Madalena e da Peregrina da Caravana Morada, un espazo de atención, información e sensibilización. En total, máis de 720 persoas se achegaron ata o punto morado durante as dúas xornadas de funcionamento.

O Concello de Ames, a través do departamento de Benestar Social e Igualdade, instalará, por terceiro ano consecutivo, unha caravana morada no Milladoiro, este martes, 5 de agosto; e outra en Bertamiráns, o xoves día 7, con motivo da programación que se vai desenvolver en ámbalas dúas xornadas polas festividades da Madalena e da Peregrina. No caso do Milladoiro, estará colocada nos arredores da Casa da Cultura, mentres que en Bertamiráns estará situada a carón da zona de aparcamento do Pazo da Peregrina. En ámbalas dúas xornadas, a caravana estará operativa en horario de 22.00 a 5.00 horas.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, informa de que este xoves, 3 de xullo, saíu publicada no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a convocatoria de axudas destinadas ao apoio económico das familias numerosas do municipio. A contía total destinada a estas axudas é de 100.000 euros, sendo de 1.200 euros o máximo do importe individual concedido a cada unidade de convivencia. Con esta iniciativa, o goberno municipal pretende axudar a aquelas familias que máis dificultades económicas teñan para a crianza das súas fillas e fillos. Este ano, ao igual que na convocatoria anterior, comprobarase o patrimonio e será preciso presentar a declaración do IRPF do exercicio 2024. As persoas interesadas poderán presentar as solicitudes no Rexistro telemático a través da sede electrónica do Concello de Ames ou de xeito presencial nas oficinas de asistencia en materia de rexistro situadas na Casa do Concello e na oficina municipal do Milladoiro. O prazo para presentar as solicitudes vai do 4 de xullo ao 4 de agosto de 2025.

Paula Castiñeira Olveira, veciña do Milladoiro, é a gañadora da segunda edición do concurso fotográfico LGTBIQ+, que se enmarca na campaña “Ames a quen ames faino con orgullo”. Na segunda edición deste concurso participaron 4 persoas. O obxectivo do certame, que organizou a Concellaría de Benestar Social e Igualdade, é a loita contra a discriminación e promover a igualdade e a diversidades con respecto á comunidade LGTBIQ+. O premio do concurso será entregado mañá durante o acto de conmemoración do Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+, que se vai celebrar dende ás 11.00 horas no Paseo da Igualdade, ao carón do pavillón polideportivo do Milladoiro. Darase lectura ao manifesto institucional e haberá actividades para todos os públicos con talleres de pintura de bolsas, obradoiros de pintura de pedras e mural, taller de pulseiras e para elaborar espetadas de lambonadas, música, e unha Holi Party.

O Concello de Ames colabora por terceiro ano consecutivo na organización da terceira edición da cea solidaria Obra Social Pediatría & Concello de Ames, un evento que este ano terá lugar o vindeiro 27 de xuño, ás 20.30 horas, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. A finalidade desta cea é recadar fondos para contribuír, por unha parte, á investigación sanitaria e ao incremento e mellora da calidade asistencial dos pacientes pediátricos do CHUS. O evento está organizado pola Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), Obra Social Pediatría e Albarín Catering e eventos. Podes acceder nesta ligazón ao formulario para mercar as entradas e á información da Fila Cero por se queres realizar un donativo. Para obter máis información tamén se pode chamar ao 641 11 60 05. As entradas poderán recollerse nos puntos de venta autorizados.

Este xoves, a partir das 17.00 horas, a Praza da Maía, en Bertamiráns, acollerá o evento benéfico ‘Piccolo Pizzaiolo’, organizado polo restaurante Sicilia in Bocca e no que colabora o Concello de Ames a través da Concellaría de Benestar Social. Ao longo de toda a tarde, haberá un taller dirixido para a rapazada de entre 5 e 10 anos, no que aprenderán a facer as súas propias pizzas, música en directo e degustacións, entre máis propostas. O evento é gratuíto e, quen o desexe, poderá depositar nunha caixa a doazón económica que considere. Todos o recadado neste evento, irá destinado á asociación ASANOG (Asociación de Cancro Infantil e Xuvenil de Galicia).

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, organiza a segunda edición do concurso fotográfico LGTBIQ+, que se enmarca dentro da campaña “Ames a quen ames faino con orgullo”. O obxectivo é a loita contra a discriminación e promover a igualdade e a diversidades con respecto á comunidade LGTBIQ+. O prazo de entrega das fotografía vai do 10 ao 24 de xuño. Permítese unha participación por persoa, que debe ser enviada xunto co seu número de teléfono, e os seus datos persoais ao enderezo de correo electrónico servizos_sociaisberta@concellodeames.org. A inscrición é gratuíta. Descarga as bases do certame fotográfico.

A praza da Maía de Bertamiráns acolleu o pasado sábado un novo Encontro Intercultural. A xornada incluíu a degustación de diversos pratos típicos de Venezuela, Perú, Colombia, Brasil, Guatemala, Marrocos, Exipto e Siria. Os asistentes puideron degustar arredor de 30 receitas de pratos, sobremesas e bebidas. Ademais, houbo música venezolana a cargo do artista Misael Sánchez e dous músicos, unha agrupación de nenos e nenas peruanos/as, e do grupo Batuko Tabanka. A xornada estivo organizada polo Concello de Ames e contou coa colaboración da Asociación de Peruanos de Santiago e da Asociación Sociocultural de Venezolanos en Santiago de Compostela (AVESANTI). Pódese acceder á galería completa do evento na seguinte ligazón.

O vindeiro sábado, 7 de xuño, a partir das 14.00 horas, celébrase en Ames un novo Encontro Intercultural na praza da Maía, en Bertamiráns. Ademais da degustación de pratos típicos de diferentes nacionalidades, os asistentes poderán desfrutar de diferentes actuacións musicais a cargo dos integrantes da Asociación de Peruanos de Santiago e do grupo Batuko Tabanka. A xornada está organizada polo Concello de Ames e conta coa colaboración da Asociación de Peruanos de Santiago e da Asociación Sociocultural de Venezolanos en Santiago de Compostela (AVESANTI).
- ‹ anterior
- 8 de 80
- seguinte ›




