- Tematica
As bibliotecas municipais de Bertamiráns e O Milladoiro abren o ano con novas sesións de contacontos para as crianzas amesás, así como demais actividades de fomento da lectura, entre as que se atopan un obradoiro para rapaces e rapazas de 3º de primaria en diante ou o xa tradicional Concurso de debuxo.
A programación de contacontos deste ano 2026 dará comezo este mes de febreiro e alongarase ata o mes de xuño. É por iso que os días 10, 11 e 12 de febreiro, a partir das 17.30 horas, a biblioteca de Bertamiráns acolle as primeiras sesións de Bicos e biquiños. Esta actividade tamén se celebrará no Milladoiro os días 24, 25 e 26 á mesma hora. Para inscribirse, as persoas interesadas en ir ás sesións do Milladoiro, deberán facelo entre o 16 e o 21.
Xa no mes de marzo, será a quenda de Serpes, bruxas e animais. Desta volta, chegará á biblioteca de Bertamiráns o martes 10, mércores 11 e xoves 12, ás 17.30 horas. Deseguido, a semana seguinte, chegará á biblioteca do Milladoiro os días 24, 25 e 26, tamén ás 17.30 horas. O prazo de inscricións para Bertamiráns irá do 2 ao 7 de marzo, mentres que para O Milladoiro será do 16 ao 21.
Máis contacontos na primavera
Coa chegada da primavera, os contacontos continúan coa súa programación. No mes de abril chega Animais comellóns a ambas bibliotecas municipais: en Bertamiráns haberá sesión os días 14, 15 e 16 de abril, ás 17.30 horas; no Milladoiro, a actividade desenvolverase a seguinte semana, os días 21, 22 e 23, tamén ás 17.30 horas. Tamén haberá contacontos en maio con Macedonia de contos, en Bertamiráns os días 5, 6 e 7 dese mes, e no Milladoiro os días 26, 27 e 28. En ambas bibliotecas ás 17.30 horas.
Para inscribirse en calquera das sesións de contacontos, as persoas interesadas deberán enviar un correo electrónico, dentro do prazo estipulado para cada actividade, ao enderezo biblioteca@concellodeames.gal coa seguinte información: nome, apelidos, idade e un número de teléfono de contacto. Todas as sesións de contacontos están dirixidas a nenas e nenos de 3 a 8 anos.
Outras actividades para este semestre
Ademais dos contacontos, o departamento de Bibliotecas ten preparada unha programación máis extensa cuxo obxectivo é fomentar o hábito lector nos máis cativos e cativas. Durante estes seis meses, a cativada a partir de terceiro de primaria poderá gozar de diversos obradoiros para celebrar distintos días sinalados en referencia á literatura.
En conmemoración do Día de Rosalía, os nenos e nenas que participen elaborarán fundas de feltro para libros e un caderno de lecturas, o venres 27 de febreiro, ás 17.00 horas na biblioteca do Milladoiro, e ao día seguinte, o sábado 28, ás 11.30 horas na biblioteca de Bertamiráns.
Para celebrar o Día do Teatro, os cativos e cativas elaborarán os seus propios monicreques cunha culler de pau. Esta actividade levarase a cabo o venres 20 de marzo, ás 17.00 horas, na biblioteca do Milladoiro, e o sábado 21 de marzo, ás 11.30 horas, na biblioteca de Bertamiráns.
No Día do Libro, os nenos e nenas de terceiro de primaria en diante poderán desfrutar do obradoiro Cal é o teu libro favorito? Será os días 24 de abril, ás 17.00 horas na biblioteca do Milladoiro e o 25 de abril, ás 11.30, na biblioteca de Bertamiráns. Por último, o 17 de maio, en conmemoración das letras galegas, haberá un obradoiro especial.
Novas relacionadas
Bisbarra: "As bibliotecas municipais de Ames inician hoxe novas sesións de contacontos para as crianzas"








