[31-01-2015] A Unión Temporal de Empresas Acciona Agua-Espina Servicios xestionará dende mañá domingo o ciclo integral da auga en Ames. Durante os próximos nove meses a nova adxudicataria ofrecerá o servizo de abastecemento e depuración das augas do concello amesán e tamén se encargará de cobrar os recibos do lixo.
Acciona Agua-Espina Servicios conta na actualidade cuns 14.000 abonados. O seu xerente, Javier González, asegura que a veciñanza amesá “non se decatará do cambio na xestión e seguirá a recibir o servizo con total normalidade. É máis, aspiramos a facelo moito mellor durante os próximos nove meses”.
González ve neste contrato “unha grande oportunidade para poder, posteriormente, presentar unha proposta a concurso público”. Sinala que “a brevidade do acordo non permitirá acometer grandes investimentos pero o 10% dos ingresos tarifarios que obteñamos destinaranse ao mantemento, conservación e melloras na subministración”. Ademais, a empresa ingresará un canon de 280.000 euros ao Concello.
Nova oficina en Bertamiráns
Para o pago de recibos ou calquera incidencia que puidera acontecer, os usuarios, a partir do luns-2, deberán achegarse á nova oficina situada na rúa Ameneiral, número 18, de Bertamiráns. Estará aberta de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 19:00 horas, e os sábados de 9:00 a 14:00 horas. O teléfono desta oficina é o 981 883 842. Tamén poderán acudir ao local municipal do Milladoiro, na rúa de Abaixo, número 10, de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas. Ademais, a empresa atenderá calquera urxencia a través do teléfono 626 920 999.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Acciona Agua-Espina asume desde hoy la gestión del servicio del agua de Ames"
El Correo Gallego: "Nova xestión e locais dende Ames para o ciclo da auga"