- Tematica
O certame Galetiktokers, organizado polos departamentos de Mocidade e Normalización Lingüística de Ames, celebrará este ano a súa sétima edición, co obxectivo de estimular a creatividade entre a mocidade, animar a creación de vídeos en galego con novos formatos e temáticas, e visibilizar a comunidade galega na rede social TikTok. Deste xeito, calquera persoa a partir dos 13 anos poderá participar enviando o seu vídeo en galego ata o 30 de outubro, xunto coa ficha de participación, ao enderezo electrónico galetiktokers26@gmail.com. Haberá seis premios de 300 euros cada un, que se repartirán nunha gala que terá lugar o sábado 21 novembro de 2026. Premendo nesta ligazón pódense consultar o folleto informativo do VII Certame Galetiktokers.
Por sétimo ano consecutivo, os departamentos de Mocidade e Normalización Lingüística de Ames organizan o certame Galetiktokers, unha oportunidade para motivar á mocidade á creación e divulgación de contidos en galego. Neste caso, o modelo a seguir son os vídeos curtos da rede social TikTok, unha das aplicacións máis populares, sobre todo entre os máis mozos e mozas. O importe total dos premios ascende a 1.800 euros, repartidos en seis premios de 300 euros cada un.
O Centro Multifuncional do Milladoiro acolleu esta mañá a presentación da sétima edición do certame Galetiktokers. Ao acto asistiron o alcalde de Ames e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García; a concelleira de Mocidade, Beatriz Martínez; a técnica municipal do departamento de Mocidade, Pili Villaverde; e a técnica do departamento de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras. Tamén participaron María Hernando, persoal en formación do Servizo de Normalización Lingüística; Noelia Francisco Lens, experta en comunicación da empresa Xurdir; e David Ramos, creador de contido en galego, membro do xurado e co-presentador da gala de entrega de premios.
O alcalde de Ames e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, destacou que “xa estamos na sétima edición do certame Galetiktokers. É un éxito poder estar presentando esta nova edición e todo o percorrido feito durante estes anos de atrás. Estamos cumprindo cos obxectivos marcados dende o inicio que son estimular a creatividade entre a mocidade, animar a creación de vídeos en galego con novos formatos e temáticas, e visibilizar á comunidade galega na rede social TikTok. Na edición de 2025 presentáronse máis de medio cento de vídeos, que tiveron máis de medio millón e impactos na rede. Isto é unha mostra clara da repercusión que ten este certame nas redes”.
A concelleira de Mocidade, Beatriz Martínez, incidiu en que “a importancia desta iniciativa reside en que a mocidade se inspire, cre contido e que o pase ben ao tempo que emprega a nosa lingua. Como concelleira de Mocidade e Educación gustaríame salientar a parte máis formativa deste certame, xa que cada ano se organizan como actividade complementaria dúas xornadas de formación nos centros de ensino secundario de Ames, para explicar e achegar ao alumnado o contido do concurso, dar a coñecer a creadoras e creadores de contido en galego en TikTok, e motivar a creatividade entre a mocidade”.
Por último, adiantou que tras a boa acollida do pasado ano, os obradoiros correrán a cargo do creador de contido e tiktoker Miguel Barbazán Lesta, gañador do V Certame Galetiktokers. “Miguel ensinaralles como moverse nas redes, que tipo de recursos poden empregar e responderá a calquera dúbida que poidan ter os mozos e mozas, dándolle ese empurrón para gravar o vídeo e envialo”.
Estimular a creatividade da mocidade e fomentar a creación de contido en galego
A técnica municipal do Servizo de Normalización lingüística, Rosa Moreiras, dixo que “este certame segue a ter os obxectivos cos que naceu, entre eles estimular a creatividade da mocidade, fomentar a creación de contido en galego con novos formatos e con temáticas novas, e darlle visibilidade a esa potente comunidade galega de creación de contido. Hoxe temos aquí a David Ramos, que é un creador de contido que está pisando forte, que ademais vai ter un papel importante este ano no certame.”
A técnica municipal do departamento de Mocidade, Pilar Villaverde, afondou nas características do certame, que, sinalou “contará con dúas categorías, a primeira para a mocidade comprendida entre os 13 e os 17 anos, e a segunda para as persoas de 18 anos e maiores. Coma sempre, temos seis premios de 300 euros. Dous deses premios serán elixidos polo público, neste caso os premiados serán os que teñan un maior alcance no Instagram de @xuventudeames. Os catro premiados restantes serán escollidos polo xurado, valorando a orixinalidade, a inclusión de temática galega, etc. O vindeiro día 21 de novembro descubriremos os premiados na Casa da Cultura do Milladoiro e faremos unha festa”.
