Actualidade

Ex., 23-07-2026
Ex., 23-07-2026
Venres, 14 de agosto de 2020
Calendario das xuntazas para os Orzamentos Participativos de 2020

Até o día 15 de outubro está aberto o prazo de presentación de propostas dos Orzamentos Participativos do 2020. Destinaranse 200.000 euros que se investirán no rural, nas áreas de mocidade, muller, cultura e medio ambiente. O goberno municipal propón á veciñanza que faga achegas e decida o gasto en  actividades  e investimentos escollidos a través deste proceso. As actuacións resultantes desenvolveranse ao longo do ano 2021. As propostas poderanse presentar na plataforma en liña  que o Concello habilitou para facilitar a entrega de propostas, en vista das circunstancias actuais derivadas da crise sanitaria da COVID-19. Tamén poderá recollerse a ficha de propostas e enviar a proposta por correo electrónico ao enderezo opames2020@cidadania.coop, ou entregalas nas dependencias municipais.

Venres, 07 de agosto de 2020
A presentación acudiron veciños e veciñas das parroquias

O Salón de Plenos do Concello acolleu a presentación dos Orzamentos Participativos (OP)para o ano 2020. O proceso, a través do que a veciñanza pode facer propostas para decidir investimentos, conta cun presuposto de 200.00 euros no Orzamento 2021 do Concello. Ademais dos cartos destinados ao conxunto do rural e á mocidade, este ano os OP incluirán partidas para actividades ou programas dirixidos á muller, á cultura e ao medio. O prazo de presentación de propostas iniciase a próxima semana e anunciarase na web do Concello. As Asembleas Territoriais e Consellos Sectoriais comezarán a finais de agosto e desenvolveranse ao longo do mes de setembro. Publicarase na web a data, lugar e hora de cada asemblea.  Por mor da Covid19, nesta edición haberá posibilidade de participación presencial e telemática a través de distintas canles.

Martes, 04 de agosto de 2020
Reunión orzamentos participativos

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero e o concelleiro de Participación Veciñal, Victor Fernández, mantiveron ao longo destas semanas varias xuntanzas cos técnicos da empresa Cidadanía, adxudicataria do contrato de servizo de colaboración e asistencia nos Orzamentos Participativos 2020, ademais de coas veciñas/os representantes e integrantes das Comisións do Rural. O obxectivo é comezar coa posta en marcha do Proceso de Orzamentos Participativos 2020 no Concello de Ames. Está previsto que a finais de esta semana se faga a presentación pública da iniciativa e na semana que vén comecen as xuntanzas veciñais polas parroquias.

Venres, 22 de maio de 2020
Impostos Portada

A Concellaría de Economía e Facenda segue a traballar no Plan de Medidas Tributarias COVID-19  poñendo en marcha de mecanismos que faciliten, na situación actual de estado de alarma, o pago de impostos e taxas, como son ademáis da ampliación de prazos de pago en voluntaria, medidas que faciliten o aprazamentos e fraccionamentos dos pagos. Precisamente, unha das últimas medidas tributarias que ven de lanzar o Departamento Económico é a relativa aos aprazamentos ou fraccionamentos das débedas, tanto en impostos e taxas delegadas na Deputación da Coruña, como as xestionadas directamente polo Concello de Ames. En ambos casos, haberá que solicitalo antes da data de cargo, no caso dos recibos domiciliados, e antes da data da fin da voluntaria, no caso dos recibos non domiciliados.

Mércores, 20 de maio de 2020
Calendario fiscal do Concello de Ames para 2020

A veciñanza amesá pode acceder xa ao novo Calendario fiscal do Concello de Ames para o 2020, onde se recollen ampliacións dos períodos de voluntaria para o pago dos recibos de impostos que máis gravan á cidadanía e empresas coma é o caso do IBI, IAE, IVTM, e indícanse as datas de cargo dos recibos domiciliados, o período voluntario de pago dos recibos non domiciliados e as datas de cargo do recibo domiciliado do IBI mediante o sistema de fraccionamento en dous prazos. Tamén van detalladas as datas para as diferentes taxas e prezos públicos do Concello. A Concellaría de Economía e Facenda incluíu neste novo calendario fiscal as medidas tributarias que se foron tomando atendendo á situación excepcional provocada pola crise da Covid-19, polo que podería sufrir modificacións atendendo a esa excepcionalidade, coa fin de adaptarse a novas necesidades que vaian xurdindo.

