- Tematica
Este sábado, 21 de febreiro, a Casa da Cultura do Milladoiro acolleu a XVIII Gala do Deporte de Ames, un evento que premiou aos mellores deportistas e clubs do concello durante o ano 2025. A boxeadora Verónica Fernández e o futbolista Hugo Novoa, levaron o galardón, en cadansúa categoría, ao deportista máis destacado do ano, nun acto que rendeu homenaxe a José Regueiro Arufe, do Biduído SR, e se premiou a Tómate más Fruta como entidade colaboradora. A gala foi conducida polo xornalista Diego Viaño.
Durante a gala, estiveron presentes tanto o alcalde de Ames, Blas García, como a concelleira de Deportes, Susana Señorís, os cales viron como se entregaban nove premios: deportista ou equipo máis destacado dun club de Ames; promesas masculina e feminina máis destacadas; deportistas masculino e feminina máis destacados; club máis destacado de Ames; recoñecemento especial; entidade colaboradora; e premio especial do público. A dita gala tamén asistiron o deputado de Deportes, Antonio Leira, concelleiros e concelleiras do grupo de goberno e dos grupos políticos municipais do Partido Popular e do BNG.
Deportista ou equipo máis destacados dun club de Ames
Na categoría de mellor deportista ou equipo máis destacado dun club de Ames estaban nomeados o futbolista de 13 anos do Bertamiráns FC, Agustín Johao León García; o primeiro equipo do FC Meigas; e o karateka de 11 anos da escola Dokkodo, Xián Blanco Calvo.
O premio, finalmente, foi para o FC Meigas, equipo de fútbol sala que o ano pasado acadou a permanencia na 2ª División Nacional por terceira tempada consecutiva. Acadou tamén a clasificación para a Copa da Raíña por segundo ano consecutivo (onde participan os 36 mellores equipos de España), alcanzando a 2ª rolda, eliminado polo AD Alcorcón, actualmente segundo clasificado da 1ª División Nacional. Ademais, acadou a clasificación para a Copa Galicia por terceiro ano consecutivo (12 mellores equipos de Galicia).
Promesas masculinas e femininas máis destacadas de Ames
Na categoría de promesas masculinas optaban ao premio Tiago Vilas Macías, xogador de 12 anos de squash; Iván Gutiérrez Mosquera, ximnasta rítmico de 15 anos; e Diego Cacheiro Blanco, xadrecista de 17 anos. Na categoría de promesas femininas, estaban nomeadas Sofía Blanco Fuentes, ximnasta rítmica de 16 anos; Alicia Campos Vaamonde, futbolista de 17 anos do Milladoiro SD; e Mara Prieto Mariño, xogadora de squash de 13 anos.
O galardón masculino foi para Tiago Vilas Macías, xogador de squash que durante o 2025 foi campión galego sub11 e sub13 e campión de España sub11 e 13. A nivel internacional, foi campión europeo en Portugal (Portuguese), subcampión europeo en España (Spanish), campión na Copa de España sub13 e 4º clasificado na Copa de España sub15.
Na categoría feminina, a gañadora foi Sofía Blanco Fuentes, ximnasta que no 2025 quedou subcampioa galega absoluta e 5ª na Copa de España Absoluta (nivel elite), competindo coas mellores deportistas da elite nacional con tan so 15 anos, idade que tiña no 2025. Actualmente, pódese considerar como unha referencia na ximnasia rítmica galega.
Deportistas máis destacados na categoría masculina e feminina
A xoia da coroa da gala foi a condecoración ao deportista máis destacado, tanto en categoría feminina como masculina. Na categoría feminina optaban ao premio a boxeadora Verónica Fernández Pérez e a futbolista Nuria Rábano Blanco, mentres que na categoría masculina facían o propio o atleta Tariku Novales e o futbolista Hugo Novoa.
A deportista máis destacada foi Verónica Fernández Pérez, boxeadora elite amateur da categoría de 75 a 81 kg, que no 2025 volveu a coroarse campioa de España elite feminina en Segovia, revalidando o título xa conseguido no 2024. Con este éxito logrou coroarse como raíña do boxeo feminino nos seus dous primeiros, e consecutivos, Campionatos de España.
Na categoría masculina, o gañador foi Hugo Novoa Ramos, futbolista de 23 anos que xogou na tempada 2024/2025 no Deportivo Alavés da Primeira División de España. Nesa tempada 24-25, disputou 5 partidos de liga co seu equipo na Primeira División, categoría máis alta do fútbol español. Actualmente está en condición de cedido no C.D. Mirandés co obxectivo de ter máis minutos competindo na Segunda División.
Club máis destacado e recoñecementos especiais
Non só foron os deportistas os que recibiron premios na Gala do Deporte, pois tamén se recoñeceu o labor das entidades e asociacións que nutren o tecido deportivo de Ames. Deste xeito, o club Básquet Ames recibiu o premio ao club máis destacado, nunha selección onde tamén estaban o Milladoiro SD e a Escola de Karate Dokkodo.
Ademais, houbo un recoñecemento especial para José Regueiro Arufe como posta en valor a toda unha vida (concretamente, 43 anos) dedicada ao Biduído SR, primeiro como xogador e posteriormente como adestrador. Tamén houbo un premio para o colaborador especial de 2025 que recaeu no establecemento comercial Tómate más fruta.
Premio especial do público
Nesta categoría, o público puido votar polo surfista de paddle surf, Guillermo Carracedo Robelo; a xogadora de baloncesto, Blanca Millán Modía; a boxeadora Verónica Fernández Pérez; e os futbolistas Hugo Novoa Ramos e Nuria Rábano Blanco.
A gañadora, cun total de 437 votos, foi Blanca Millán, xogadora de baloncesto de 1,85 de estatura, que xoga na posición de escolta no equipo Baxi Ferrol da Liga Femenina de baloncesto (LF ENDESA).
Novas relacionadas
La Voz de Galicia: "La edición número 18 de la Gala do Deporte de Ames se celebró en O Milladoiro"

























































