Actualidade

Ex., 21-08-2026
Ex., 21-08-2026
Venres, 24 de abril de 2026
400 persoas participan este domingo na V Carreira de orientación do Concello de Ames

O vindeiro domingo, 26 de abril, a localidade de Bertamiráns acollerá a quinta edición da Carreira de orientación do Concello de Ames. A partir das 11.00 horas, 400 persoas tratarán de percorrer e descifrar, no menor tempo posible e coa axuda dun compás e un mapa, unha serie de balizas establecidos nunha orde determinada. 200 deses participantes competirán na categoría xestiñas, 125 na categoría xestas e 75 na categoría xesteiras. A deste ano é a maior participación dende que se realiza a proba.

Xoves, 23 de abril de 2026
O Milladoiro acolle este sábado o Campioanto Escolar Provincial de taekwondo

O club de Taekwondo TKDenodo organiza, coa colaboración do Concello de Ames e por delegación da Federación Galega de Taekwondo e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, o campionato provincial en idade escolar das modalidades exhibición, técnica e freestyle de Taekwondo. O torneo terá lugar o sábado, 25 de abril, no polideportivo do Milladoiro a partir das 9.30 horas. Participan rapaces e rapazas de 6 a 16 anos do programa Xogade. Esta proba clasificará para o campionato galego, que terá lugar o vindeiro sábado, 9 de maio, na Coruña.

Luns, 20 de abril de 2026
O TK Denodo, presente no Open de España cadete de taekwondo

O club amesán TK Denodo tivo representación, mediante tres dos seus deportistas, no Open de España cadete, celebrado a pasada fin de semana en La Nucía, Alicante. Dmytro Kushniruk, Jorge Nogueiras e Xián Paz, que formaban parte da Selección Galega, foron os representantes do conxunto amesán. Os tres, xa participaran no mes de marzo no Campionato de España. 

Venres, 17 de abril de 2026
Thiago Vilas e Lucas Castillo proclámanse campións de España de squash nas categorías sub-13 e sub-17

Os deportistas amesáns do club Squash Santiago, Thiago Vilas e Lucas Castillo acadaron cadansúa medalla de ouro nas categorías sub-13 e sub-17, respectivamente, no Campionato de España de squash celebrado a pasada fin de semana, entre os días 10 e 12 de abril, nas instalacións do Squash Ponferrada. Ademais destes dous ouros, outros tres deportistas do club Squash Santiago acadaron medalla: Pedro Alonso logrou a medalla de prata na categoría sub-13; Mara Prieto conseguiu un valioso bronce na categoría sub-17 feminina e Gael Prieto foi bronce na categoría sub-17 masculina. Ademais, participaron Roi Carreira, Nicolás Castro e Mauro Vilas na categoría sub-17.

Xoves, 02 de abril de 2026
Bertamiráns acolle a V Carreira de Orientación Concello de Ames

A Carreira de Orientación Concello de Ames celebrará a súa quinta edición o vindeiro domingo 26 de abril polas localizacións urbanas de Bertamiráns a partir das 11.00 horas. A carreira consistirá en visitar no menor tempo posible todas as balizas establecidas na orde que indica o mapa. Haberá tres categorías en función da idade e con diferente distancia a percorrer: xestiñas, xestas e xesteiras.

Sábado, 28 de marzo de 2026
O Concello anuncia unha nova convocatoria de axudas para deportistas de Ames

A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 20 de marzo unha nova liña de achegas para a concesión de bolsas para deportistas do concello de Ames no ano 2026. O importe das bolsas que se van a conceder ascende a 10.000 euros, ao igual que na anterior convocatoria. Esta convocatoria de bolsas ten por obxecto apoiar a práctica e ao rendemento deportivo, así como posibilitar a participación dos/as deportistas do concello en eventos deportivos, facilitándolles o acceso a unha preparación integral idónea. Cada deportistas pode optar a unha axuda máxima de 700 euros. O prazo de solicitude estará aberto do 28 de marzo ao 27 de abril. Premendo nesta ligazón pódense consultar as bases da convocatoria.

Mércores, 25 de marzo de 2026
A amesá María Estévez, quinta no Campionato de España de Short Track sub20

A atleta amesá María Estévez vén de acadar unha valiosa quinta posición na proba dos 1.500 metros do Campionato de España Short Track sub20, celebrado a pasada fin de semana do 20 ao 22 de marzo na cidade catalá de Sabadell. Esta competición foi a derradeira da tempada de Short Track, a denominación que se lle dá ás probas en pistas de 200 metros no canto dos 400 metros habituais. Este ano, Estévez xa gañara o ouro no Campionato de España de campo a través coa selección galega sub20, e logrou o subcampioa no Campionato Galego de Campo a través Sub-20.

Domingo, 22 de marzo de 2026
A Escola de Karate Dokkodo de Ames logra o sexto posto no Campionato Galego Infantil 2026

A Escola de Karate Dokkodo asinou a pasada fin de semana unha das súas actuacións máis destacadas no Campionato Galego Infantil 2026. Cunha expedición formada por once deportistas, o club amesán logrou un balance de 12 medallas (2 ouros, 4 pratas e 6 bronces), o que lles permitiu acadar un brillante sexto posto no medalleiro xeral, situándose entre as entidades máis potentes do karate galego.

Venres, 20 de marzo de 2026
Imaxe da área deportiva do Milladoiro

O Concello de Ames informa sobre a apertura da convocatoria de axudas para a promoción de actividades levadas a cabo no exercicio 2025 polos clubs e asociacións deportivas de Ames. A contía destinada a esta convocatoria ascende nesta anualidade aos 80.000 euros. O prazo de presentación de solicitudes é de 30 días naturais desde a publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP), que tivo lugar o 11 de marzo; polo que estará aberto ata o vindeiro sábado 10 de abril. Pódese consultar as bases da convocatoria na seguinte ligazón.

Martes, 17 de marzo de 2026
As instalacións que ten o Real Aeroclub de Santiago en Ames acolleron o circuíto sub-14 do Trofeo Conde de Godó de tenis

O Real Aeroclub de Santiago acolleu a pasada fin de semana, do 13 ao 15 de marzo, unha das sete probas que conforman o Barcelona Open Banc Sabadell – 73º Torneo Conde de Godó na categoría sub-14, un dos torneos máis prestixiosos do tenis estatal en idade xuvenil. Leo Vidaña e Martina Simón foron os gañadores nas súas respectivas categorías, o que lles dará acceso a disputar á fase final a semana do 11 ao 19 de abril en Barcelona. A concelleira de Deportes, Susana Señorís, e o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, participaron no acto de entrega de premios.