Solapas principales

A Xunta de Goberno Local aproba o expediente de licitación das obra para a renovación da iluminación pública do núcleo urbano de Bertamiráns

Sábado, 07 de mayo de 2022

O pasado 28 de abril a Xunta de Goberno Local aprobou o expediente de licitación, mediante procedemento aberto simplificado do contrato de renovación da iluminación pública do núcleo urbano de Bertamiráns, que estará cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no  marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020.

Tras analizar a situación actual da iluminación pública da zona de Bertamiráns, obtense que esta é ineficiente e o seu estado non é o correcto, debido, fundamentalmente, a factores de cegamento altos, elevada contaminación luminosa de alta intensidade, defectos nas conexións a terras,  réximes de iluminación moi altos en varias zonas, atc. Así mesmo, unha boa parte dos elementos que compoñen as instalacións existentes son antigos e ineficientes.

En concreto, actualmente os 940 puntos de luz sobre os que se actuará son luminarias con lámpadas de vapor de sodio alta presión, LED,  halogenuros metálicos e vapor de  mercurio e potencias de 250  W, 150  W, 125  W, 80  W e 50  W que non cumpren co regulamento de eficiencia enerxética nas instalacións de iluminación exterior, e os centros de mando dos que se alimentan atópanse nun estado de conservación deficiente, non cumprindo co regulamento  electrotécnico de baixa tensión (REBT). Así mesmo, a cualificación enerxética das distintas instalacións é deficiente, non alcanzando en ningún caso o nivel A.

Por este motivo, o  Concello de Ames considera necesaria unha reforma integral, que actualice as instalacións existentes e incremente a eficiencia enerxética das mesmas, permitíndolle ao Concello optimizar os recursos, tanto económicos como humanos, dedicados ás mesmas. En concreto, as actuacións previstas pódense clasificar en dous grupos:

a) Substitución de luminarias por outras con tecnoloxía LED.
b) Reforma da instalación eléctrica.

Os resultados esperados que se pretenden alcanzar coa operación son:
    • A mellora da eficiencia enerxética.
    • A redución da contaminación  lumínica.
    • A redución do consumo de enerxía final en infraestruturas públicas.
    • A  implantanción de solucións integradas en eficiencia enerxética.
    • A redución anual de gases efecto invernadoiro (GEI).

O contrato “Renovación da iluminación pública do núcleo urbano de Bertamiráns”  ten encaixe na liña A6, “Programa de mellora dos índices de consumo de enerxía nas vías, infraestruturas e edificios públicos”, da estratexia  DUSI Impulsa Ames e que se sitúa dentro do ámbito do Programa Operativo  Plurirrexional de España – FEDER, axustándose ás categorías de intervención ás que haberá que atribuír o gasto da operación.

Características do contrato
A actuación principal é a substitución de 940 luminarias convencionais por outras con tecnoloxía LED, de potencia inferior pero que achegarán un fluxo luminoso similar. As novas luminarias dispoñerán de  driver  pre-programado para redución de fluxo de maneira automática de forma  temporizada unha vez activada a orde de aceso das instalacións.

Ademais, levarase a cabo a reforma dun cadro de mando e a instalación de 6 novos. Esta actuación contribuirá a reducir o consumo enerxético do municipio, buscando a eficiencia na xestión enerxética das infraestruturas e equipamentos públicos.

A presente actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) cunha taxa de cofinanciamento do 80% dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020, enmarcado dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Impulsa Ames, de conformidade coa Resolución do 21 de xullo de 2017, da Secretaria de Estado de Orzamentos e Gastos, pola que se resolve a concesión definitiva de axudas da segunda convocatoria para a selección de estratexias de desenvolvemento urbano sostible e integrado.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "El cambio de mil luminarias permitirá que Bertamiráns pueda lucir su ahorro"

Imaxe do núcleo urbano de Bertamiráns

Multimedia

  • Actuarase sobre 940 puntos de luz