- Tematica
Neste mes de outubro, retómase o Ames Cultural, que traerá unha ampla serie de propostas de artes escénicas ata o mes de novembro. Este venres, a peza teatral “Desexo” de Talía Teatro será a encargada de dar iniciar a programación. A representación terá lugar este venres, 10 de outubro, ás 20.30 horas no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. Quedan poucas entradas dispoñibles e poden mercarse a través da Billeteira Electrónica. Esta programación conta coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
Coa chegada do outono, volven as artes escénicas a Ames. Así, retómase a programación do Ames Cultural para os derradeiros meses do ano. Nesta ocasión, abrirá o programa a peza teatral “Desexo” de Talía Teatro, que se representará no auditorio do Milladoiro este venres, 10 de outubro, ás 20.30 horas. A obra, dirixida por Diego Rey, está dirixida a un público maior de 12 anos.
Ademais deste pase para público xeral, o venres tamén haberá unha sesión previa para o alumnado de 1º de Bacharelato do IES do Milladoiro, que terá lugar ás 12.00 horas.
Sinopse de “Desexo”
Este espectáculo fai unha reflexión, a través do humor e un enfoque amable, da problemática arredor da pornografía e a falta de educación afectivo-sexual coa que, sobre todo a mocidade, se convive na actualidade. Deste xeito, os dous intérpretes da peza, Marta Ríos e Dani Trillo, expoñen diferentes situacións relacionadas co sexo e as relacións, invitando ao público a unha profunda reflexión.
Como foi a nosa educación sexual? Estamos preparados para ter unha sexualidade sa? Sabemos como afrontar as nosas relacións? Somos capaces de educar ás próximas xeracións? Onde aprendemos o que sabemos sobre sexo? Na pornografía? Nas redes sociais? E que consecuencias ten formarse así? Intentemos fixarnos nas publicacións, na música, na publicidade... Vivimos na sociedade do desexo, a máis sexualizada da historia, pero na que todas estas cuestións seguen a seren tabú. deseXo é un xoguete cómico que afonda en todo isto, porque xa vai sendo hora de falar claramente sobre sexo.
Sobre Talía Teatro
Talía Teatro é unha compañía galega creada no 1988 e que, dende o primeiro momento, creou un estilo único e diferencial de facer teatro no que pretenden realizar un teatro de calidade e comprometido co público. Tras máis de 3 décadas sobre os escenarios, é un dos grupos teatrais máis recoñecidos e premiados da escena galega actual.






