- Tematica
A Concellaría de Mocidade continúa a organizar diferentes actividades nunha nova edición do programa Trouleando. Desta vez, os mozos e mozas amesáns poderán gozar o vindeiro 25 de maio dunha xornada de ‘Humor Amarillo’, un xogo no que os participantes teñen que realizar varias probas do máis orixinais. A actividade é de balde e está dirixida para a mocidade nada entre 1995 e 2012. O prazo para inscribirse comeza este mércores, día 7 de maio, e estará aberto ata o vindeiro luns, día 12. Para participar, é preciso enviar a ficha de inscrición cuberta e asinada ao enderezo xuventude@concellodeames.gal. Hai 50 prazas dispoñibles e adxudicaranse pola orde de chegada das solicitudes. Pódese descargar a ficha de inscrición na seguinte ligazón.
O programa Trouleando segue a traer propostas do máis divertidas e diferentes para os mozos e mozas de Ames neste mes de maio. Nesta ocasión, organizan unha mañá nas instalacións de Monte Alba (Vigo) na que os participantes poderá gozar dunha xornada de ‘Humor Amarillo’, un xogo que consiste en realizar diferentes probas do máis orixinais e nas que as risas están máis que aseguradas.
Nesta nova actividade do Trouleando, a mocidade de Ames terá que amosar cal é o equipo que conta cunha maior axilidade, destreza e valentía, aínda que o obxectivo principal é pasalo ben entre todos e todas botando unhas boas gargalladas. Algunhas das probas ás que se terán que enfrontar os equipos serán a carreira de dragóns, loita de gladiadores, combates de sumo ou a ponte colgante.
A actividade realizarase o vindeiro domingo 25 de maio pola mañá. Como vén sendo habitual, haberá servizo de autobús desde o Pazo da Peregrina, de Bertamiráns, ás 9.15 horas, e desde a Casa da Cultura do Milladoiro, ás 9.30 horas. O regreso está previsto que sexa arredor das 15.15 no Milladoiro e ás 15.30 horas en Bertamiráns.
Inscricións
As persoas interesadas en participar poderán inscribirse desde este mércores, día 7 de maio, ata o vindeiro luns día 12. Nesta liña, deberán de enviar a ficha de inscrición cuberta e asinada ao enderezo electrónico xuventude@concellodeames.gal. Só poderán inscribirse mozos e mozas empadroados en Ames, nados entre 2012 e 1995. Hai 50 prazas dispoñibles e asignaranse por orde de chegada. Pódese descargar a ficha de inscrición na seguinte ligazón.
Recoméndase que os participantes traian roupa e calzado cómodo, xunto cunha muda completa de recambio e tamén unha toalla. Con todo, a empresa na que se realiza a actividade ofrecerá o resto de material preciso para participar nos xogos. Ademais, quen o desexe, pode levar algo de comida de ‘picoteo’ xa que o recinto conta cun espazo de merendeiro.
Así mesmo, será preciso contar cun mínimo de 20 mozos/as para desenvolver esta xornada; en caso contrario, o Concello de Ames, poderá anular a actividade. Para resolver calquera dúbida contacta co departamento de Xuventude chamando ao número de teléfono 616 08 32 29 ou enviando un correo electrónico ao enderezo: xuventude@concellodeames.gal.