- Tematica
A parroquia de Trasmonte comeza no día de hoxe a súa fin de semana de festas. Serán tres días de festexos con moita música, inchables e unha busca do tesouro para os máis cativos. Esta será a segunda edición das festas, logo de que se retomasen tras vinte anos de inactividade. A festa dará comezo hoxe, ás 22.00 horas, co Trío Manhattan e a disco móbil Impacto.
Xa o sábado 15, Trasmonte vivirá o día máis grande das festas. Ás 13.15 horas celebrarase unha misa solemne cantada pola Coral Polifónica Antonio Santomil, de Bugallido, que dará paso á sesión vermú dende as 14.30 horas, e que correrá a cargo do grupo The Voice. Xa pola tarde, ás 20.00 horas comezará a principal actividade para os nenos e nenas: a busca do tesouro. O sábado pecharase, dende as 23.00 horas, cunha gran verbena popular amenizada pola disco móbil Fabrik e o Trío Alborada.
O domingo 16 comezará ás 13.15 horas cunha misa solemne, antes de que a acción se traslade, ás 14.00 horas, a outra sesión vermú, esta vez amenizada polo grupo Deluxe. Xa pola noite, a partir das 21.00 horas, os veciños e veciñas de Trasmonte poderán gozar da mellor música rock co grupo galego Broken Peach, que pechará o cartel das festas.