Martes, 19 de maio de 2020
fraccionamento_ibi

Desde o ano 2017, as veciñas e veciños de Ames teñen a posibilidade de solicitar o novo sistema especial de pagamento en dous prazos do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI). Este ano, motivado polo estado de alarma da Covid-19, amplíase a data límite de entrega de solicitudes que remataba o 29 de maio ao 30 de xuño e o primeiro prazo de pago que era o 20 de xuño trasládase ao 30 de xullo. O impreso de solicitude pódese descargar na seguinte ligazón http://bit.ly/2mQfYh5. Con esta medida, que se desenvolve por cuarto ano consecutivo, ofrécese a posibilidade de dividir o recibo de IBI en dous prazos, pagando o 50% do recibo o 30 de xullo e o outro 50% o 20 de outubro.

Sábado, 16 de maio de 2020
Impostos Portada

Desde que se declarou o estado de alarma, derivado da crise sanitaria da Covid-19, a Concellaría de Economía e Facenda estivo a traballar para artellar mecanismos para poder  facilitar o pago dos impostos e taxas, como a ampliación de prazos de pago en voluntaria, facilidades de aprazamentos e fraccionamentos de pagos, ou a calendarización dos mesmos, esperando poder aliviar as cargas das familias e empresas. Desta volta, o Departamento de Economía lanza a información das novas medidas tributarias relativas ao calendario fiscal do Concello de Ames, mellora nas condicións dos aprazamentos e/ou fraccionamento de débedas, ampliacións de prazos de pago dos recibos, e a ampliación de prazos para acollerse ao Sistema especial voluntario de pagamento fraccionado do IBI.

Sábado, 25 de abril de 2020
O Concello solicitou a ampliación do prazo para o pagamento do IBI, IVTM e IAE

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Economía e Facenda, solicitoulle á Deputación da Coruña a ampliación do prazo para solicitar o acollemento da veciñanza amesá ao sistema especial voluntario de pago fraccionado do IBI en dous prazos sen custo. A Deputación aceptou dita solicitude, polo que se amplía ata finais do mes de xuño a posibilidade de poder solicitar e acollerse a este sistema, e pospóñense os prazos dos pagos parciais podendo pagar a metade do recibo do IBI (primeiro pago) o 30 de xullo, e a outra metade (segundo pago) o 20 de outubro, sen ningún tipo de xuro nin custe adicional. Ademais, tamén se ampliarán os prazos previstos para a posta ao cobro en período voluntario en relación ao IBI, IVTM e IAE para este ano 2020.

Venres, 24 de abril de 2020
concello

O Concello de Ames ven de ampliar novamente, mediante decreto da alcaldía, o período voluntario de ingreso das liquidacións tributarias e de ingresos de dereito público practicadas pola administración local, con vencemento o 20 de marzo, o 5 de abril, ou o 20 de abril, ata o 30 de maio de 2020, acolléndose ao  Real Decreto Lei 15/2020. Asemade, amplíase tamén ata a mesma data o período voluntario de ingreso de diferentes taxas e prezos públicos municipais. Este é a segunda ampliación que se recolle dos períodos voluntarios dos recibos non domiciliados en circulación, ampliando novamente un mes máis, do 30 de abril ao 30 de maio. Ao pé desta nova podes consultar o novo Decreto de modificación de medidas extraordinarias en materia tributaria e nos ingresos de dereito público como consecuencia do estado de alarma motivado polo Covid-19.

Martes, 21 de abril de 2020
Imaxe da Casa do Concello

Dende o pasado 14 de marzo, día no que se decretou o estado de alarma, os prazos dos diferentes procedementos foron suspendidos. O Concello de Ames, coñecedor da necesidade de activación dos sectores da construción e servizos, acordou desde a primeira semana do estado de alarma, a realización de mesas de contratación de xeito telemático, de cara a poder seguir cos procedementos que se atopaban nalgunha das fases de contratación. Na actualidade estase traballando en case 40 procedementos de obras e servizos.