- Tematica
Este xoves, a partir das 17.00 horas, a Praza da Maía, en Bertamiráns, acollerá o evento benéfico ‘Piccolo Pizzaiolo’, organizado polo restaurante Sicilia in Bocca e no que colabora o Concello de Ames a través da Concellaría de Benestar Social. Ao longo de toda a tarde, haberá un taller dirixido para a rapazada de entre 5 e 10 anos, no que aprenderán a facer as súas propias pizzas, música en directo e degustacións, entre máis propostas. O evento é gratuíto e, quen o desexe, poderá depositar nunha caixa a doazón económica que considere. Todos o recadado neste evento, irá destinado á asociación ASANOG (Asociación de Cancro Infantil e Xuvenil de Galicia).
A Praza da Maía acollerá este xoves, 19 de xuño, o evento benéfico ‘Piccolo Pizzaiolo’, unha iniciativa organizada polo restaurante Sicilia in Bocca e que conta coa colaboración do Concello de Ames a través da Concellaría de Benestar Social. Durante a realización do evento, haberá unha caixa na que as persoas que o desexen, poidan deixar as súas doazóns económicas, que irán destinadas para a asociación ASANOG.
Deste xeito, a partir das 17.00 horas, dará comezo unha xornada chea de diferentes propostas, combinando así gastronomía, aprendizaxe e solidariedade. A primeira das actividades que se celebrará será un obradoiro de pizza, dirixido á rapaza de 5 a 10 anos, no que os máis pequenos poderán ser cociñeiros por unha tarde e aprender a facer as súas propias pizzas silicianas, guiados por recoñecidos pizzeiros do restaurante. Neste obradoiro participarán 30 nenos e nenas.
Ao rematar o obradoiro, os participantes recibirán unha medalla, entregada pola presentadora e cantante, Fátima Pego. Así mesmo, durante toda a tarde, haberá diferentes actividades de entretemento infantís, coma xogos, globoflexia, pintacaras, entre outros, a cargo da Mona Ramona. Ademais, a partir das 19.30 haberá unha actuación de música en directo da man de Noemí Fernández acompañada de Claudio Abalo.
Por último, haberá tamén unha exhibición e degustación gastronómica, a cargo dun dos chefs do restaurante. Deste xeito, prepararase unha variedade de pasta nunha tixola xigante xunto con varias pizzas elaboradas de forma tradicional que poderán probar todas as persoas que se acheguen ata a Praza da Maía.






