Solapas principales

A Xunta de Goberno Local aproba as axudas aos traballadores/as municipais con cargo ao Fondo de Acción Social de 2018

Viernes, 18 de octubre de 2019

Este xoves, 17 de outubro, celebrouse unha nova sesión da Xunta de Goberno Local na que se aprobaron as axudas aos traballadores/as municipais con cargo ao Fondo de Acción Social, correspondente á convocatoria do exercicio 2018. Tamén se aprobou a modificación do prazo de execución parcial das obras de mellora do camiño de Firmistáns á estrada de Tarrío e do camiño a Ínsua, incluídas no plan de camiños municipais 2019-2020 de AGADER. Por último, aprobouse de xeito definitivo o refundido da modificación do proxecto de urbanización APE B7-06 Rego dos Pasos Sur IV e maila adxudicación do expediente de licitación do contrato de servizo privado artístico “Maxia de estrelas 2019”.

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a concesión, por cumprir cos requisitos establecidos no Regulamento do Fondo de Acción Social, das axudas solicitadas con cargo á convocatoria do exercicio 2018 do Fondo de Acción Social. A contía total das axudas repartidas entre os traballadores/as municipais ascende a 60.000 euros. Asemade, denegouse algunhas axudas solicitadas a dito fondo por diferentes motivos recollidos no regulamento do FAS e estimáronse os recursos presentados contra as denegacións de axudas da convocatoria 2017 do Fondo de Accións Social.

Tamén se aprobou a modificación do prazo de execución parcial das obras de mellora do camiño de Firmistáns á estrada de Tarrío e do camiño a Ínsua, incluídas no plan de camiños municipais 2019-2020 da Axencia Galega de desenvolvemento rural (AGADER). O prazo establecido pola convocatoria das axudas para xustificación da anualidade correspondente ao 2019 era inicialmente e, no momento de aprobarse o expediente de licitación das obras, o 16 de setembro de 2019.

Isto implicaba que en dita data, a metade da obra (anualidade 2019), debería estar executada, pagada ao contratista e presentada a correspondente documentación xustificativa ante o AGADER. Isto quedou reflectido nos pregos  que rexían a licitación. Unha vez iniciado o prazo de presentación de proposicións da licitación, no Diario Oficial de Galicia modificouse o prazo de xustificación das inversións correspondentes a anualidade 2019, establecendo como novo prazo para executar e xustificar as inversións o 30 de decembro de 2019.

Proxecto de urbanización APE B7-06 Rego dos Pasos Sur IV
Por outra banda, aprobouse de xeito definitivo o refundido da modificación do proxecto de urbanización APE B7-06 Rego dos Pasos Sur IV e desestimáronse dúas alegacións presentadas a dito proxecto. Relacionado con este proxecto tamén se aprobou habilitar á Xunta de Compensación do PPB 4-07 Rego dos Pasos Norte do PXOM, para iniciar o procedemento de ocupación forzosa de predio de propietarios non incorporados a favor daquela, a fin de posibilitar a execución das obras de urbanización do referido ámbito, así como requirir á Xunta de Compensación do PPB 4-07  Rego dos Pasos Norte do PXOM, a presentación dun proxecto de ocupación forzosa para a tramitación do procedemento correspondente.

Por último, aprobouse a declaración de deserto do procedemento  aberto suxeito a regulación harmonizada do subministro de combustible (gasóleo A, gasolina 95 sen chumbo e gas licuado do petróleo) para o Concello de Ames que se corresponden cos lotes 1, 2 e 5 do expediente de licitación; e maila adxudicación do expediente de licitación do contrato de servizo privado artístico “Maxia de estrelas 2019”, correspondente ao décimo cuarto Festival de Maxia, que se celebrará no concello de Ames do 21 ao 27 de outubro.

Imaxe da Casa do Concello