Solapas principales

A Xunta de Goberno Local aproba a oferta de emprego público extraordinaria de estabilización do Concello de Ames

Lunes, 23 de mayo de 2022

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar hoxe, 23 de maio, a Oferta de Emprego Público para a estabilización de emprego temporal no Concello de Ames correspondente á Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, cun total de 118 prazas (38 de persoal funcionario e 80 de persoal laboral). Trala aprobación en Xunta de Goberno Local a OEP 2022 do Concello de Ames ten que ser publicada no diario oficial correspondente antes do 1 de xuño. Trátase dun proceso de estabilización no que a maior parte das prazas se estabilizarán unicamente por medio dun concurso de méritos (prazas afectadas polas disposicións adicionais sexta e oitava da Lei 20/2021 de redución da temporalidade) e outras prazas serán estabilizadas mediante o sistema de concurso-oposición (prazas afectadas polo artigo 2 da Lei 20/2021 de redución da temporalidade).

Cumprindo o seu compromiso de crear emprego estable e reducir a temporalidade dentro da Administración Pública, tras negocialo cos sindicatos, o Goberno municipal, aprobou hoxe en Xunta de Goberno Local o proceso de regularización para reducir o persoal interino no Concello. Coa aprobación desta oferta, o Concello de Ames cumpre puntualmente co prazo establecido pola Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, que establece a obrigación para todas as administracións públicas de aprobar a súa oferta antes do 1 de xuño de 2022.

A Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, entre outras medidas, prevé que teña lugar un proceso de estabilización do emprego temporal nas Administracións Públicas, mediante a convocatoria en determinados sectores de actividade, en quenda libre, dun número de prazas superior ao resultante da taxa de reposición derivada das exixencias Lei 22/2021, de 28 de decembro, de presupostos Xerais do Estado para o ano 2022 (LPXE 2022).

De conformidade coas disposicións da Lei 20/2021, do mesmo xeito que para calquera outra convocatoria de acceso ao emprego público, as prazas que se pretendan convocar para o desenvolvemento deste proceso deberanse incluír nunha oferta de emprego público ou instrumento de ordenación similar, aprobada polo órgano competente.

Dita lei recolle a obrigatoriedade de baixar do 8% de interinidade nas administracións públicas. Para reducir a temporalidade establécense dúas vías. A primeira é a estabilización de prazas de carácter estrutural que levan ocupadas por un/unha interino/a ou varios/as desde o 1 de xaneiro de 2016. Isto está recollido nas disposicións adicionais sexta e oitava da Lei 20/2021. Ditas prazas serán convocadas a través dun proceso de concurso de méritos que se convocará unha única vez. Farase a través dun sistema de libre concorrencia e poderase presentar calquera persoa coa titulación requirida achegando os seus méritos. No baremo de méritos prevalecerá a experiencia no posto.

A segunda vía é para a estabilización de prazas de carácter estrutural ocupadas de forma temporal sen interrupción nos tres últimos anos anteriores ao 31 de decembro de 2020 (prazas afectadas polo artigo 2 da Lei 20/2021 de redución da temporalidade). Ditas prazas serán convocadas a través dun proceso de concurso – oposición. A fase de concurso terá unha valoración do 40% (tendo en conta maioritariamente a experiencia no posto).

A oferta inclúe 118 prazas
Trala aprobación da Lei 20/2021, do 28 de decembro, creouse unha comisión de traballo para a estabilización do persoal municipal. Deste xeito, dende o pasado mes de decembro de 2021, os representantes sindicais do persoal municipal e mailo Goberno local negociaron a elaboración de dita oferta de emprego. Os integrantes do Comité de Empresa e da Xunta de Persoal chegaron a un acordo co Goberno municipal para incluír neste oferta de emprego todas as prazas afectadas pola Lei 20/2021.

A Oferta de Emprego Público (OEP) extraordinaria de estabilización do ano 2022 do Concello de Ames inclúe 118 prazas (38 de persoal funcionario e 80 de persoal laboral). Unha vez aprobada a oferta de emprego en Xunta de Goberno Local ten que saír publicada no diario oficial correspondente antes do 1 de xuño. A continuación abre un prazo, ata o 31 de decembro de 2022, para publicar as bases das distintas convocatorias, e por último, haberá dous anos, ata o 31 de decembro de 2024 para desenvolver e executar todas as convocatorias.

O concelleiro de Administración Xeral, Víctor Fernández, explica que “esta medida permitirá dar resposta á situación de temporalidade que afecta a unha parte do persoal do Concello, reafirmando a disposición do Goberno local a dar maior seguridade aos traballadores interinos, dentro dos marcos definidos pola lei. O seguinte paso para avanzar no proceso de estabilización será aprobar as bases e convocar os correspondentes procesos selectivos, para o que a Lei 20/2021 sinala como data límite o 31 de decembro de 2022, debendo quedar resoltos completamente os procesos selectivos antes do 31 de decembro de 2024”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames, Negreira, Oroso, A Baña, Teo, Vedra, Brión y Boimorto  convocan 322 plazas para estabilizar a sus plantillas"

El Correo Gallego: "O Concello busca consolidar o emprego de 38 funcionarios e 80 contratados"

Enfoques: "Ames, Negreira, Oroso, A Baña y Brión estabilizarán 243 puestos de trabajo"

Lindeiros: "Ames reducirá a temporalidade de 118 prazas de emprego público"

A Xunta de Goberno Local aproba a oferta de emprego público extraordinaria de estabilización do Concello de Ames