Solapas principales

Volve a festa de Entroido do programa Amessan que se celebra o próximo 9 de febreiro

Martes, 23 de enero de 2024

O próximo venres, 9 de febreiro, celebrarase na Casa dos Maiores de Bertamiráns a festa de Entroido do programa Amessan. A partir das 17.00 horas, os asistentes poderán desfrutar de música en directo, moita diversión e dunha merenda. Haberá autobuses para asistir ao evento dende as paradas de costume, reservando praza ata o 6 de febreiro, chamando ao número de teléfono 662 377 044. Dende a Concellería de Benestar Social animan á veciñanza amesá a asistir disfrazada.

A Festa do Entroido do programa Amessan celebrarase o próximo venres, 9 de febreiro, a partir das 17.00 horas, na Casa dos Maiores de Bertamiráns, que está situada na praza da Maía. Este ano a temática da festa é libre, os/as asistentes poden acudir disfrazados do que queiran. O importante é asistir disfrazado e pasar un bo rato de lecer.

Asemade, haberá música en directo, moita diversión e unha merenda. Para que todo o mundo poida asistir, está programado un servizo de autobuses coas paradas de costume nas diferentes parroquias. Para reservar praza para o servizo de autobús é necesario chamar ata o 6 de febreiro ao número de teléfono 662 377 044.

A concelleira de Benestar Social, Uxía García, explica que “Ames ten a honra de ser o concello máis novo de Galicia, pero iso non quere dicir que deixemos de lado aos maiores, ao revés, traballamos constantemente polo seu benestar e que poidan saír da casa para relacionarse con xente da súa idade. A festa de entroido é unha actividade máis que se realiza dentro da programación de Amessan, que tan boa acollida ten entre as persoas maiores. Animamos a todas as veciñas e veciños que así o desexen a asistir disfrazadas e desfrutar desta festa de entroido”.

Programa Amessan
O programa Amessan está destinado a persoas maiores de 60 anos empadroados co concello de Ames. Tamén poden participar persoas menores de 60 anos cunha enfermidade crónica, inhabilitadora con informe dos servizos públicos de saúde (que poida realizar a actividade de forma independente) e empadroadas en Ames.

Dito programa inclúe obradoiros de manualidades, de memoria e de “fío e agulla”, así como de música tradicional galega. Tamén se oferta ximnasia terapéutica, clases de guitarra e canto coral. Por outra banda, impártense actividades como a musicoterapia, a bailoterapia ou o baile en liña, novidades das anteriores edicións que tiveron un gran éxito. Todas son actividades pensadas para manter a actividade e coidar a saúde física e emocional dos maiores do concello.

Os distintos cursos impártense en Bertamiráns e no Milladoiro, así como nos locais sociais de Agrón, Ameixenda, Augapesada, Bugallido, Cruxeiras, Lens, Piñeiro, Tarroeira, Trasmonte, Oca, Tapia e no local da Asociación Arcea-Adames.

Volve a festa de Entroido do programa Amessan que se celebra o próximo 9 de febreiro

Multimedia

  • Volve a festa de Entroido do programa Amessan que se celebra o próximo 9 de febreiro