Solapas principales

Xa se coñecen os horarios da décimo segunda edición de O MILLA rock

Martes, 27 de junio de 2023

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, organiza unha nova edición do festival MILLA rock, que se vai celebrar este venres, 30 de xuño, a partir das 21.00 horas no aparcadoiro da Travesía do Porto, que está situado en fronte á EEI do Milladoiro. O evento conta coa colaboración da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia. Ás 21.00 horas, Fillas de Cassandra abrirán o festival; ás 22.15 horas sairán ao escenario Las Ninyas del Corro; ás 23.30h será a quenda da Banda da Loba; e ás 00.45 horas pechará o festival Eladio y los Seres Queridos. A actuación de cada un dos grupos terá unha duración aproximada dunha hora.  A entrada será libre e de balde. Haberá servizo de autobús: ida e volta dende Bertamiráns (Pazo da Peregrina) e volta a Santiago de Compostela (rúa da Rosa).

Un ano máis, O Milladoiro convértese en punto de encontro para os amantes da música coa chegada do festival MILLA rock, que este ano alcanza a súa edición número doce. O evento, ao que se poderá acceder de xeito libre e gratuíto, continúa apostando pola música en galego, con ampla presenza feminina e combinando bandas emerxentes con outras máis consolidadas.

Nesta edición, o festival renova o seu formato incorporando algunhas novidades. Así, cambia a localización na que se vai celebrar, que pasa a ser o aparcadoiro da Travesía do Porto, en fronte da escola infantil. Por outra banda, tamén se fai unha forte aposta por incorporar estilos que vaian máis aló do rock. Deste xeito, o cartel da duodécima edición expándese e os asistentes poderán gozar de sons máis modernos, de indie, de rap... e, en xeral, de música homoxénea e reivindicativa adaptada aos novos tempos e sensibilidades.

O MILLA rock, non obstante, continúa a ser unha das grandes apostas do Concello de Ames, que ao longo da historia do festival achegou ao municipio a música de grupos consolidados como Herdeiros da Crus, que conta cunha longa traxectoria; ou The Rapants, cuxa carreira se atopa nun momento de ascenso meteórico; así como de formacións que se crearon cando comezaba a desenvolverse o festival e que seguen en activo, como Familia Caamagno e Agorafobia.

Horarios do MILLA rock
Este ano vólvese a xuntar neste festival a destacadas bandas da música galega, cun cartel no que se citan os grupos A Banda da Loba, Eladio y los Seres Queridos e Fillas de Cassandra. Ademais, incorpórase un dúo procedente da escena nacional, Las Ninyas del Corro, que chegan dende Barcelona. A entrada será libre e de balde.

Haberá servizo de autobús: ida e volta dende Bertamiráns (Pazo da Peregrina) e volta a Santiago de Compostela (rúa da Rosa). A saída dende o Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, será ás 20:30 horas. O servizo de autobús de volta sairá dende diante da Escola infantil do Milladoiro, ás 01:00 e ás 02:00 horas, con paradas en Santiago, na Rúa da Rosa, e en Bertamiráns, diante do Pazo da Peregrina.

Dende a Concellaría de Cultura dáse conta da orde e horarios nos que van actuar os catro grupos. Deste xeito, ás 21.00 horas, Fillas de Cassandra abrirán o festival; ás 22.15 horas sairán ao escenario Las Ninyas del Corro; ás 23.30h será a quenda da Banda da Loba; e ás 00.45 horas pechará o festival Eladio y los Seres Queridos. A actuación de cada un dos grupos terá unha duración aproximada dunha hora.

Rock, pop, rap, indie, blues e folk
O dúo Fillas de Cassandra, procedente de Vigo, é un dos proxectos da nova música emerxente máis prometedor do panorama galego. O seu primeiro traballo, Acrópole (2023) acaba de ser presentado e colleita xa numerosas críticas positivas. A súa é unha aposta pola recuperación das melodías tradicionais e a creación de novas líricas, inspiradas no canto de tradición oral pero tamén influenciadas polo pop, a electrónica e a música clásica. As súas composicións, sempre creadas dende unha ollada feminista e actual, transitan da emotividade ao desenfado, sen esquecer o activismo.

Las Ninyas del Corro, o dúo catalán, chegará a Ames para ofrecer as súas cancións combativas e mensaxes contundentes, inspiradas no rap underground. A dupla caracterízase polas súas comprometidas letras, nas que teñen cabida o empoderamento, a crítica e as vivencias persoais.

A Banda da Loba é unha formación integrada por cinco mulleres que uniron as súas traxectorias para crear un proxecto colectivo. No seu repertorio mesturan, ademais de rock, ritmos de pop, blues e folk, creando sons propios. Na actualidade contan con tres traballos publicados: Bailando as rúas (2017), Fábrica de luz (2019) e o EP Hasme Oír (2021). Ademais, ao longo da súa curta traxectoria recibiron galardóns como o Premio aRi(t)mar 2018.

Eladio y los Seres Queridos é unha das bandas máis consolidadas do panorama galego, tras máis de quince anos de carreira, 5 discos e numerosas xiras por todo o país. Os seus temas, escritos por Eladio Santos, líder do grupo, van dende o pop máis clásico ata sons indies, folk, canción de autor, e, por suposto, rock. O seu último traballo, Academia (2020) está composto por catorce temas “honestos, intimistas e transeúntes”.

Novas relacionadas:

AMS GO!: "Hoxe venres, ás 21:00h, despega a 12 edición do MILLA rock"

Xa se coñecen os horarios da décimo segunda edición de O MILLA rock

Multimedia

  • Xa se coñecen os horarios da décimo segunda edición de O MILLA rock