Solapas principales

Volven os Encontros Literarios este mércores coa presentación de “A mirada de Flor” de Margarita Murillo

Lunes, 05 de mayo de 2025

Neste mes de maio, no que se conmemora o Día das Letras Galegas o vindeiro día 17, continúa a programación dos Encontros Literarios. Nesta ocasión, coa presentación do libro “A mirada de Flor”, da amesá Margarita Murillo. A sesión terá lugar este vindeiro mércores, día 7, ás 20.00 horas, no Pazo da Peregrina. Como vén sendo habitual, a entrada será libre ata completar aforo.

O Concello de Ames, a través do departamento de Bibliotecas Municipais, retoma neste mes de maio as sesións enmarcadas dentro do programa “Encontros Literarios”, unha actividade que ten como obxectivo difundir e promover literatura en galego, xunto con dar a coñecer novos autores ou escritores da contorna de Ames.

“A mirada de Flor” de Margarita Murillo
Nesta novela, que como o resto da súa obra é de autopublicación, nárrase unha historia de ciencia ficción na que o Protocolo xoga o papel de protagonista. Deste xeito, un estraño papel chega ás mans de Flor, o que resulta sendo unha especie de billete para realizar viaxes no tempo coa finalidade de completar a súa formación para comezar unha importante misión.

Esta é a cuarta publicación de Margarita Murillo que, ademais de escritora, é consultora de Protocolo desde 1999, un sector vinculado á imaxe, simboloxía e relacións interpersoais para, deste xeito, mellorar a imaxe tanto no ámbito profesional coma no persoal.

Non é a primeira vez que a autora sexa protagonista nunha sesión dos Encontros Literarios, pois xa presentou en edicións anteriores algunhas das súas obras. Ademais, Murillo tamén colabora na Radio Cidadá, en Ames Radio, a través do programa O protocolo é para todos.

Volven os Encontros Literarios este mércores coa presentación de “A mirada de Flor” de Margarita Murillo

Multimedia

  • Volven os Encontros Literarios este mércores coa presentación de “A mirada de Flor” de Margarita Murillo