- Tematica
A quinta edición do ‘Ames en Festas’ contará cun horario de atraccións sen ruído durante todas as xornadas festivas nos dous principais núcleos de Ames. Deste xeito, apóstase por realizar unhas festas máis inclusivas nas que toda a veciñanza poida gozar dos festexos. O horario das atraccións sen ruído será tódolos días de 19.00 a 21.00 horas, tanto nas festas da Madalena do Milladoiro como nas da Peregrina de Bertamiráns.
Ademais de dita iniciativa, o Millarock, que dará comezo ao Ames en Festas, contará outro ano máis con mochilas vibratorias para as persoas con discapacidade auditiva. Deste xeito, dáse continuidade a unha iniciativa que se puxo en marcha no concello por primeira vez nas Prebadaladas 2024. Por outra banda, tamén se contará cunha plataforma elevada con rampla para as persoas con mobilidade reducida, creando así un espazo adaptado para garantir que estas persoas poidan gozar do evento en condicións de igualdade.
Con esta serie de propostas, preténdese organizar unhas festas máis inclusivas ofrecendo opcións nas que toda a veciñanza poida gozar dos festexos do mellor xeito posible e facilitando así a asistencia das persoas que, habitualmente, non poden asistir e desfrutar algunhas das alternativas de ocio máis habituais durante as festas como ben poden ser as atraccións de feira.
Millarock 2026
O Milladoiro acollerá un ano máis o festival Millarock, unha das citas máis esperadas na localidade amesá e que este ano chega á súa décimo quinta edición. O evento está organizado polo departamento de Cultura do Concello de Ames en colaboración coa da Rede Cultural da Deputación da Coruña e ten como obxectivo fomentar o rock galego e impulsar a grupos emerxentes da contorna de Ames.
O espectáculo celebrarase o vindeiro venres, 31 de xullo, na Travesía do Porto e no Anfiteatro do Milladoiro, onde actuarán os Tentáculo Rock, Sr Salvaje, Familia Caamagno, Extrema Función e Factoría de Subsistencia. Tamén haberá persoal da escola de rock “A Casa do Rock” encargada dos concertos didácticos e de impartir obradoiros musicais coa proposta “Merenda Rock”.






