Pestanas principais

Hoxe comezan as festas da Peregrina de Bertamiráns, logo de que case 4.000 persoas gozasen durante cinco días dos festexos da Madalena no Milladoiro

Mércores, 05 de agosto de 2026

Tras a celebración das festas da Madalena no Milladoiro, continúa o “Ames en Festas 2026” co inicio hoxe, mércores 5 de agosto, dos festexos da Peregrina, en Bertamiráns. A orquestra América de Vigo será a encargada de abrir na verbena de hoxe as festas, que se prolongarán ata este domingo, día 9. Contarase cun punto violeta na actuación da París de Noia (no Milladoiro xa se contou con el na actuación da Olympus).  

Por quinto ano consecutivo, o programa “Ames en Festas” encadea as festas dos dous núcleos principais de Ames, O Milladoiro e Bertamiráns, que volven a celebrar un ano máis as súas festas da Madalena e da Peregrina de xeito conxunto. Pola súa banda, O Milladoiro rematou onte as súas festas da Madalena, que deron comezo o pasado venres 31 de xullo co Millarock. Dende hoxe, a troula e música trasládase a Bertamiráns, que celebrará os seus festexos da Peregrina.

“Ames en Festas” é o nome deste cartel que unifica ámbalas dúas festividades, no que este ano colaboran o Concello de Ames, as comisións de festas da Madalena e da Peregrina e Xuventude Ames. Ao longo destas 10 xornadas festivas, está a haber propostas musicais para todos os públicos e gustos, nos que a veciñanza está a gozar das mellores orquestras da verbena galega; descubrindo novos artistas e grupos emerxentes ou diferentes propostas musicais da man de diferentes artistas galegos.    

Gran afluencia de público no Milladoiro
Na xornada de onte, O Milladoiro puxo fin aos seus festexos da Madalena que, como vén sendo habitual, contaron cunha gran afluencia de público, arredor de 4.000 persoas. Ao longo destas cinco xornadas de troula, houbo actividades e música para tódolos públicos: dende a festa infantil para os máis pequenos da casa, que se celebrou na tarde de onte na área recreativa do Milladoiro;  a XIV edición do Millarock, este ano coas actuacións de Sr Salvaje. Tentáculo Rock, Familia Caamagno, Extrema Función e Factoría de Subsistencia; as noites de verbena con algunhas das mellores orquestras de Galicia, coma Olympus; ou o Dj Kike Varela. 

Por outra banda, o encargado de realizar o pregón inicial das festas da Madalena este ano foi o presidente da SD Milladoiro, José Manuel Dacosta. A institución logou esta tempada un fito histórico tras lograr o título de liga cos dous equipos xuvenís, conseguindo os ascensos á Liga Galega (o Xuvenil A) e á Segunda Futgal (o Xuvenil B). Fitos que deron continuidade á boa liña que está a levar o club e que complementaron o ascenso do equipo sénior á Segunda Futgal na tempada 2024/2025.  

Programación Festas da Peregrina
Pola súa banda, Bertamiráns dará comezo ás festas da Peregrina hoxe coa charanga TNT, a orquestra América de Vigo e o grupo de música tradicional Airiños do Paseo do Colón. Hoxe, tamén actuará no parque do Ameneiral o grupo Galicia 76, creado na parroquia de Bugallido, e que este ano celebra os seus 50 anos de historia. O xoves 6 será un dos días máis destacados, coas actuacións da orquestra Paris de Noia (que como todas as actuacións de orquestras comezará a partir das 23.00 horas), a da charanga Compostela e a disco móbil CDC. Nesta xornada tamén se vai a celebrar o Festival Emerxente no parque do Ameneiral.

De seguido, o venres 7 de agosto, chegará outro dos pratos fortes das festas, co concerto da banda de folk galego De Ninghures, ás 22.00 horas, no parque do Ameneiral. Como grupo caracterízase pola mestura de ritmos e sons de raíz galega cos equivalentes doutros pobos ibéricos, latinoamericanos ou magrebís. A comezos do 2025 publicaron o seu segundo álbum, Feira. Ademais, nesta xornada contarase coas actuacións da charanga Os Celtas, a orquestra Miramar e a disco móbil CDC.

