Solapas principales

Volve por terceiro ano seguido a campaña “Ilumina o teu sorriso” para dinamizar o comercio amesán

Lunes, 13 de diciembre de 2021

Esta mañá foi presentada a terceira edición do concurso de fotografía “Ilumina o teu sorriso”, organizado polas tres asociacións de comerciantes e empresarios amesás, e coa colaboración da Concellaría de Promoción Económica, Rueiro Clínica Dental e o estudo Javier Troitiño Fotógrafo. Para participar na campaña, cómpre facerse dúas fotos en dous dos seis lugares seleccionados polas súas decoracións de Nadal: nas prazas do Concello, da Maía e de Chavián, en Bertamiráns, ou ben nas prazas de Manuel Murguía, da Madalena ou en Anxeriz, no Milladoiro. As persoas participantes poden gañar un teléfono móbil de última xeración, doado por Rueiro Clínica Dental. O obxectivo da proposta é “fomentar e dinamizar o comercio local”, segundo a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz.

No acto de presentación, celebrado esta mañá no Salón de Plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns, interviron a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; David Fernández, de Rueiro Clínica Dental, e o técnico de Promoción Económica, Jorge Couñago. Asistiron ademais representantes das tres asociacións de comerciantes e empresarios de Ames, así como do estudo Javier Troitiño Fotógrafo.

Para participar no concurso teranse que realizar dúas fotos en dúas das seis localizacións indicadas pola organización, destacadas polos elementos de alumeado de Nadal situados nelas. Os puntos son, en Bertamiráns, o logo do concello de Ames, na praza do Concello; o número 2022, na praza da Maía, e a iluminación das árbores da praza de Chavián. Por outra banda, no Milladoiro os elementos a fotografar son a árbore luminosa da praza Manuel Murguía; a bóla xigante da praza da Madalena, e a manta de luces de Anxeriz. As persoas participantes, que deben ser maiores de idade, deberán presentar dúas fotografías inéditas e orixinais, enviándoas ao enderezo electrónico amesnarua@gmail.com.

É imprescindible que as fotografías enviadas vaian identificadas cos datos da persoa participante: nome, apelidos, data de nacemento, dirección e teléfono de contacto (preferiblemente móbil), así como o texto “Autorizo aos organizadores a difusión das fotografías enviadas segundo as bases do sorteo”. O prazo para enviar as fotos é do martes 14 de decembro ata o venres 7 de xaneiro de 2022. Soamente se permitirá unha participación por persoa, que coa súa inscrición entra no sorteo dun teléfono móbil de última xeración, doado por Rueiro Clínica Dental.

As persoas participantes prestan o seu consentimento para que as composicións enviadas sexan expostas no Instagram e Facebook @amesnarua, baixo os cancelos #iluminaoteusorriso21 e #amesnarua. Ao final da campaña, o estudo Javier Troitiño Fotógrafo organizará unha mostra coas composicións que participen.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, agradeceu a colaboración das asociacións de comerciantes e empresarios, e instou á veciñanza a participar e a apoiar o comercio amesán. “Estas iniciativas son moi importantes para fomentar e dinamizar o comercio local. Animo a todos os veciños, veciñas e visitantes da contorna a que iluminen o seu sorriso nesta bonita época de Nadal en Ames”.

Pola súa parte, David Fernández, de Rueiro Clínica Dental, indicou estar “encantado de poder colaborar co Concello sempre que poidamos, en especial nestas festas nas que creo que é importante poñer un gran de area”. Ademais, o técnico de Promoción Económica, Jorge Couñago, recalcou que “cando hai xente e vida nas rúas iso inflúe tanto na visibilidade do concello como da economía e do comercio local”.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Aberto o certame Ilumina o teu Sorriso de fotografía"

Volve por terceiro ano seguido a campaña “Ilumina o teu sorriso” para dinamizar o comercio amesán

Multimedia

  • Volve por terceiro ano seguido a campaña “Ilumina o teu sorriso” para dinamizar o comercio amesán
  • Volve por terceiro ano seguido a campaña “Ilumina o teu sorriso” para dinamizar o comercio amesán
  • Volve por terceiro ano seguido a campaña “Ilumina o teu sorriso” para dinamizar o comercio amesán
  • Volve por terceiro ano seguido a campaña “Ilumina o teu sorriso” para dinamizar o comercio amesán
  • Volve por terceiro ano seguido a campaña “Ilumina o teu sorriso” para dinamizar o comercio amesán