Solapas principales

A xestión do roupeiro municipal será máis áxil e sinxela grazas ao convenio asinado coa empresa Texlimca

Lunes, 19 de septiembre de 2022

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, vén de asinar un convenio coa empresa Texlimca para colaborar na xestión do servizo do roupeiro municipal. Dita empresa colocou varios contedores en Bertamiráns e no Milladoiro para depositar bolsas con roupa, calzado e complementos. Deste xeito, facilitase a doazón de roupa e ao mesmo tempo farase a selección do material depositado nos contedores de xeito máis áxil e sinxelo. A roupa que estea en bo estado seralle entregada ao Concello de Ames, para repartir entre as persoas que a soliciten previamente. O material que non estea en bo estado será reciclado pola empresa Texlimca. O roupeiro municipal atende arredor de 480 solicitudes ao longo do ano.

Esta mañá presentouse na rúa Poeta da Maía, en Bertamiráns, o novo modelo de xestión que vén de ser implantado para o servizo do roupeiro municipal do Concello de Ames. Nesta rúa colocáronse dous contedores para depositar roupa, calzado e complementos. Estes mesmos colectores tamén foron colocados na rúa Agro do Medio, no Milladoiro, en fronte do antigo centro de saúde do Milladoiro. Neste acto participaron o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, o coordinador da Oficina de Voluntariado de Ames, Rubén Ramos, e un representantes da empresa Texlimca, José Carlos García.

O servizo do roupeiro municipal foi posto en marcha no ano 2001. Ata o de agora a veciñanza que quería doar roupa tiña que acudir ás Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns en horario de atención ao público, de 9.00 a 14.00 horas, de luns a venres. Coa colocación destes contedores para recoller roupa, calzado e complementos facilítase a doazón deste material, xa que se poderá depositar en calquera momento do día. Ademais, o persoal da empresa Texlimca encargarase de seleccionar a roupa que estea en bo estado para posteriormente entregarlla ao Concello de Ames. O material que non estea en bo estado será reciclada.   

O obxectivo é mellorar a xestión do roupeiro municipal, que atende arredor de 480 solicitudes ao longo do ano. Haberá tres grupos de catro voluntarias/os que serán as/os encargadas de xestionar os pedidos que cheguen ao roupeiro municipal. Os pedidos mais demandados son de roupa para nenos nenas de 4 a 16 anos, roupa de abrigo (chaquetas, abrigos...) e roupa de cama. Aquelas persoas que queiran doar material máis voluminosos ou enseres infantís terán que chamar ao número de teléfono 662 377 044, da Oficina de Voluntariado de Ames, ou enviar un correo electrónico ao enderezo voluntariado@concellodeames.gal.

O alcalde de Ames, Blas García, destacou durante a presentación que “o roupeiro municipal leva prestando un gran servizo entre a veciñanza de Ames dende hai máis de 20 anos e agora o que se pretende e darlle un pulo para mellorar aínda máis se cabe a súa xestión. Coa sinatura do convenio que acabamos de facer coa empresa Texlimca mellorarase o proceso de selección da roupa que está en bo estado facilitando o traballo das voluntarias e voluntarios que colaboran coa Oficina de Voluntariado de Ames, Ademais, daráselle un uso a aquel material que non estea en boas condicións xa que poderá ser reciclado”.

A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, explicou que “melloramos considerablemente a xestión do roupeiro municipal e conseguimos pasar dunha economía lineal a unha economía circular na que se reduce o uso de materias primas e mailo consumo e ademais reutilizase a roupa que está en bo estado e o material restante recíclase. O que fai a empresa é axudarnos na xestión, recollendo todo a roupa, calzado e complementos que se deposita nos colectores. O material que está en bo uso entrégano na Oficina de voluntariado para que sexa doado ás persoas que o solicitan e o material que non serve vai directamente ao reciclaxe. Vaise mellorar moito na xestión deste servizo e vai ser beneficioso tanto pas as persoas que queiran doar como para aquelas que necesitan algún tipo de prendas de roupa ou calzado”.

O roupeiro comezou a funcionar en 2001
O coordinador da Oficina de Voluntariado de Ames, Rubén Ramos, agradeceu o traballo das 120 voluntarias que pasaron dende o ano 2001 polo roupeiro municipal “porque sen elas este servizo non podería funcionar. Agora vamos a cambiar o xeito de xestión deste servizo municipal que será moito máis áxil e sinxelo. A roupa que non se poida empregar poderase reciclar, algo que ata o de agora era máis complicado de facer”.

Rubén Ramos engadiu que “con este novo modelo de xestión é como se tivésemos un roupeiro máis grande porque vamos a poder xestionar maior cantidade de roupa á que se lle pode dar un segundo uso, pero ademais aquela roupa que non serva para usar vaise poder reciclar. Esa roupa inservible xa non a imos a recibir, xa vai ir directamente para a planta de reciclaxe, algo que nos vai aforrar moito traballo. Na Oficina de voluntariado só vamos a recibir a roupa en bo estado que se poden volver a usar. Tan só teremos que preparar os pedidos das persoas que acoden a este servizo solicitando roupa”.

Por último, José Carlos García, representante da empresa Texlimca, explicou que “a empresa Texlimca ten unha das súas sedes en Lugo. O procedemento que seguimos e recoller a roupa que se deposita nos contedores e facemos unha selección. A roupa que está en bo estado seralle entregada ao Concello de Ames e o resto do material será enviada a planta que ten Texlimca en Valencia para reciclar. Coa roupa que non se pode usar faise material de illamento para vehículos, illamento acústico, trapos de limpeza, etc. Do material que se recolle nos contedores aproveitase un 98%. A roupa depositada nos contedores recóllese unha ou dúas veces por semana para poder ofrecer unha boa atención e facer unha correcta selección da roupa entregada. Contamos con máis de 300 contedores en toda Galicia”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "El ropero municipal sale a la calle con los nuevos contenedores de Texlimca"

Enfoques: "Ames presenta un nuevo modelo de gestión del ropero municipal"

A xestión do roupeiro municipal será máis áxil e sinxela grazas ao convenio asinado coa empresa Texlimca

Multimedia

  • A xestión do roupeiro municipal será máis áxil e sinxela grazas ao convenio asinado coa empresa Texlimca