Solapas principales

Volve o programa “Música nas parroquias” con 37 actuacións nas festas locais de Ames

Jueves, 11 de mayo de 2023

O campo da festa de Bugallido acolleu esta mañá a presentación do programa “Música nas parroquias 2023”. Trátase dunha iniciativa que naceu o pasado ano co obxectivo de recuperar as festas das parroquias de Ames. Tras o éxito da anterior edición, a Concellaría de Cultura volve a crear un cartel que inclúe a distintos grupos musicais, como De Vacas e Monoulious Dop, así como diversas agrupacións tradicionais, que pasarán polas parroquias amesás ata o vindeiro mes de outubro. Premendo nesta ligazón podes consultar o programa.

Esta mañá foi presentada a campaña “Música nas parroquias 2023”, un programa que inclúe diversas actuacións musicais nas que colabora o departamento de Cultura do Concello de Ames. Ao acto asistiron a concelleira de Cultura, Natividade González, e a técnica do departamento de Cultura, María Vázquez.

“Volvemos ao programa de Música nas parroquias. Temos por diante seis meses seguidos de asociacionismo, de grupos de música tradicional e en galego para todos os veciños e veciñas de Ames”, recalcou a concelleira de Cultura, Natividade González. “Con esta campaña pretendemos unificar os nosos agrupacións de música tradicional e tamén outros grupos máis enfocados á mocidade. Reunimos propostas para todos os públicos”, sinalou.

A concelleira tamén fixo fincapé en que “neste programa contamos con moitos axentes implicados: as asociacións de veciños, os grupos, o departamento de Cultura... queremos poñer en valor o noso patrimonio e cultura”.

Pola súa banda, a técnica do departamento de Cultura, María Vázquez, comezou facendo unha valoración do éxito do programa na súa pasada edición. “O obxectivo era dinamizar o asociacionismo, así como tecer redes entre os propios grupos que van participar. Investíronse máis de 44.000 euros en 35 actuacións: 30 de agrupacións amesás e outras 5 de grupos profesionais”, explicou.

O orzamento destinado a esta actividade súmase á liña de subvencións para festas populares e actividades culturais, que saíran proximamente publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

María Vázquez destacou tamén que “este ano están en marcha 37 actuacións, das cales 7 son de grupos profesionais, e 30 son de grupos locais. En total, destinamos un orzamento de 45.936 euros, dos cales 16.800 se destinan aos grupos locais”.

A técnica rematou resaltando que “a pesar de que “Música nas parroquias” é un programa cunha traxectoria curta, xa que foi posto en marcha o ano pasado, podemos dicir que está consolidado. Creáronse sinerxias entre o asociacionismo, o departamento de Cultura e os grupos. Imos consolidando algúns aspectos e retroalimentámonos do que nos solicitan as comisións e os distintos grupos”.

Concertos e actuacións de “Música nas parroquias”
A programación de “Música nas parroquias” engloba todas as colaboracións da Concellaría da Cultura, dende marzo ata o mes de outubro, xa confirmadas coas asociacións culturais e comisións de festas de Ames. Deste xeito, xa pasaron polo concello Airiños do Paseo de Colón, que estiveron nas Festas da Madalena do Milladoiro no mes de abril; e a coral Antonio Santomil e a asociación Os Castros, que participaron nas festas de Santa Lucía de Bugallido o 1 e o 2 de maio, respectivamente.

Este domingo, día 14, celébrase a festa de San Isidro, tamén na parroquia de Bugallido. Nela actuarán a Coral Antonio Santomil, Retranqueiros e Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre. Xa o domingo 21, Os Castros estarán presentes nas festas do Maio de Biduído; e o domingo 28, nas festas do Socorro de Agrón.

En xuño, as Pandereteiras da Costaneira estarán no Corpus Christi, na igrexa de Santo Tomé de Ames. O venres seguinte, día 23, os Retranqueiros actuarán na Feira da Artesanía do San Xoán de Bugallido. Ese mesmo fin de semana participarán a Coral Lojo Batalla (o sábado 24) e Airiños do Paseo de Colón (o domingo 25) nas festas de San Xoán de Ortoño.

Nos meses estivais concéntranse a maior parte de concertos. O sábado 1 e domingo 2 de xullo os Retranqueiros estarán nas festas parroquiais de Ames, e no San Pedro de Bugallido ofrecerán actuacións Airiños do Paseo de Colón (o sábado 1) e a Coral Antonio Santomil (o domingo 2). O domingo seguinte, día 9, o grupo De Vacas e a asociación Os Castros participarán na XVII Festa do Chourizo ao Viño de Ortoño. Xa para pechar o mes, o sábado 22 Os Castros volverán actuar nas festas da Madalena do Milladoiro.

O primeiro fin de semana de agosto terán lugar as festas patronais de Tapia, coa presenza de Airiños do Paseo de Colón (o sábado 5) e dos Retranqueiros (o domingo 6). Ese mesmo domingo actuará a Banda de Música Unión Musical de Ponte Lesdema na procesión de O Rosario das festas da Madalena do Milladoiro; así como a Coral de Bugallido na festa da Virxe do Carme de Covas.

A segunda semana do mes arrincará coa continuación das festas da Madalena do Milladoiro, na que estará presente de novo Airiños do Paseo de Colón (o luns 7, na procesión pequena). Así mesmo, a Coral Lojo Batalla participará nas festas patronais de Agrón o venres 11, e nas da Peregrina de Bertamiráns o sábado 12. As festas da Peregrina contarán tamén coa Banda de Música de Brión e cos Retranqueiros, o domingo 13. O martes 15 Airiños do Paseo de Colón estará nas festas de Nosa Señora de Biduído.

Nas festas de agosto da Ameixenda participarán os Retranqueiros, tanto o sábado 26 como o domingo 27. A celebración do domingo incluirá tamén o concerto de Monoulious Dop. Para pechar as festas do mes, Airiños do Paseo de Colón estará na Virxe de Lourdes na igrexa de San Xoanciño da Pousada.

En setembro, Muiñada (Galeteatro) participará o domingo 10 nas festas dos Muíños de Ames, e a Requinta da Maía estará na festa de San Xosé do Corpiño de Lens. Finalmente, o domingo 8 de outubro, a Banda de Música de Brión actuará na Virxe do Rosario de Agrón.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Música a fartar con Canta por Ames, AmesOn e actuacións en parroquias"

Imaxe da presentación "Música nas parroquias 2023"

Multimedia

  • Cartaz de música nas parroquias 2023