Pestanas principais

A Concellería de Economía e Facenda lanza un Calendario Fiscal cun paquete de Medidas Tributarias para paliar a crise da Covid-19

Sábado, 16 de maio de 2020

Desde que se declarou o estado de alarma, derivado da crise sanitaria da Covid-19, a Concellaría de Economía e Facenda estivo a traballar para artellar mecanismos para poder  facilitar o pago dos impostos e taxas, como a ampliación de prazos de pago en voluntaria, facilidades de aprazamentos e fraccionamentos de pagos, ou a calendarización dos mesmos, esperando poder aliviar as cargas das familias e empresas. Desta volta, o Departamento de Economía lanza a información das novas medidas tributarias relativas ao calendario fiscal do Concello de Ames, mellora nas condicións dos aprazamentos e/ou fraccionamento de débedas, ampliacións de prazos de pago dos recibos, e a ampliación de prazos para acollerse ao Sistema especial voluntario de pagamento fraccionado do IBI.

Desde hoxe mesmo, a veciñanza amesá pode acceder ao novo Calendario fiscal do Concello de Ames, onde se recollen as datas de cargo dos recibos domiciliados, o período voluntario de pago dos recibos non domiciliados e as datas de cargo do recibo domiciliado do IBI, mediante o sistema de fraccionamento en dous prazos. O calendario fiscal recolle as medidas tributarias que se foron tomando atendendo á situación excepcional provocada pola crise da Covid-19, polo que podería sufrir modificacións atendendo a esa excepcionalidade, coa fin de adaptarse a novas necesidades que vaian xurdindo.

Aprazamentos e fraccionamentos de Impostos e Taxas
Outra das informacións que achega a Concellaría de Economía e Facenda é a relativa aos aprazamentos ou fraccionamentos das débedas, tanto en impostos e taxas delegadas na Deputación da Coruña, como as xestionadas directamente polo Concello de Ames. En ambos casos, haberá que solicitalo antes da data de cargo, no caso dos recibos domiciliados, e antes da data da fin da voluntaria, no caso dos recibos non domiciliados. No caso dos impostos e taxas delegadas na Deputación da Coruña (IBI, IVTM, IAE, taxa de entrada de vehículos e reservas da vía pública, taxa pola ocupación de terreos de uso público para terrazas, taxa para a instalación de postos, barracas, casetas de venda ou espectáculos) as solicitudes deberán presentarse na Sede Electrónica da Deputación dirixida ao Servizo de Recadación, ou por calquera outro medio dos recollidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015. Para máis información, as interesadas/os poden chamar ao número de teléfono gratuíto 900132204, ou a través do enderezo electrónico atencion.tributaria@dacoruna.gal.

No caso dos impostos e taxas xestionadas directamente polo Concello de Ames (taxa do lixo, saneamento e auga; taxa do cemiterio municipal; taxa pola utilización privativa de caixeiros; taxa dos servizos complementarios educativos e de conciliación; taxa polo servizo de axuda no fogar; taxas dos servizos lúdicos; varios prezos públicos) as solicitudes deberán presentarse na Sede Electrónica do Concello de Ames dirixida ao Servizo de Recadación Municipal, ou por calquera outro medio dos recollidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015. Para máis información, as interesadas/os poden chamar ao número de teléfono 981884896, ou a través do enderezo electrónico ames@canaltributos.com.

Nos recibos delegados para a súa xestión na Deputación da Coruña poderán aprazarse e fraccionarse débedas de mínimo 100€ en distintos prazos ata un máximo de 12 mensualidades, e no caso de débedas superiores a 3.000€ ata un máximo de 24 mensualidades. A concesión será automática para débedas de contía inferior a 30.000€, tan só terán que xustificar a insuficiencia de medios para poder facer fronte ao pago cunha declaración responsable.

No caso dos recibos das taxas que xestiona directamente o Concello poderán aprazarse débedas de importe superior a 100€ e no caso de situacións de exclusión social ou risco tamén as débedas inferiores a ese importe. A concesión será automática para débedas inferiores a 6.000€ e non terán que xustificar a insuficiencia de medios. Poderán fraccionarse por tramos dependendo da cantidade e os tramos van desde un máximo de 6 meses para débedas de entre 100€ e 300€ ata un máximo de 21 meses para débedas superiores a 4.500€. Tamén se poderán ampliar estes prazos en situacións de exclusión social ou risco.

Sistema Especial de Pagamento fraccionado do IBI en 2 prazos
O Concello de Ames amplía os prazos para acollerse ao Sistema especial voluntario de pagamento fraccionado do IBI que divide o recibo en dous prazos sen custe adicional. Desde o ano 2017, as veciñas e veciños de Ames teñen a posibilidade de solicitar o novo sistema especial de pagamento en dous prazos do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI). Este ano, motivado polo estado de alarma da Covid-19, amplíase a data límite de entrega de solicitudes que remataba o 29 de maio ao 30 de xuño e o primeiro prazo de pago que era o 20 de xuño trasládase ao 30 de xullo. O impreso de solicitude pódese descargar na seguinte ligazón http://bit.ly/2mQfYh5. Con esta medida, que se desenvolve por cuarto ano consecutivo, ofrécese a posibilidade de dividir o recibo de IBI en dous prazos, pagando o 50% do recibo o 30 de xullo e o outro 50% o 20 de outubro, sen custe adicional.

A presentación do impreso de solicitude pode realizarse na sede electrónica da Deputación da Coruña ou na sede electrónica do Concello de Ames, mediante solicitude que terá que ir dirixida ao Servizo de Recadación da Deputación Provincial da Coruña. Asemade, a presentación do recibo pode realizarse por calquera outro medio dos recollidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, se ben estes poderían verse limitados polo estado de alarma. Para máis información, as interesadas/os poden poñerse en contacto cos Servizos Tributarios da Deputación da Coruña a través do teléfono gratuíto 900132204.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, afirma que “somos conscientes que estamos a vivir unha situación excepcional motivada pola crise sanitaria da Covid-19, que leva aparellada unha crisis económica de gran calado que haberá que afrontar implementando medidas por parte das distintas Administracións Públicas e traballando de xeito conxunto para paliar os efectos desta crise. Desde o Goberno de Ames estamos a desenvolver e impulsar moitas iniciativas que xa se puxeron en marcha en diferentes áreas e outras novas nas que estamos traballando coma o Plan de Reactivación Económica. Complementando estas actuacións, desde o Departamento Económico lanzamos estas Medidas Tributarias Covid-19 que inclúen o Calendario Fiscal para o 2020, no que se amplían os prazos de pago voluntario, se flexibilizan e facilitan os trámites para as concesións de aprazamentos e fraccionamentos dos recibos e impostos, de xeito que podan beneficiar as familias e empresas e podan tamén planificar con tempo as súas economías”.

Impostos Portada

Multimedia

  • Calendario fiscal do Concello de Ames para 2020
  • Impostos e Taxas
  • IBI fraccionado