[25-02-2016] As portas do auditorio do Milladoiro abríronse onte ás 20:00 horas da tarde. Veciños e veciñas que se atopaban agardando entraron a ocupar os asentos; unha imaxe do rostro de Rosalía de Castro presidía a sala cos versos "No sembrante a alegría, no corazón o esforzo". Preto de 200 persoas acudiron á velada coa que o Concello de Ames quixo honrar a figura de Rosalía no 179 aniversario do seu nacemento. Versos extraídos dos poemarios Follas Novas e Cantares Gallegos cobraron vida a través das voces de nenos e nenas dos centros escolares amesáns e doutros veciños e veciñas que quixeron contribuír á homenaxe. As actuacións de Xiana Lastra acompañada ao piano por Adrián Saavedra e do Leo i Arremecághona completaron unha velada presentada por Nazaret López.
Dende a imaxe que decoraba o escenario até as camisetas que lucían varias das persoas que acudiron ao acto, incluída a presentadora da velada, xornalista e condutora de programas en Ames Radio, a presenza de Rosalía de Castro inundou este mércores, 24 de febreiro, o Auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. A celebración do aniversario do seu nacemento comezou coa lectura por parte do alcalde de Ames, José Miñones, e da concelleira de Normalización Lingüística e Comunicación, Isabel Vaquero, da Declaración Institucional pola que se establece o día 24 de febreiro en Ames como o día de Rosalía. Rexedor e concelleira expuxeron a importancia da figura, do pensamento e da obra rosaliana, así como a necesidade de que amesáns e amesás se sintan orgullosos da "veciña máis ilustre que tivo Ames" e "cuxa mensaxe segue vixente a día de hoxe".
A veciñanza máis nova do concello abriu o acto. A EEI do Milladoiro preparou un vídeo no que todo o alumnado do centro recita, por grupos de nenos e nenas, versos da poeta. A continuación comezaron a saír por orde alumnos e alumnas da escola de Ventín, do colexio Agro do Muíño, do IES de Ames e do IES do Milladoiro. Eles e elas recitaron versos de Cantares Gallegos e de Follas Novas, algúns dos máis representativos da obra rosaliana e aqueles que forman parte da memoria colectiva das galegas e galegos. Os cativos e cativas de educación infantil do colexio da Maía tamén estiveron representados no acto a través dun vídeo no que entre todos recitaban o poema Vente rapasa.
Unha alumna dos obradoiros de Lingua e Cultura Galega, a venezolana Elizabet Artiaga, achegou aos versos rosalianos un novo acento, e Casiano Otero, representante da JUPEMI, a súa boa oratoria na lectura doutro poema. Dous ilustres veciños amesáns, ambos expertos na obra e vida de Rosalía de Castro, subiron tamén ao escenario con textos escollidos por eles. A profesora, critica literaria e membro da Fundación Rosalía, Dolores Vilavedra, escolleu o poema A xustiza pola man e dedicoullo a "a todas as mulleres que foron asasinadas, vítimas da violencia machista, e a todas as que están a sufrir esa lacra". Maximino Viaño subiu, tras ela, as escaleiras do auditorio para presentar ao público os froitos do seu estudo sobre a vida de Rosalía. Insistiu Viaño na influencia que a infancia da escritora en Ortoño tivo en toda a súa escrita, influencia ben visible a través dos lugares e dos personaxes que se agochan nos seus textos e que representan aos habitantes e as clases sociais da Maía que ela coñeceu.
O punto musical puxérono o Leo i Arremecághona e a voz de Xiana Lastra acompañada ao piano por Adrián Saavedra. Leo, nome artístico do músico e profesor vigués Leonardo Fernández, quixo mostrar as amplas posibilidades que ofrece a poesía rosaliana para transformarse na letra dunha canción punk, unha melodía pop ou unha canción de rock. O irreverente espectáculo deste músico acompaña unha mensaxe dirixida a persoas de todas as idades: os nosos autores e autoras poden e ser musicados, a súa herdanza literaria transformada en canción, no canto de continuar a abrazar outras músicas cuxa mensaxe é moito máis pobre ou pouco ligada á nosa realidade social.
As teorías do Leo i Arremecághona foron levadas á práctica pola propia Xiana Lastra quen, acompañada do pianista e compositor Adrián Saavedra, emocionou a todo o auditorio coa súa interpretación de varios poemas de Rosalía. A voz de Xiana Lastra puxo punto final a unha velada que, en verbas de José Miñones e Isabel Vaquero, continuará a celebrarse o 24 de febreiro dos vindeiros anos.
Contido relacionado
El Correo Gallego:"Douscentos amesáns celebraron os 179 anos de Rosalía de Castro no Milladoiro"