- Tematica
O próximo venres, 17 de febreiro, celebrarase na Casa dos Maiores do Milladoiro a festa de Entroido do programa Amessan. A partir das 17.30 horas, os asistentes poderán desfrutar de música en vivo a cargo de Luis Rey, así como dunha pequena merenda. Haberá autobuses para asistir ao evento dende as paradas de costume, reservando praza chamando aos números de teléfono 662 377 044 ou 683 327 378 antes do 15 de febreiro, ás 14.00 horas. Dende a Concellería de Benestar Social animan á veciñanza amesá a asistir disfrazada. A temática deste ano xira arredor do antigo Oeste.
A Festa do Entroido do programa Amessan celebrarase o próximo venres, 17 de febreiro, de 17.30 horas a 20.30 horas, na Casa dos Maiores do Milladoiro, que está situada na rúa das Figueiras, número 3. Este ano a temática da festa xira arredor do antigo Oeste. O importante é asistir disfrazado e pasar un bo rato de lecer.
Asemade, haberá música en directo con Luis Rey. Para que todo o mundo poida asistir, está programado un servizo de autobuses coas paradas de costume nas diferentes parroquias. Para reservar praza para o servizo de autobús é necesario chamar aos números de teléfono 662 377 044 ou 683 327 378 antes do 15 de febreiro, ás 14.00 horas.
A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, indica que “esta é a terceira edición da festa do Entroido do programa Amessán que comezou a celebrarse en 2020. En 2021 non puidemos celebrar dita festa debido ás restricións existentes naquel momento pola Covid. Trátase dun evento máis que se realiza dentro da programación de Amessán, que tan boa acollida ten entre as persoas maiores. Animamos a todas as veciñas e veciños que así o desexen a asistir disfrazadas e desfrutar desta festa de Entroido”.
Programa Amessán
O programa Amessán conta cunha ampla oferta de cursos: clases de decoración e restauración, estimulación cognitiva, ximnasia terapéutica, música tradicional galega ou bailo-terapia. Todas son actividades pensadas para manter a actividade e coidar a saúde física e emocional dos maiores do concello.
Este ano, como novidade, hai actividades de guitarra, sesións de músico-terapia e creouse un coro musical. Os distintos cursos impártense en Bertamiráns e no Milladoiro, así como nos locais sociais de Agrón, Ameixenda, Augapesada, Bugallido, Covas, Cruxeiras, Lens, Piñeiro, Tarroeira, Trasmonte e Oca.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Maiores amesáns van celebrar o Entroido o 17"
AMS GO!: "A Festa do Entroido de Amessan será o 17 de febreiro"