Solapas principales

A Xunta de Goberno Local aproba a adxudicación do subministro de equipos para a renovación do alumeado público de Oca e Raíces e nas estrada de Pedrouzos, Paramuíño e Cortegada

Jueves, 10 de octubre de 2019

Esta mañá celebrouse unha nova sesión da Xunta de Goberno Local na que se aprobou a adxudicación do subministro de equipos para a renovación do alumeado público de Oca e Raíces e nas estrada de Pedrouzos, Paramuíño e Cortegada. Outros asuntos aprobados foron a clasificación de ofertas para a adxudicación das obras incluídas no proxecto do camiño de Firmistáns á estrada de Tarrío e do camiño a Ínsua; así como a clasificación de ofertas das obras nos vestiarios do pavillón de Bertamiráns. Tamén se aprobaron os expedientes de licitación das obras de eliminación de barreiras en Bertamiráns e no Milladoiro, enmarcadas dentro da EDUSI, e do servizo privado artístico de desenvolvemento do espectáculo Maxia de Estrelas 2019.

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación do subministro de equipos para a renovación do alumeado público de Oca e Raíces e nas estrada de Pedrouzos, Paramuíño e Cortegada. Este proxecto, que consiste na substitución dos puntos de luz incandescente/vapor mercurio por luminarias LED nos lugares de Oca e Raíces e nas estradas de Pedrouzos, Paramuíño e Cortegada,  foi adxudicado á empresa Electricidad IN.M.A.C. Condado SL, por un importe de 26.741 euros. Estas obras estás incluídas nos Orzamentos Participativos de 2018.

Outros asuntos aprobados foron a clasificación de ofertas e requirimento de documentación para a adxudicación do lote 2 do proxecto do camiño de Firmistáns á estrada de Tarrío e do camiño a Ínsua, na praia fluvial de Tapia. Na Xunta de Goberno Local do 5 de setembro adxudicáronse as obras do lote 1, correspondentes ao camiño de Firmistáns á estrada de Tarrío. Agora apróbase a clasificación das ofertas do lote 2 correspondente ás obras do camiño a Ínsua, na praia fluvial de Tapia. O importe do contrato é dun total de 52.250,22 euros, IVE incluído. Estas actuacións están incluídas no Plan de Mellora de Camiños Municipais 2019-2020.

Ademais, aprobouse a clasificación de ofertas e requirimento de documentación para a adxudicación do lote 2 (vestiarios do pavillón polideportivo de Bertamiráns) das obras de deportes incluídas no POS 2019. Este proxecto, que inclúe as obras de rehabilitación da área deportiva de Bertamiráns e dos vestiarios do pavillón polideportivo desta mesma localidade, contan cun orzamento de 164.355,86 euros. Estas obras están licitadas en dous lotes diferentes, pero incluídas no mesmo expediente de licitación para axilizar a súa tramitación. A través destas actuacións vaise a construír un nova pista de pádel, unha pista polideportiva exterior e dous vestiarios no interior do pavillón.

Aprobación de expedientes de licitación
Por outra banda, aprobáronse os expedientes de licitación das obras de eliminación de barreiras e do servizo privado artístico desenvolvemento do espectáculo Maxia de Estrelas 2019. O proxecto técnico das obras de eliminación de barreiras (mellora da accesibilidade enmarcado na EDUSI) está dividido en dous lotes. O primeiro lote recolle obras de mellora da accesibilidade no Milladoiro, mentres que o lote número 2 recolle obras de eliminación de barreiras na localidade de Bertamiráns. Este proxecto conta cun orzamento total de execución por contrata de 77.991,72 euros.

Ademais, aprobouse o expediente de contratación do servizo privado artístico para o desenvolvemento do espectáculo Maxia de Estrelas 2019 do Concello de Ames, convocando a súa licitación. Asemade, autorízase o gasto por importe de 20.000 euros.

Outros asuntos aprobados foron a aprobación dunha licenza de segregación dunha parcela; unha licenza de obra para a construción dunha vivenda unifamiliar no lugar de Quintáns (Ameixenda); e mailo nomeamento do arquitecto técnico que realizará os traballos de coordinador de seguridade e saúde para a execución dos traballos do contrato mixto de subministro, instalación e montaxe dos elementos descritos no proxecto de mellora de eficiencia enerxética da iluminación pública no Milladoiro, POS 2017.

Imaxe do lugar de Pedrouzos