Actualidade

Ex., 12-06-2025
Ex., 12-06-2025
Xoves, 08 de maio de 2025
Abre o prazo de inscrición na Foliada con Apego do venres 16 de maio

O programa Apego continúa o seu programa de actividades durante o mes de maio coa actividade “Foliada con Apego”, que se vai desenvolver no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, o venres 16 de maio, ás 18:00 horas. As persoas interesadas en anotarse poden facelo enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal desde hoxe e ata o 15 de maio, no que se indique o nome da actividade, nome e apelidos das persoas asistentes, idade dos nenos/as e un número de teléfono de contacto. A programación do Apego para o primeiro semestre do 2025 pode consultarse premendo nesta ligazón.

Mércores, 07 de maio de 2025
Ames acolle o 14 de maio unha exhibición solidaria de medios da Garda Civil

A área deportiva de Bertamiráns vai acoller o vindeiro mércores, 14 de maio, unha exhibición de medios da Garda Civil. Pola mañá, de 10.00 a 14.00 horas, a exhibición está dirixida ao alumnado dos centros educativos, mentres que pola tarde, de 16.00 a 18.00 horas, o acceso será libre para a veciñanza que queira acudir. A través desta actividade o servizo da Garda Civil ofrece unha exhibición dos seus servizos. Ao mesmo tempo faise unha recollida de alimentos non perecedoiros. Anímase a veciñanza a colaborar nesta iniciativa solidaria. Todos os produtos que se recollan serán doados a Cáritas Milladoiro e Cáritas San Xoan de Ortoño.

Mércores, 07 de maio de 2025
O Concello de Ames celebra este venres a XVII edición da Gala do Deporte na Casa da Cultura de Bertamiráns

O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá este venres, 9 de maio, a XVII edición da Gala do Deporte, onde se homenaxeará aos deportistas máis destacados de Ames, xunto coas diversas entidades deportivas do concello. O acto terá lugar ás 20.30 horas e, un ano máis, estará presentado polos xornalistas Lorena Pose e Diego Viaño. A votación do público para escoller o seu deportista favorito/a está aberta ata hoxe ás 23:59, podes votar na seguinte ligazón.

Martes, 06 de maio de 2025
O Concello de Ames elabora unha programación específica con motivo do Ano Castelao

O Concello de Ames presentou esta mañá a programación elaborada con motivo do Ano Castelao. Dita presentación realizouse na Casa da Cultura de Bertamiráns con motivo da exposición dunha reprodución do cadro “A derradeira leición do mestre”. O grupo Chévere fixo unha reprodución do cadro para presentala en contextos públicos diversos, asociada a un breve cuestionario ao que se accede desde un código QR. Esta actividade enmárcase no proceso de creación da nova obra de teatro que a compañía está preparando. Trátase dun espectáculo protagonizado por Patricia de Lorenzo e Miguel de Lira, que toma como punto de partida o cadro de Castelao, para falar de como se constrúen as narrativas da memoria. Trala presentación, ás 12.30 horas, as persoas maiores do obradoiro de memoria de Amessán asistiron a unha charla con Patricia de Lorenzo e Xesús Ron de Chévere na que falaron sobre “A derradeira leición do mestre”.

Martes, 06 de maio de 2025
A II edición dos Premios XEA reúne preto de 100 persoas nun acto de celebración empresarial en Ames

A Xunta de Empresarios de Ames (XEA) celebrou este luns, 5 de maio, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, a segunda edición dos Premios XEA, coincidindo coa presentación da súa nova páxina web e slogan “Eu son XEA”. O evento congregou a preto de cen persoas, a maioría deles socios e socias da asociación aos que tamén se uniron o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e outros membros do Goberno local, así como representantes dos grupos políticos da Corporación municipal, nun acto que puxo en valor o tecido empresarial do municipio.

Martes, 06 de maio de 2025
Remata a segunda edición do ciclo de xornadas sobre saúde en Bugallido cunha sesión sobre medicina nuclear

O pasado 24 de abril, o Centro Cultural Mahía de Bugallido acolleu a última das sesións do programa “Abril, mes da saúde en Bugallido”, un ciclo de xornadas de divulgación para achegar á veciñanza diferentes aspectos relacionados co ámbito sanitario e o noso benestar. Nesta última sesión, a médica e xefa do Servizo de Medicina Nuclear do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, Virginia Pubul Núñez, impartiu unha charla sobre a especialidade da medicina nuclear.

Luns, 05 de maio de 2025
A Escola Municipal de Música de Ames celebra o 20 aniversario cunha gala musical no Milladoiro

Esta mañá presentouse no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro a Gala 20 aniversario da Escola Municipal de Música de Ames, que se celebrará o venres 23 de maio, ás 19.30 horas, no pavillón municipal do Milladoiro. Haberá diversas actuacións musicais a cargo do combo xuvenil e de antigos alumnos/as da EMMA. Tamén se proxectará un vídeo conmemorativo da Escola Municipal de Música. Están convidados os alcaldes e concelleiros/as responsables da EMMA dende a súa creación, así como antigos profesores e profesoras que impartiron clase en dita escola. Esta gala enmárcase dentro da programación especial do 20 aniversario. Durante este curso hai arredor de 175 alumnos/as matriculados na EMMA.

Luns, 05 de maio de 2025
O programa Trouleado retoma a súa actividade neste mes de maio cunha xornada do xogo ‘Humor Amarillo’

A Concellaría de Mocidade continúa a organizar diferentes actividades nunha nova edición do programa Trouleando. Desta vez, os mozos e mozas amesáns poderán gozar o vindeiro 25 de maio dunha xornada de ‘Humor Amarillo’, un xogo no que os participantes teñen que realizar varias probas do máis orixinais. A actividade é de balde e está dirixida para a mocidade nada entre 1995 e 2012. O prazo para inscribirse comeza este mércores, día 7 de maio, e estará aberto ata o vindeiro luns, día 12. Para participar, é preciso enviar a ficha de inscrición cuberta e asinada ao enderezo xuventude@concellodeames.gal. Hai 50 prazas dispoñibles e adxudicaranse pola orde de chegada das solicitudes. Pódese descargar a ficha de inscrición na seguinte ligazón.

Luns, 05 de maio de 2025
Volven os Encontros Literarios este mércores coa presentación de “A mirada de Flor” de Margarita Murillo

Neste mes de maio, no que se conmemora o Día das Letras Galegas o vindeiro día 17, continúa a programación dos Encontros Literarios. Nesta ocasión, coa presentación do libro “A mirada de Flor”, da amesá Margarita Murillo. A sesión terá lugar este vindeiro mércores, día 7, ás 20.00 horas, no Pazo da Peregrina. Como vén sendo habitual, a entrada será libre ata completar aforo.

Domingo, 04 de maio de 2025
Máis de 200 persoas asistiron ás proxeccións do programa Abril de Cine

O pasado martes, 22 de abril, púxose fin a unha nova edición do programa Abril de Cine, unha iniciativa enmarcada dentro da programación deseñada polo departamento de Cultura do Concello de Ames. O obxectivo principal deste proxecto era achegar o cinema galego actual á veciñanza amesá. Desta volta, houbo tres sesións de cine nas que se proxectaron, por unha parte, os filmes “Prefiro condenarme”, de Margarita Ledo, e “Filmei paxaros voando”, de Zeltia     Outeiriño, e por outra, unha sesión con catro curtas diferentes. No ciclo deste ano participaron un total de 235 persoas, superando amplamente as cifras de asistencia da pasada edición (125 persoas).