Solapas principales

As xogadoras do Fútbol Club Meigas volven a desfrutar do apoio da súa afección

Jueves, 06 de mayo de 2021

O pasado domingo, 25 de abril, as xogadoras do Fútbol Club Meigas puideron volver a disputar un partido como local con público. Foi ante o Burela Pescados Rubén, partido correspondente a quinta xornada da liga preferente galega. Despois de moitos meses, o Meigas puido desfrutar do apoio da súa afección. No encontro tamén estiveron presentes o alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz. Para asistir ao vindeiro partido no que xogarán contra o Ribeira FS , este domingo 9 de maio, ás 18.00 horas, deberase cubrir o formulario de asistencia que hai na páxina web do club. A inscrición está aberta ata o sábado 8 de maio, ás 22.00 horas.

O pasado domingo, 25 de abril, o Fútbol Club Meigas gañoulle 3-0 ao Burela Pescados Rubén na quinta xornada da liga preferente galega. Pero este non foi un partido máis porque despois de moitos meses as xogadoras do FC Meigas puideron contar outra vez co apoio da súa afección na grada.

A este partido asistiron o alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, que lle trasladaron ao FC Meigas o seu recoñecemento polo gran traballo realizado coas Escolas de fútbol sala feminino e o seu apoio a toda a familia das Meigas, xunto cos seus mellores desexos de cara aos retos de futuro do Club.

Ambos fixeron entrega de camisetas Meigas, agasallos para as xogadoras das categorías inferiores do Club, que durante o período de confinamento participaron nos adestramentos telemáticos, recoñecéndolles deste xeito o gran esforzo que realizaron durante esta etapa. Ao finalizar o encontro mantiveron unha agradable conversa coas xogadoras do primeiro equipo, na que puideron compartir experiencias e coñecer de primeira man como se preparan as xogadoras de cara ao deporte de alto rendemento.

As Meigas están preparadas para o vindeiro partido que se celebrará este domingo, 9 de maio, ás 18.00 horas, no pavillón de Bertamiráns. Nesta ocasión, o club amesán xogará contra o Ribeira FS no que será a sétima xornada da Liga. Haberá aforo limitado polo que haberá que solicitar convite previo para asistir. Poderase facer ata o sábado, ás 22.00 horas, cubrindo o formulario de asistencia que hai na páxina web do club.

Fútbol club meigas

Multimedia

  • Fútbol club meigas