- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Economía e Facenda, solicitoulle á Deputación da Coruña a ampliación do prazo para solicitar o acollemento da veciñanza amesá ao sistema especial voluntario de pago fraccionado do IBI en dous prazos sen custo. A Deputación aceptou dita solicitude, polo que se amplía ata finais do mes de xuño a posibilidade de poder solicitar e acollerse a este sistema, e pospóñense os prazos dos pagos parciais podendo pagar a metade do recibo do IBI (primeiro pago) o 30 de xullo, e a outra metade (segundo pago) o 20 de outubro, sen ningún tipo de xuro nin custe adicional. Ademais, tamén se ampliarán os prazos previstos para a posta ao cobro en período voluntario en relación ao IBI, IVTM e IAE para este ano 2020.
O Concello de Ames ten establecido desde o ano 2017 a posibilidade dun sistema especial voluntario de pago fraccionado do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) para o pagamento deste imposto en dous prazos sen custo adicional, pagando a metade do recibo en cada prazo, nos meses de xuño e outubro de cada ano. Para poder acollerse a este sistema o contribuínte tiña que presentar unha solicitude á Deputación da Coruña (Servizo de Recadación), antes de finais de maio de cada ano. Debido a situación actual derivada da pandemia do Covid-19, solicitóuselle a Deputación da Coruña ampliar dito prazo.
Por outra banda, solicitóuselle á Deputación da Coruña a ampliación dos prazos previstos para a posta ao cobro en período voluntario e maila data previsible de cargo en conta dos recibos domiciliados, en relación ao IBI, IVTM e IAE para este ano 2020.
Ademais, dende o departamento municipal de Servizos Económicos están traballando na elaboración dun novo Calendario fiscal municipal, que se publicará nas próximas datas para así planificar e facilitar o pago dos impostos, taxas e prezos públicos. Deste xeito, informaráselle á veciñanza e porase a súa disposición as fórmulas de fraccionamento e aprazamento no pago dos impostos, taxas e prezos públicos que xestiona o Concello, e daranse a coñecer as modificacións introducidas na nova Ordenanza Fiscal Xeral que se aprobará definitivamente no Pleno da próxima semana, que inclúen ampliación dos prazos máximos e número de mensualidades de aprazamentos ou fraccionamentos, así como concesións automáticas de aprazamentos para débedas que non excedan de 3.000 euros, medidas de flexibilización dos requisitos para acceder a estes aprazamentos.