Solapas principales

A veciñanza das parroquias de Piñeiro, Ames e Covas mostra o seu malestar polo mal funcionamento do servizo de transporte metropolitano

Miércoles, 13 de abril de 2022

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Mobilidade, vén de darlle traslado á Dirección Xeral de Mobilidade das queixas recibidas por parte da asociación de veciños Pedro do Fuso, que aglutina á veciñanza das parroquias de Piñeiro, Ames e Covas, sobre o mal funcionamento do servizo de transporte metropolitano. Deste xeito, solicitan que se restableza o servizo coa normalidade e frecuencias establecidas dende hai anos pola empresa anteriormente concesionaria da ruta Piñeiro – Santiago de Compostela.

A veciñanza das parroquias de Piñeiro, Ames e Covas rexistrou un escrito para que o Concello de Ames se poña en contacto coa Dirección Xeral de Mobilidade co obxectivo de que dea traslado das múltiples anomalías detectadas polos/as usuarios/as no transporte de viaxeiros/as no novo servizo adxudicado á empresa de autobuses Monbus. Deste xeito, quéixanse da supresión dos servizos de autobús cando os necesitan para cubrir outras rutas, sen notificar nin avisar aos/ás usuarios/as.

Outra das queixas expostas son a supresión de xeito definitivo do servizo con horario de saída de Santiago de Compostela ás 13.00 horas. Esta modificación foi notificada polos condutores, a posteriori, aos/ás usuarios/as. Dita falta de información provocou o abandono dos usuarios do servizo nas paradas en varias ocasións. Tamén se suprimiron os servizos con saída de Piñeiro, dirección Santiago de Compostela, dende as 10.50h ata as 17.00 horas.

Por outra banda, alteráronse os horarios das rutas pasando algunhas veces antes do horario establecido en cada parada, quedando moitos/as veciños/as sen o correspondente servizo. Tamén se alterou o número real de pasaxeiros/as nalgún viaxe, non cobrando o importe do servizo e alegando que o lector da tarxeta-bono non funciona por falta de cobertura. Neste caso o pasaxeiro non ten obriga de abonalo en metálico (por ter xa abonado con antelación o importe na compra da tarxeta-bono do transporte metropolitano).

Dende a asociación de veciños Pedra do Fuso entenden que este comportamento da empresa concesionaria do servizo de transporte metropolitano pode ser premeditado para xustificar a retirada de frecuencias por falta de usuarios/as. Debido a todas estas anomalías dende dita asociación solicítanlle ao Concello de Ames que realice as xestións oportunas coa empresa de autobuses Monbus e coa Dirección Xeral de Mobilidade, para que se restableza o servizo coa normalidade e frecuencias establecidas dende hai anos pola empresa anteriormente concesionaria da ruta Piñeiro – Santiago de Compostela.

O alcalde de Ames, Blas García, destaca que “de novo dende o Concello de Ames temos que poñernos en contacto coa Dirección Xeral de Mobilidade, para dar a coñecer cal é a situación na que se encontra a veciñanza amesá no eido do servizo de transporte metropolitano, que discorre polo noso municipio, e que se está a prestar neste momento”.

Blas García engade “debemos trasladar o noso malestar polos trastornos que están a ocasionar estas anomalías e cambios de horarios na veciñanza de Piñeiro, Ames e Covas; e quero declarar con rotundidade que este Goberno defenderá e apoiará a toda a veciñanza nas súas reclamacións sobre o funcionamento do transporte metropolitano, e máis tratándose do rural, xa que é imprescindible que este servizo funcione ben e atenda as necesidades porque é clave para fixar a poboación”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Quejas al modificarse o ‘volar’ horarios del autocar para Ames, Piñeiro y Covas"

Enfoques: "Los vecinos de Ames denuncian el mal funcionamiento del servicio de transporte metropolitano"

Lindeiros: "Queixas polo funcionamento do transporte metropolitano en Ames"

A veciñanza das parroquias de Piñeiro, Ames e Covas mostra o seu malestar polo mal funcionamento do servizo de transporte metropolitano