Solapas principales

Volven os encontros semanais dos Espazos das Familias, dirixidos a familias con nenas e nenos de 0 a 6 anos

Viernes, 30 de septiembre de 2022

Dende o próximo luns 3 de outubro retómase no Milladoiro o programa Espazos das Familias, un punto de encontro para a formación e o intercambio de experiencias entre nais e pais. Por primeira vez, este ano as xuntanzas realizaranse no antigo centro de saúde, de xeito semanal os luns a partir das 12:00 horas. As persoas interesadas poden asistir á primeira reunión do luns, ou ben contactar co enderezo antoniogandoyeducacion@gmail.com, ou cos teléfonos 627 542 532 e 982 216 001.

O programa Espazos das Familias é unha iniciativa da asociación socio-educativa Antonio Gandoy, que conta coa colaboración da Concellaría de Benestar Social. Trátase dunha serie de xuntanzas semanais orientadas ás persoas adultas con nenas e nenos menores de seis anos, nas que recibir formación e compartir experiencias no eido da primeira infancia.

Este servizo educativo desenvolverase todos os luns ata o final do curso lectivo, ás 12:00 horas no antigo centro de saúde do Milladoiro, comezando o próximo día 3, onde se presentará o proxecto e que servirá como primeira toma de contacto entre familias. A responsable de dirixir o programa é a psicóloga educativa Olaia González Díaz, que ao longo do ano desenvolverá diferentes temas a traballar, adaptándose ás idades das crianzas e ás inquedanzas das persoas participantes.

Ademais, como é habitual neste programa, as familias que participen na xuntanza e asistan coas súas crianzas contarán cun espazo para que as nenas e nenos poidan xogar, realizar actividades e participar en situacións de aprendizaxe. Ao desenvolverse as reunións en horario de mañá, esta parte dos encontros é especialmente relevante para as cativas e cativos que non estean escolarizados, mais  os fillos e fillas que xa vaian á escola tamén poden asistir, se así o deciden as familias.

As persoas interesadas en asistir a estas xuntanzas semanais poden achegarse á primeira reunión do vindeiro luns 3, ás 12:00 horas. Para obter máis información, pódese chamar aos teléfonos 627 542 532 e 982 216 001, ou ben escribir ao enderezo electrónico antoniogandoyeducacion@gmail.com.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Retómanse os Espazos das Familias para aprender os luns no Milladoiro"

Volven os encontros semanais dos Espazos das Familias, dirixidos a familias con nenas e nenos de 0 a 6 anos

Multimedia

  • Volven os encontros semanais dos Espazos das Familias, dirixidos a familias con nenas e nenos de 0 a 6 anos