- Tematica
O proxecto xuvenil Distrito 13 17 regresa este sábado 21 de febreiro cunha nova actividade, de 19.00 a 21.00 horas no anexo do pavillón do Milladoiro, dirixida aos rapaces e rapazas de Ames. A sesión, chamada Consolidando, servirá aos asistentes como unha continuación da primeira actividade, na que seguir estreitando lazos e creando grupo con todos os participantes. Non obstante, poderá asistir calquera persoa nada entre o 2013 e o 2008, participasen ou non na primeira sesión. Podes consultar toda a programación na seguinte ligazón.
Logo do éxito de asistencia de Creando Rede, a primeira actividade do proxecto, celebrada o pasado 6 de febreiro no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, con máis de vinte participantes, Distrito 13 17 volve organizar outra quedada co obxectivo de seguir afianzando as relacións entre os integrantes do grupo, de aí o seu nome Consolidando.
Nesta ocasión, a localización será o anexo do pavillón municipal do Milladoiro o vindeiro sábado 21 de febreiro, de 19.00 a 21.00 horas, e poderán asistir todas as persoas de Ames nadas entre o 2013 e o 2008, participasen ou non na actividade anterior, co obxectivo de agrandar o grupo e seguir tecendo redes entre os rapaces e rapazas do concello.
Distrito 13 17 busca ser un espazo no que os seus integrantes se sintan partícipes e escoitados, polo que esta segunda sesión vai ter dúas partes: unha primeira metade con dinámicas de presentación, onde as persoas que non estiveron na primeira actividade se dean a coñecer; e unha segunda na que se levarán a cabo dinámicas de distensión e demais xogos.
Distrito 13 17
Distrito 13 17 é un espazo activo, unha alternativa para que a xuventude do concello entre os 13 e os 17 anos se coñeza e estableza nexos de unión e relacións sas, e onde a mocidade sexa a verdadeira protagonista do seu lecer. Cada encontro será unha oportunidade para expresarse, compartir, aprender e construír grupo, sempre nun ambiente seguro, respectuoso e participativo.
Premendo na seguinte ligazón podes consultar a programación de 2026 do Club Xuvenil de Ames. A inscrición nas actividades pódense facer a través deste formulario dixital ou a través do código QR da cartelaría. A data límite para inscribirse será como máximo, o xoves previo de cada actividade. Para calquera dúbida, podes contactar no enderezo de correo electrónico info@anacoseducativos.com ou no teléfono 694 216 484.







