Pestanas principais

O Concello de Ames amplía os prazos para acollerse ao sistema especial voluntario de pagamento fraccionado do IBI que divide o recibo en dous prazos sen custe adicional

Martes, 19 de maio de 2020

Desde o ano 2017, as veciñas e veciños de Ames teñen a posibilidade de solicitar o novo sistema especial de pagamento en dous prazos do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI). Este ano, motivado polo estado de alarma da Covid-19, amplíase a data límite de entrega de solicitudes que remataba o 29 de maio ao 30 de xuño e o primeiro prazo de pago que era o 20 de xuño trasládase ao 30 de xullo. O impreso de solicitude pódese descargar na seguinte ligazón http://bit.ly/2mQfYh5. Con esta medida, que se desenvolve por cuarto ano consecutivo, ofrécese a posibilidade de dividir o recibo de IBI en dous prazos, pagando o 50% do recibo o 30 de xullo e o outro 50% o 20 de outubro.

A presentación do impreso de solicitude pode realizarse na sede electrónica da Deputación da Coruña ou na sede electrónica do Concello de Ames, mediante solicitude que terá que ir dirixida ao Servizo de Recadación da Deputación Provincial da Coruña. Asemade, a presentación da solicitude pode realizarse por calquera outro medio dos recollidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, se ben estes poderían verse limitados polo estado de alarma. Para máis información, as interesadas/os poden poñerse en contacto cos Servizos Tributarios da Deputación da Coruña a través do teléfono gratuíto 900132204.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, explica que "é o cuarto ano consecutivo que xa leva implantado este sistema voluntario especial de pagamento fraccionado do IBI, que permite a división do recibo en dous prazos sen custo adicional. Este ano, motivado polo estado de alarma no que nos atopamos, ampliamos a data límite de entrega de solicitudes ata o 30 de xuño e o primeiro prazo de pago ao 30 de xullo. Estamos satisfeitos de poder ofrecer unha alternativa, que xunto con outras medidas que implantamos, como a ampliación de prazos dos períodos de pago en voluntaria e a flexibilización na concesión de aprazamentos, ampliación de tramos e prazos de fraccionamento, podan facilitar o pago dos impostos máis gravosos para os contribuíntes, como é o caso do IBI".

O goberno municipal de Ames solicitou no ano 2016 a posibilidade de establecer un período especial de pago neste concello para o Imposto de Bens Inmobles (IBI), co obxectivo de aliviar a carga impositiva deste imposto municipal que é o que maior repercusión ten na economía das veciñas e veciños de Ames. En decembro dese ano, a Deputación Provincial da Coruña aceptou a solicitude formulada polo Concello de Ames. Desta maneira, desde o ano 2017, as veciñas e veciños de Ames poden dividir o pagamento do recibo do IBI en dous períodos sen ningún tipo de custe adicional.

O primeiro dos pagamentos ampliaráse este ano ao 30 de xullo, mentres que a segunda metade deberá ser abonada o último día do período de pago establecido para o segundo pagamento, que como regra xeral é o 20 de outubro. As persoas interesadas en fraccionar o pagamento do IBI poderán presentar o impreso de solicitude, antes do 30 de xuño, na sede electrónica da Deputación da Coruña ou na sede electrónica do Concello de Ames, mediante solicitude dirixida ao Servizo de Recadación da Deputación Provincial da Coruña. A presentación do recibo pode realizarse tamén por calquera outro medio dos recollidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, se ben estes poderían verse limitados polo estado de alarma. O impreso de solicitude pódese descargar na seguinte ligazón http://bit.ly/2mQfYh5.

As persoas que xa fixeran a solicitude en anos anteriores non terán que volver a repetir dita operación, senón que xa están dados de alta neste novo sistema voluntario especial de pagamento do IBI ata que se dean de baixa. Para máis información, as interesadas/os poden poñerse en contacto cos Servizos Tributarios da Deputación da Coruña a través do teléfono gratuíto 900132204.

fraccionamento_ibi

Multimedia

  • cartel_fraccionamento_ibi