Para o sábado 8 está prevista a actuación do grupo de música tradicional Airiños do Paseo do Colón e da orquestra Finisterre. O sábado tamén se vai a celebrar unha nova edición da Ameneiral Romaría Urbana e volverá estar a disco móbil CDC. O domingo 9 de agosto realizarase o pregón de peche das festas e haberá sesión vermú. As festas pecharanse coas actuacións da Requinta da Maía, a Banda de música de Brión e da orquestra Suavecito. 

Festival Emerxente 
Outro ano máis, o parque do Ameneiral volverá contar co Festival Emerxente, no que será a súa segunda edición. Unha iniciativa que ten como obxectivo ofrecer aos artistas mozos e emerxentes do concello, e da súa contorna, unha plataforma onde poder presentar os seus traballos en directo. A cita será mañá, xoves día 6, dende as 20.00 horas, e contará coas actuacións de L1gido, Alddara, Fran Saint Laurent, Metan e Dupliss. O concerto de L1gido dará comezo ás 22.00 horas. 

Romaría urbana
Ademais, como parte das festas da Peregrina, celebrarase a unha nova edición da Romaría Urbana, que terá lugar no parque do Ameneiral o sábado 8 de agosto. Comezará cunha sesión vermú. Ao longo de toda a tarde haberá diversas actuacións musicais a cargo de Tabernarias, Moel, Berlai, Maneiro e da orquestra Neverloura.

Ao longo de toda a xornada haberá diferentes postos para poder xantar, obradoiros, inchables para os máis pequenos e moita música en directo. A través desta iniciativa, trátase de levar a festa ao centro de Bertamiráns, para que a veciñanza poida gozar desta romaría e fomentando así o consumo nos establecementos comerciais e hostaleiros da localidade.

Festa infantil
Outro ano máis, os máis pequenos da casa terán o seu oco particular durante o “Ames en Festas 2026” coa celebración dunha festa infantil gratuíta. Esta festa desenvolverase ao longo de dúas xornadas, unha que xa se celebrou no Milladoiro e outra en Bertamiráns, nas que os nenos e nenas poderán gozar de inchables, música e actividades especialmente dirixidas para eles. A xornada repetirase no parque do Ameneiral en Bertamiráns o vindeiro sábado 8 de agosto, mantendo os mesmos horarios e actividades que na sesión do Milladoiro. 

Atraccións sen ruído
A quinta edición do ‘Ames en Festas’ ten un horario de atraccións sen ruído durante todas as xornadas festivas nos dous principais núcleos de Ames. Deste xeito, apóstase por realizar unhas festas máis inclusivas nas que toda a veciñanza poida gozar dos festexos. O horario das atraccións sen ruído é de 19.00 a 21.00 horas, tanto nas festas da Madalena do Milladoiro como nas da Peregrina de Bertamiráns.  

Atraccións inspeccionadas
O Concello de Ames contratou a Enmacosa para a realización de controis técnicos para incrementar as garantías de seguridade nas atraccións de ambas festas, cumprindo así coa Lei de Espectáculos de Galicia.

Enmacosa Consultoría Técnica conta con máis de 20 anos de experiencia neste tipo de exames e segue un protocolo específico de inspección de cada instalación. Os técnicos comprobaron que as atraccións non conten con aristas que poidan resultar cortantes, así como ocos ou desniveis sen protección, puntos importantes de corrosión ou deficiencias relevantes nos cordóns de soldadura das instalacións, e que as bancadas e apoios estean correctamente nivelados e asentados.

Hoxe comezan as festas da Peregrina de Bertamiráns, logo de que case 4.000 persoas gozasen durante cinco días dos festexos da Madalena no Milladoiro

Multimedia

  • Hoxe comezan as festas da Peregrina de Bertamiráns, logo de que case 4.000 persoas gozasen durante cinco días dos festexos da Madalena no Milladoiro
  • Hoxe comezan as festas da Peregrina de Bertamiráns, logo de que case 4.000 persoas gozasen durante cinco días dos festexos da Madalena no Milladoiro
  • Hoxe comezan as festas da Peregrina de Bertamiráns, logo de que case 4.000 persoas gozasen durante cinco días dos festexos da Madalena no Milladoiro