Solapas principales

A Xunta de Goberno Local aproba a adxudicación do proxecto de mellora da eficiencia enerxética da iluminación pública no Milladoiro

Jueves, 03 de octubre de 2019

Esta mañá celebrouse unha nova sesión da Xunta de Goberno Local na que se aprobou a adxudicación do proxecto de mellora da eficiencia enerxética da iluminación pública no Milladoiro, así como a convocatoria de subvencións destinadas ao apoio económico ás familias numerosas. Outros asuntos aprobados foron a  clasificación de ofertas e requirimento de documentación para a adxudicación da obra de cubrición dun parque infantil no Milladoiro, a declaración de deserto do expediente de licitación do servizo de soporte e mantemento do sistema de vídeo acta e maila aprobación das contas xustificativas da convocatoria de axudas para a promoción de actividades levadas a acabo por clubs e entidades deportivas.

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación do contrato de subministro, instalación e montaxe dos elementos descritos no proxecto de mellora da eficiencia enerxética da iluminación pública no Milladoiro. O obxectivo deste proxecto é definir o plan de actuación, consistente na renovación parcial das instalacións de iluminación pública do Milladoiro para mellorar a eficiencia enerxética das mesmas e reducir a contaminación lumínica, así como as emisións de CO2 asociadas ao seu consumo eléctrico, baixo o cumprimento da lexislación vixente. Este proxecto, que será sufragado cos fondos que achega a Deputación da Coruña, a través do POS 2017, foi adxudicado á empresa Instalaciones Eléctrica Coruñesas SL por un importe de 225.746,57 euros.

Outro dos puntos aprobados foi a convocatoria de subvencións destinada ao apoio económico ás familias numerosas correspondente ao exercicio 2019. A finalidade desta convocatoria é proporcionar apoio económico a aquelas familias cualificadas como numerosas pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia ou organismos análogos doutras Comunicades Autónomas. A contía máxima destinada a esta convocatoria ascende a 120.000 euros. O importe individual das achegas concedidas ao abeiro desta convocatoria será de 1.200 euros por unidade de convivencia. O prazo para presentar as solicitudes será dun mes desde a publicación destas bases no BOP. En caso de rematar nun día inhábil, este prazo entenderase estendido ate o inmediato hábil seguinte.

Cubrición do parque infantil de Agro da Vella
Ademais, aprobouse a clasificación de ofertas e requirimento de documentación para a adxudicación da obra de cubrición dun parque infantil no Milladoiro. O proxecto de cubrición do parque infantil de Agro da Vella, situado no Milladoiro, conta cun orzamento de execución por contrata de 190.393,60 euros. Este proxecto executarase na praza que está situada entre a rúa Agro da Vella, a rúa Palmeiras, a rúa Agro do Medio e a avenida Muíño Vello. Os traballos que se desenvolverán consisten en cubrir a área de xogos, que abrangue unha superficie de preto de 400 metros cadrados e realizaranse coa implantación dunha estrutura metálica porticada lixeira.

Por outra banda, aprobouse a segunda remesa de contas xustificativas da convocatoria de axudas para a promoción de actividades levadas a acabo por clubs e entidades deportivas no exercicio 2018. Deste xeito, aprobouse a concesión de 12.617,65 euros a repartir entre o XL Milladoiro, que recibirá 1.323,53 euros, o club de patinaxe Sarela, que disporá de 5.294.12 euros, e o Club  deportivo Millarengo Cultura, que disporá de 6.000 euros. Esta remesa de axudas súmase á aprobada no mes de agosto na que se concederon 55.032 euros para 16 clubs e asociacións deportivas.

Festival internacional de cine infantil 2019
Ademais, aprobouse o expediente de licitación, por procedemento negociado, do contrato de servizos para o desenvolvemento do festival internacional de cine infantil 2019. A terceira edición do festival internacional de cine infantil está previsto que se celebre os días 15, 16 e 17 de novembro nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Nas dúas edicións anteriores este festival de cine infantil tivo unha gran afluencia de público.

Outros temas aprobados foron a declaración de deserto do expediente de contratación do servizo de soporte e mantemento do sistema de vídeo acta e do hosting e almacenamento externo do Concello de Ames; a concesión dunha licenza de obra para a  legalización dunha vivenda unifamiliar; e mailo acordo relativo á non división en lotes da obra de mellora do acceso ao lugar de Portanxil (Trasmonte) incluída na segunda fase do POS Adicional 1/2019.

Adxudicouse o proxecto de mellora da eficiencia enerxética da iluminación pública no Milladoiro