Solapas principales

A Xunta de Galicia anuncia a licitación da obra de ampliación do CEIP Agro do Muíño

Lunes, 16 de enero de 2023

As obras de ampliación do CEIP Agro do Muíño vanse licitar proximamente. O alcalde de Ames, Blas García, e o concelleiro de Educación, David Santomil, recibiron a noticia o pasado sábado na visita que o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez realizou ao CEIP Agro do Muíño. Na visita estiveron acompañados polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor; pola directora do CEIP Agro do Muíño, Mari Carmen Liñares; e de varios membros da Corporación municipal.  As obras de ampliación teñen un orzamento base de licitación de máis de 3,4 millóns de euros.

O alcalde de Ames, Blas García, e o concelleiro de Educación, David Santomil, visitaron o pasado sábado, 14 de xaneiro, o CEIP Agro do Muíño para coñecer o proxecto e os prazos da ampliación do centro. Canda eles estiveron varios membros da Corporación municipal e a directora do CEIP Agro do Muíño, Mari Carmen Liñares. A obra de ampliación vaise licitar nos vindeiros días por máis de 3,4 millóns de euros. Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez.

A previsión da Xunta de Galicia é que os traballos comecen en tres meses. A ampliación acometerase nunha parcela continua, polo que, os traballos se compatibilizarán co curso escolar. Xa nas vacacións escolares de verán, actuarase no edificio actual. Previsiblemente a obra podería entrar en funcionamento no curso 2024/2025.

Trátase do primeiro dos dous grandes proxectos educativos que a Xunta pon en marcha en Ames, xa que o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, aproveitou a ocasión para anunciar a inminente construción do novo colexio do Milladoiro. Tal e como explicou o responsable do departamento educativo do Goberno galego, “o obxectivo de ambas actuacións é dar resposta ás necesidades de escolarización dun concello que destaca polo seu crecemento demográfico”, sinalou. Neste sentido, avanzou que o seu departamento está ultimando xa o proxecto de construción dun novo colexio no Milladoiro, que será presentado nas próximas semanas para ser contratado tamén de xeito inmediato.

O alcalde de Ames, Blas García, destacou a súa satisfacción por este anuncio “Fai anos que traballamos conxuntamente dende o Concello, a comunidade educativa e a Consellería de Educación para ampliar este centro que conta cunha gran demanda e temos que amosar a nosa satisfacción por telo conseguido. O CEIP Agro do Muíño conta con case 500 alumnos e alumnas e coa ampliación vai a verse incrementado en preto de 150 alumnos”. García tamén tivo palabras para “agradecer o traballo e a colaboración da dirección do centro, da ANPA e da comunidade educativa, así como, da veciñanza da urbanización de Agro do Muíño pola súa permisividade e colaboración nos cambios urbanísticos realizados na zona”.

O concelleiro de Educación, David Santomil, sinalou que se trata dunha moi boa nova para o concello de Ames “Levamos anos traballando para que a ampliación de Agro do Muíño sexa unha realidade. Dende o Concello encargámonos da xestión urbanística dos terreos, tiveron que pasar á titularidade municipal para posteriormente poñelos a disposición da Xunta para que poidan acometer as obras”. O concelleiro, tamén, quixo “destacar a importancia da colaboración entre as administracións e o traballo da Xunta de Galicia para que o proxecto saira adiante e o fixera no  tempo previsto, e máis na situación actual coa escalada de prezos e coas complicacións para as contratacións”. Por último engadiu “agardamos agora a licitación do novo colexio no Milladoiro tan necesario para a veciñanza”.

Ampliación do CEIP Agro do Muíño ata os 14.645 m²
A ampliación realizarase de xeito lineal, construíndo un novo volume nunha parcela continua. A superficie total do centro despois da ampliación ascenderá a 14.645 m².

O novo edificio albergará seis aulas convencionais, o que permitirá habilitar espazo para ata 150 novos alumnos, tres aulas de desdobres, aulas de música, pedagoxía terapéutica, aula de audición e linguaxe e orientador, aseos, sala de usos múltiples e vestíbulo de entrada. Ademais, estará dotado dun foro, un espazo multifuncional que ten como finalidade promover a aprendizaxe en espazos abertos, e dun polo creativo, un novidoso espazo de innovación educativa con equipamento especializado para traballar as competencias STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), a co-creación, a resolución de problemas reais e o pensamento de deseño e habilidades. Hai que engadir que o edificio será accesible e contará con sinalética e grafismos que aclaren os itinerarios internos.

No que se refire ao actual edificio, acometeranse diversas melloras na zona de instalacións, ampliarase o comedor e reorganizaranse varios espazos, entre outras actuacións, ademais de unir o volume existente co novo.

A actuación enmárcase no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta pioneira coa que Galicia se adianta no deseño das escolas poscovid, adaptando os centros escolares ás novas necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas. O obxectivo final é acadar centros más amplos, mellor dotados desde o punto de vista tecnolóxico, máis cómodos para alumnado e profesorado, máis respectuosos co medio ambiente e capaces de aforrar consumo enerxético.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "La Xunta destinará más de 3,4 millones a la ampliación del colegio amiense Agro do Muíño"

El Correo Gallego: "Calculan que la ampliación del colegio Agro do Muíño empezará en tres meses"

AMS GO!: "A Xunta licitará en breve a reforma do CEIP Agro do Muíño e o novo colexio do Milladoiro"

Lindeiros: "A Xunta ampliará o colexio Agro do Muíño en Ames"

A Xunta de Galicia anuncia a licitación da obra de ampliación do CEIP Agro do Muíño

Multimedia

  • A Xunta de Galicia anuncia a licitación da obra de ampliación do CEIP Agro do Muíño
  • A Xunta de Galicia anuncia a licitación da obra de ampliación do CEIP Agro do Muíño