- Tematica
O pasado 24 de abril, o Centro Cultural Mahía de Bugallido acolleu a última das sesións do programa “Abril, mes da saúde en Bugallido”, un ciclo de xornadas de divulgación para achegar á veciñanza diferentes aspectos relacionados co ámbito sanitario e o noso benestar. Nesta última sesión, a médica e xefa do Servizo de Medicina Nuclear do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, Virginia Pubul Núñez, impartiu unha charla sobre a especialidade da medicina nuclear.
A Asociación Veciñal de Bugallido, en colaboración co Centro Cultural Mahía e a Sociedade Agraria de Bugallido, Ortoño e Biduído, organizou por segundo ano consecutivo unha nova edición do seu ciclo de xornadas sobre saúde, unha iniciativa que ten como obxectivo achegar á veciñanza diferentes aspectos relacionados co ámbito sanitario e o noso benestar.
Ao longo de todo o mes de abril, o Centro Cultural Mahía de Bugallido acolleu en total catro sesións de divulgación, realizándose a derradeira este pasado xoves 24 de abril. Nesta última sesión, a xefa do Servizo de Medicina Nuclear do CHUS, Virginia Pubul Núñez, achegoulles aos asistentes unha das especialidades médicas máis descoñecidas como é a medicina nuclear, distinguida por empregar radioactivos con fins diagnósticos, terapéuticos e de investigación.
Virginia Pubul afondou nos beneficios de empregar esta especialidade, así como desmontar posibles estigmas que poida ter a poboación xeral ante o uso de radiación ou as principais enfermidades nas que se usa, como no tratamento de certas patoloxías cardíacas, cancros ou incluso o párkinson. Así mesmo, fixo tamén fincapé na importancia do apoio á investigación, para así mellorar e perfeccionar estes fármacos.
Tres coloquios e un obradoiro de primeiros auxilios
O programa “Abril, mes da saúde en Bugallido” comezou o pasado 27 de marzo co desenvolvemento dun obradoiro de primeiros auxilios, impartido por Olga Prados Nieto, enfermeira do Servizo de Urxencias do Chus. Nesta actividade, ofrecéronse pautas básicas de como temos que actuar ante situacións de primeiros auxilios coas que nos podemos atopar en calquera momento e, polo tanto, saber actuar ante elas pode salvar vidas.
Por outra banda, a segunda das xornadas foi a charla “Vacinas. Salvando vidas”, impartida polo internista da Unidade de Enfermidades Infecciosas do CHUS, Pablo Varela García. Nesta sesión, púxose o foco na importancia do uso das vacinas para protexernos e salvar vidas, así como na firme defensa da sanidade pública.
En canto á terceira sesión, impartida pola farmacéutica experta en pel e menopausia Paula Lijó Marcote, tivo como eixo central o coidado da nosa pel xunto con diferentes cuestións e aspectos relacionados coa menopausia, unha etapa da vida das mulleres que segue a estar rodeada de múltiples estigmas.