Solapas principales

Xa dispoñibles na Billeteira os bonos da programación cultural do primeiro semestre de 2023

Miércoles, 21 de diciembre de 2022

Dende este martes 20 de decembro están á venda os bonos culturais da programación de artes escénicas do Concello de Ames para o primeiro semestre de 2023. Os bonos, cun custe de 20 euros, supoñen un desconto do 50% do importe total dos oito espectáculos para adultos aos que dá acceso. A Concellaría de Cultura pon á disposición da veciñanza uns 30 bonos, que poderán obterse ata o 4 de xaneiro de 2023 ou ata fin de existencias a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames.

O proceso de retirada dos bonos culturais é sinxelo e realizase en poucos minutos a través da Billeteira electrónica. En primeiro lugar, cómpre estar rexistrado na Billeteira e acceder ao panel interno. Dende alí, e a través do menú lateral esquerdo, haberá que seleccionar a opción “Compra de bonos”. A través desta opción, indicaranse o número de bonos a retirar e as butacas que quedarán reservadas para os oito espectáculos, que serán sempre as mesmas, tanto para as funcións no auditorio do Milladoiro como no de Bertamiráns. Unha vez realizado o pago, recibirase a entrada de bono vía correo electrónico, que poderá empregarse para asistir aos oito eventos que inclúe.

O departamento de Cultura do Concello de Ames presentou a semana pasada a programación cultural de artes escénicas do primeiro semestre de 2023, que inclúe diversos espectáculos de teatro e danza. As distintas representacións desenvolveranse de maneira equitativa nos auditorios das Casas da Cultura do Milladoiro e de Bertamiráns. A programación para adultos ofrece sete espectáculos de teatro e un de danza. O primeiro deles, unha obra de teatro contemporáneo, “N.E.V.E.R.M.O.R.E”, terá lugar o 20 de xaneiro ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Rematarase o venres 21 de abril na Casa da Cultura do Milladoiro co espectáculo de danza “Tabú” de Colectivo Globo. A programación ao completo pode consultarse premendo nesta ligazón.

Pola outra banda, as entradas para os distintos espectáculos poderán adquirirse a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames, a partir do vindeiro luns 9 de xaneiro (unha vez rematado o período de venda dos bonos culturais). De non completarse o aforo, unha hora antes do comezo das representacións tamén se poñerán á venda nas Casas da Cultura do Milladoiro e de Bertamiráns. O estudantado con carné de estudante, as persoas maiores de 60 anos, a rapazada menor de 12 anos, as familias numerosas, os mozos e mozas con carné xove e as persoas demandantes de emprego poderán desfrutar dun desconto do 50% do custo ordinario das entradas.

Non se admitirán cambios nin devolucións das entradas e bonos adquiridos. Ademais, a venda pechará cinco minutos antes da hora prevista de comezo do espectáculo, e unha vez comezadas as representacións ninguén poderá acceder á sala.

A concelleira de Cultura, Natividade González, anima á veciñanza amesá “a regalar cultura durante o Nadal. Os bonos culturais para a programación do primeiro semestre de 2023 son un regalo orixinal que se pode facer durante as festas de Nadal. Este ano hai previstas dez actuacións, entre as que se inclúen tanto representacións teatrais como espectáculos de danza, para público familiar e público adulto”.

Cartel da programación Ames Cultural 2023

Multimedia

  • Cartel da programación Ames Cultural 2023