O creador de contido en galego, membro do xurado e co-presentador da gala de entrega de premios, David Ramos, tamén estivo presente na presentación. Destacou que “como creador de contido, que xa participou o pasado ano no certame e que ten o orgullo de participar como xurado e de presentar a gala de entrega de premios este ano, quería animar a todo o mundo a participar neste tipo de iniciativas tan importantes para a normalización lingüística, porque hoxe en día non entendemos o mundo sen redes sociais, e as nosas historias e a nosa lingua tamén teñen que estra presentes nelas. Entón animar a todo o mundo, xa que a comunidade de creadores de contido en galego é unha comunidade fantástica, chea de unión e amizade, así que anímovos a todos”.
Categorías, premios e xurado
O certame Galetiktokers volve abrir as súas portas a tódalas franxas de idade. Deste xeito, poden participar mozos e mozas a partir dos 13 anos, repartidos en dúas categorías en función da idade. A primeira categoría inclúe á rapazada dos 13 aos 17 anos (ambas as idades incluídas) e a segunda engloba ás persoas a partir dos 18 anos, sen límite de idade. Ao igual que en edicións anteriores, pode participar calquera persoa, sen ter que ser veciño ou veciña do concello.
De novo, o certame repartirá un total de seis premios de 300 euros, tres por cada categoría. Catro dos premios decidiraos un xurado formado por persoas recoñecidas no ámbito audiovisual e nas redes sociais, mentres que os outros dous serán escollidos polo público. Para determinar os premios do público medirase o alcance dos vídeos e os dous que acaden un maior alcance serán os gañadores. Deste xeito, en cada categoría repartiranse tres galardóns: dous do xurado e un do público.
O xurado valorará o atractivo das pezas no seu conxunto, tanto na forma como no contido, tendo en conta a orixinalidade, a creatividade, a calidade visual e sonora, e a calidade lingüística.
Características e condicións dos vídeos
Os vídeos creados para a sexta edición de Galetiktokers teñen que estar en lingua galega e deben ser de creación propia, empregando a aplicación TikTok ou a sección Reels de Instagram, cunha duración da peza audiovisual de entre 15 e 60 segundos. Será obrigatorio que a lingua teña presenza, xa sexa de xeito oral, escrito ou musical.
A temática é libre, polo que poderán presentarse no concurso pezas relacionadas coa música, co humor, o baile, coa interpretación, co deporte ou con calquera outro tema. Non se admitirán vídeos que promovan unha mensaxe violenta, denigrante ou ofensiva.
Inscrición e prazos do certame
Para participar no certame, é preciso enviar ao enderezo electrónico galetiktokers26@gmail.com a ficha de participación cuberta e asinada, ademais do propio vídeo que se presenta no concurso. O prazo de inscrición rematará o 30 de outubro de 2026. A organización comprobará que se cumpren os requisitos e validará a inscrición a través dun correo de confirmación.
Premio do público: vídeos con maior alcance ou máis virais
Nesta edición, a principal diferencia é que para outorgar o premio do público medirase o alcance de cada vídeo (gústame, interaccións, etc). Deste xeito, os dous vídeos con maior computo de alcance ou máis virais serán os que leven o premio do público.
Todos os vídeos admitidos publicaranse ás 11.00 horas do día 4 de novembro no perfil de Instagram de Xuventude Ames Xa! (@xuventudeames), co cancelo #galetiktokers. Os premios do público concederánselle aos vídeos que acaden un maior alcance en dito perfil. O computo do alcance farase o 6 de novembro ás 11.00 horas e medirá o alcance acumulado por cada un dos vídeos desde as 11.00h do 4 de novembro.
O Concello de Ames reserva o dereito de empregar os vídeos participantes na promoción do proxecto Galetiktokers en calquera das súas edicións. As pezas, así como o seu título e autoría, faranse públicas. Os datos persoais facilitados polas persoas participantes terán como única finalidade a participación no certame e procederase á súa eliminación unha vez se resolva esta convocatoria.
Xornadas de formación nos centros de ensino secundario
Como actividade complementaria da celebración do certame, desenvolveranse dúas xornadas de formación nos centros de ensino secundario de Ames, co obxectivo de explicar e achegarlle ao alumnado o contido do concurso, dar a coñecer a creadoras e creadores de contido en galego en TikTok, e motivar a creatividade entre a mocidade.
A formación impartirase no mes de outubro e correrá a cargo do creador de contido e tiktoker Miguel Barbazán Lesta, @miguelblesta, un dos gañadores do certame no ano 2024, e que impartirá estes obradoiros no IES do Milladoiro e no IES de Ames.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames convoca Galetiktokers para animar a crear vídeos en galego"
El Correo Gallego: "Ames convoca o certame Galetiktokers para fomentar a creación de contidos en galego con premios de 300 €"












