Solapas principales

Volven este febreiro as sesións de contos para a cativada ás bibliotecas amesás

Martes, 01 de febrero de 2022

Dende este martes 1 de febreiro están abertas as inscricións das actividades de animación á lectura para a rapazada de Ames de febreiro, propostas polo departamento de Bibliotecas. “1 ovelliña, 2 ovelliñas, 3 ovelliñas...” é a primeira sesión de contos que ocupará os centros amesás, que organizan unha actividade ao mes ata ao mes de maio. A proposta, pensada para nenas e nenos dos 3 aos 8 anos, realizarase por duplicado en ambas vilas, no Milladoiro e en Bertamiráns, con tres quendas en cada lugar, sempre ás 17:30 horas.

Para reservar praza nestas sesións de animación á lectura, de aforo limitado, cómpre poñerse en contacto co Departamento de Bibliotecas de Ames, a través do enderezo electrónico biblioteca@concellodeames.gal. Por outra banda, pódese solicitar a inscrición falando directamente coa biblioteca á que se desexe asistir: para a biblioteca do Milladoiro, consultando no 981 53 08 07, mentres que para a de Bertamiráns, chamando ao 981 88 48 29.

1 ovelliña, 2 ovelliñas, 3 ovelliñas...

“1 ovelliña, 2 ovelliñas, 3 ovelliñas...” é a primeira proposta do ano de narrativa oral das bibliotecas de Ames. A sesión de contacontos, orientada á rapazada dos 3 aos 8 anos, fará tres paradas en cada unha das dúas bibliotecas do concello. No Milladoiro estará os días 8, 9 e 10 de febreiro, mentres que en Bertamiráns parará os días 22, 23 e 24, sempre a partir das 17:30 horas.

O prazo de inscrición xa está aberto para as sesións na biblioteca do Milladoiro, dende este mesmo martes 1 de febreiro e ata o día 5, chamando ao 981 53 08 07 ou enviando un correo ao enderezo biblioteca@concellodeames.gal.

Pola súa banda, as inscricións para a biblioteca de Bertamiráns abrirán do luns 14 ao 19 de febreiro, para as que haberá que chamar ao 981 88 48 29, ou ben enviar un correo a biblioteca@concellodeames.gal.

Continúa a campaña Superlectores

Mentres, as bibliotecas amesás continúan coa súa campaña de Superlectoras e Superlectores, que busca recoñecer aos seus usuarios máis fieis e recompensalos con agasallos. As catro categorías de idade que participan cos seus carnés de cores (brancos, de 0 a 5 anos; vermellos, de 6 a 8; verdes, de 9 a 12, e azuis, de 12 a 18) optan a gañar un sorteo de libros que terá lugar o sábado 2 de abril, Día do libro infantil.

Para poder optar a participar no sorteo dos lotes de libros, as persoas usuarias deben completar os ocos das súas respectivas tarxetas con selos, que se repartirán con cada préstamo que soliciten nas bibliotecas amesás. Unha vez cheas as tarxetas, estas depositaranse nas urnas das mesmas cores para así entrar na rifa.

Volven este febreiro as sesións de contos para a cativada ás bibliotecas amesás

Multimedia

  • Volven este febreiro as sesións de contos para a cativada ás bibliotecas amesás