A Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) celebrou este martes, 5 de maio, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, a terceira edición dos Premios XEA. Trátase dun evento de recoñecemento ao labor do comercio, a hostalaría e os servizos locais. O acto congregou a preto de cen persoas, a maioría deles socios e socias da asociación aos que tamén se uniron a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, a concelleira de Servizos Económicos e Deportes, Susana Señorís, o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, así como representantes dos grupos políticos da Corporación municipal, nun acto que puxo en valor o tecido empresarial do municipio.
A xornada deu comezo coa actuación musical de Adrián Costa, que puxo o ambiente perfecto para dar paso á benvida institucional a cargo do presidente de XEA, Ramón Cordido. A presentación dos premios correu a cargo do socio Adrián Cunha de Pixelin Photo, quen destacou a importancia de apoiar e visibilizar o traballo das empresas e profesionais da contorna.
Cómpre salientar que estes premios son o resultado dunha votación realizada polos socios e socias da asociación. Para a elección das persoas e empresas galardoadas, tivéronse en conta criterios como a innovación, a traxectoria, a dedicación á localidade (facendo cidade), a creatividade e a implicación coa veciñanza e co resto do tecido asociativo. O premio Especial XEA é concedido pola directiva pola traxectoria da empresa.
Durante a entrega de galardóns, recoñeceuse o labor en distintas categorías:
-Categoría Comercio: Churrería Jorge, recollendo o premio Jorge González.
-Categoría Hostalaría: Restaurante Tivolino, representado por Rocío Duro.
-Categoría Servizos: Biosbardos, con Jorge López e Martín López.
-Categoría Saúde e Beleza: Rueiro Clínica Dental.
-Premio Especial XEA: Ferro e Novio Avogados, recollido por Carlos Novio e Mamen Ferro.
Os premios, elaborados pola socia Estrella Compostela, foron entregados por membros da directiva da asociación así como polos gañadores da edición anterior, reforzando o espírito de continuidade e comunidade.
O acto concluíu cuns petiscos a cargo dos socios da Cafetería Casa da Cultura do Milladoiro, que puxeron o broche final a unha xornada de celebración e recoñecemento ao tecido empresarial local. Dende XEA destacan o éxito do evento e reiteran o seu compromiso co impulso e apoio ás iniciativas empresariais da zona.
Novas relacionadas
La Voz de Galicia: "Los empresarios de Ames premian la labor de comercio, hostelería y servicios"
Diario de Santiago: "Entrega terceira edición dos Premios XEA nun acto de recoñecemento ao tecido empresarial"



















