- Tematica
O club de Taekwondo TKDenodo organiza, coa colaboración do Concello de Ames e por delegación da Federación Galega de Taekwondo e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, o campionato provincial en idade escolar das modalidades exhibición, técnica e freestyle de Taekwondo. O torneo terá lugar o sábado, 25 de abril, no polideportivo do Milladoiro a partir das 9.30 horas. Participan rapaces e rapazas de 6 a 16 anos do programa Xogade. Esta proba clasificará para o campionato galego, que terá lugar o vindeiro sábado, 9 de maio, na Coruña.
A primeira das modalidades en competir será a de técnica a partir das 9.00 horas, na que os participantes realizarán unha combinación de movementos de defensa e ataque coñecidos como pumses. Os deportistas demostrarán a súa execución de técnica e a correcta presentación dos exercicios. Nesta modalidade competirán rapaces e rapazas de 6 a 16 anos correspondentes ás categorías benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil.
Por outra banda, a partir das 13.30 horas, desenvolveranse as competición da modalidade freestyle, que consiste na realización dunha combinación de libres seguindo a música, e como novidade este ano a de exhibición. Os exercicios realízanse con música e ademais a técnica acompáñanse de saltos e combinacións de patadas e acrobacias. Nestas categoría competirán rapaces e rapazas das categorías infantil e cadete. Ao igual que na anterior modalidade, ao finalizar realizarase á correspondente entrega de premios. O torneo está previsto que remate arredor das 14.00 horas.
Nesta competición participarán deportistas con idade escolar que pertenzan a clubs de toda a provincia da Coruña e que participan no programa Xogade. Os participantes puntuarán para o Campionato Galego de Tekwondo do vindeiro 9 de maio, onde se enfrontarán cos clasificados nos distintos torneos provinciais. Poderán asistir como público ao torneo deste sábado todos aqueles interesados en ver de preto a práctica deste deporte, posto que a entrada será de balde.
Dende o club de Taekwondo TKDenodo animan a todos e todas a que acudan a desfrutar e achegarse a esta práctica deportiva. O taekwondo é un deporte no que os movementos de perna teñen unha gran importancia, cunha depurada técnica na que destacan a rapidez y precisión. Foi declarado deporte olímpico na sesión 103 do Comité Olímpico Internacional celebrada en París en 1994, e fixo o seu debut como tal nos JJOO de Sidney 2000.





