Solapas principales

A Xunta de Goberno Local aprobou subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro por valor de 60.000 €

Martes, 03 de agosto de 2021

Nove entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro serán as beneficiarias das subvencións que para a promoción de actividades de Servizos Sociais Comunitarios e Inclusión Social do Concello de Ames vén de aprobar a Xunta de Goberno Local na súa sesión do 29 de xullo. As subvencións axudarán a promover accións e actividades de inserción social, dirixidas especialmente a persoas e colectivos con dificultades especiais.

Arcea Adames, a Asociación de Persoas Xordas de Santiago, Caritas Diocesana de Ortoño e Caritas Diocesana do Milladoiro, Fonte da Virxe, Fundación Tierra de Hombres, Igaxes 3, AECC e INGADA son as entidades beneficiarias das subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que o Concello de Ames concede no ano 2021.

Nove entidades que promoven un total de 14 proxectos que van dende a educación emocional, ao acompañamento integral pasando por cubrir necesidades básicas ou a axudas ao alugueiro.

A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, destacou “é de agradecer a colaboración e a coordinación que se mantén con estas e outras asociacións que tan gran labor fan no noso concello complementando o traballo que se leva a cabo dende os servizos sociocomunitarios básicos”. E engadiu “cada ano son máis as asociacións que concorren a esta subvención polo que este ano ampliamos a contía a 60.000€.”  Luísa Feijóo quixo destacar, ademais, a calidade dos catorce proxectos e programas presentados polas distintas asociacións solicitantes.

A Asociación Arcea Adames presentou un proxecto para traballar a autonomía persoal e a educación emocional con intervención en comunicación e linguaxe. Este proxecto propón actuacións destinadas a adquirir capacitación persoal, formación básica e de tipo laboral específica adaptada ás necesidades das persoas con discapacidade intelectual coas que traballa.

A Delegación de Caritas Diocesana Santiago Parroquial de Ortoño pediu esta subvención para un proxecto de alugueiros e outro de necesidades básicas. Pola súa banda, Caritas Diocesana Santiago Parroquial de Milladoiro presentou ás subvencións tres proxectos: “Areté”, “Vivenda para todos” e “Itinerarios 2021”. As liñas de actuación de ámbalas dúas delegacións inclúen programas integrais de base comunitaria que desenvolven actuacións preventivas de intervención e seguimento das persoas en risco de exclusión social.

A Asociación “Fonte da Virxe” de familiares e amigos dos enfermos mentais presentou un proxecto de acompañamento integral no rural, cuxas actuacións incluirán programas de inserción social e irán dirixidas a colectivos con especiais dificultades.

A actuación que propón A Asociación de Persoas Sordas de Santiago resúmese no proxecto de comunicación e interpretación de linguaxe de signos e inclúe liñas de inserción social dirixidas a colectivos con especiais dificultades.

A Asociación Tierra de Homes titulou o seu proxecto “Viaxe cara a vida”, un traballo dirixido tamén a axudar na reinserción a colectivos con especiais dificultades.

Igaxes 3, unha ONG que ten como obxectivo garantir o futuro da infancia e da xuventude, presentou dous proxectos “Competencias familiares” e “Escola de vida”. O colectivo presenta “Escola de vida” para impedir que as carencias materiais, afectivas, a desprotección ou inseguridade poñan en perigo a educación e o futuro de miles de nenos e nenas. No caso de “Competencias familiares” é un proxecto que une o apoio á vivenda, á manutención, á formación e acceso ao emprego, apoio ás familias ou á autonomía e á independencia.

A Asociación Española Contra o Cancro presentou o proxecto “Educación para a saúde”, un traballo onde os educadores sociais queren concienciar sobre a importancia de levar un estilo de vida saudable e unha alimentación axeitada.

INGADA pola súa banda presentou un proxecto titulado “Facendo comunidade”. Este proxecto está destinado a mellorar a atención ás persoas afectadas por TDAH e trastornos asociados e ás súas familias en todos os ámbitos da vida.

O importe total das subvencións é de 60.0000 euros. As entidades deberán proceder á xustificación, antes do 31 de agosto de 2021, das actuacións realizadas e aboadas polas entidades no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2021.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego:"Subvenciones para que Cáritas cubra necesidades de vivienda"

Revista AmesGO: "O Concello destinará 60.000 euros a entidades sen ánimo de lucro"

Oficina de Servizos Sociais do Milladoiro