Solapas principales

Volve Noites en Vela á Ponte Maceira este sábado da man de Davide Salvado

Martes, 16 de julio de 2019

Os Concellos de Ames e Negreira únense un ano máis para organizar unha nova edición do programa Noites en Vela, que terá lugar este sábado, 20 de xullo, a partir das 22.30h. Nesta ocasión o invitado será o artista folk Davide Salvado, que ofrecerá ao público un espectáculo especial deseñado para a ocasión no que contará coa presenza de Cibrán Seixo e Fransy González. O escenario será A Ponte Maceira, alumeada para a ocasión cun milleiro de candeas. Ao remate do concerto haberá un espectáculo pirotécnico.

Davide Salvado fai un alto xira de presentación do seu último traballo ‘Amarelo’, co que está a percorrer diversos puntos da xeografía nacional e europea, para participar no programa Noites en Vela 2019. Así, este sábado a partir das 22.30h, o músico folk deleitará ao público que se achegue a Ponte Maceira cun espectáculo especial deseñado para a ocasión, no que o artista presentará a súa visión da música tradicional. Durante a presentación, Davide interpretará pezas apoiadas na súa voz e na percusión tradicional. Ademais, o violinista Cibrán Seixo e a pandereteira Fransy González acompañarán a Davide en algúns dos temas ao longo da noite.

Neste momento, Davide Salvado atopase inmerso na xira de presentación de ‘Amarelo’, un espectáculo heteroxéneo no que o artista reinventa música tradicional galega e adopta sons de outras partes do mundo. Acompañado polos músicos Pedro e Pablo Pascual, esta xira levaraos por Compostela, Lorient, Cambados, Cáceres ou Viena. Asemade, Davide Salvado actuará tamén no FFM de Sines, Portugal, considerado un dos festivais de músicas do mundo máis importantes a nivel mundial.

Ao final da noite, houberá tamén un espectáculo pirotécnico, que se realizará dende a ponte medieval que divide os concellos de Ames e Negreira. O programa Noites en Vela  ten como obxectivo poñer en valor este lugar polo que discorre unha parte do Camiño Real de Santiago a Fisterra.

Noites en vela

Multimedia

  • Noites en vela