Solapas principales

Xuntanza da nova directiva de Jupemi con alcalde e a concelleira de servizos sociais

Lunes, 06 de abril de 2026

A Asociación de Xubilados e Pensionistas do Milladoiro (JUPEMI) vén de renovar a súa directiva, abrindo unha nova etapa centrada en reforzar a participación e ampliar a oferta de actividades dirixidas ás persoas maiores. A nova executiva mantivo xa unha primeira reunión institucional co alcalde de Ames, Blas García, e coa concelleira de Servizos Sociais, Uxía García, na Casa dos Maiores do Milladoiro.

Durante o encontro, ambas partes coincidiron na necesidade de fortalecer a coordinación e establecer canles de comunicación estables. Neste sentido, acordouse a celebración de xuntanzas trimestrais que permitan planificar conxuntamente a programación e dar resposta ás necesidades do colectivo.

Entre as principais demandas trasladadas pola asociación figura o reforzo das actividades de baile, unha das propostas con maior aceptación, así como a organización máis frecuente de saídas culturais, co obxectivo de fomentar a participación e o envellecemento activo.

Na reunión tamén se abordou a necesidade de mellorar a difusión dos servizos municipais, xa que moitas persoas maiores descoñecen os programas dispoñibles. O Concello comprometeuse a impulsar campañas informativas específicas, facendo especial fincapé no Plan de Saúde Mental municipal, do que este colectivo é un dos principais destinatarios.

O alcalde de Ames, Blas García, puxo en valor o papel do asociacionismo e a importancia de reforzar a colaboración institucional pois “as asociacións como JUPEMI son fundamentais para manter activa á nosa veciñanza maior. Dende o Concello queremos acompañar este traballo e garantir que teñan os recursos necesarios para seguir desenvolvendo a súa actividade”.

Blas García tamén destacou a necesidade de mellorar o acceso á información sobre os recursos públicos pois “temos servizos moi útiles que ás veces non chegan a quen máis os precisa. O noso reto é facelos máis visibles e accesibles para que ningunha persoa quede sen beneficiarse deles por descoñecemento”.

De cara ao futuro, o rexedor avanzou algunhas das principais liñas estratéxicas do goberno local en materia de políticas para maiores, como a creación dun centro de maiores, a ampliación das funcións da Cociña Central para incluír o programa Xantar na Casa, e o impulso de iniciativas como a vivenda interxeracional. Ademais, informou das xestións realizadas coa Xunta de Galicia para favorecer a implantación de centros de día e residencias en Ames.

Neste sentido, subliñou que “queremos que Ames sexa un lugar onde envellecer con calidade de vida, con servizos próximos e oportunidades para seguir participando activamente na sociedade”.

A nova directiva de JUPEMI queda conformada por Aída Ranlli como presidenta, Trinidad Cerdeira como vicepresidenta, Begoña Campillo como secretaria, María del Carmen Viqueira como tesoreira, e Teresa Álvarez e Guillermo Lareo como vogais.

Xuntanza da nova directiva de Jupemi con alcalde e a concelleira de servizos sociais

Multimedia

  • Xuntanza da nova directiva de Jupemi con alcalde e a concelleira de servizos sociais
  • Xuntanza da nova directiva de Jupemi con alcalde e a concelleira de servizos sociais