Solapas principales

Uns 40 monitores dos servizos complementarios de Ames reciben unha charla sobre alerxias e intolerancias alimentarias impartida pola nutricionista municipal

Jueves, 06 de octubre de 2016

[06-10-2016] O Pazo da Peregrina acolleu este xoves, 6 de outubro, pola mañá unha charla formativa dirixida ao monitores/as dos servizos complementarios escolares de comedor, Bos Días e Tardes Divertidas. Impartida pola nutricionista municipal, Rosana Martínez, a sesión centrouse nos protocolos que existen en cada tipo de atención a alerxias e intolerancias alimentarias. A técnica local centrouse no papel preventivo que xogan os monitores nos servizos nos que se manipulan alimentos e rematou cunha actividade práctica, na que os participantes puideron practicar con simuladores de autoinxectores de adrenalina. Á charla asistiron en torno a 40 persoas.

Este curso en Ames hai máis de 1.200 nenas e nenos que fan uso do servizo da Rede Municipal de Comedores Escolares, así como dos programas Bos días e Tardes Divertidas. Estes tres servizos forman parte da oferta de programas de conciliación do Concello, que inclúe neste caso o xantar, o almorzo e a merenda respectivamente. Para a preparación destes alimentos o persoal amesán ten sempre en conta as necesidades daqueles rapaces e rapazas con alerxias e intolerancias alimentarias. Dende as cociñas até a mesa cuídase de que cada un reciba o seu correspondente menú. No funcionamento destes servizos centrouse a primeira parte da charla que a nutricionista municipal ofreceu esta mañá no Pazo da Peregrina a unha boa parte dos monitores/as que traballan nestes servizos.

Ao longo da mañá tratáronse distintos temas. Despois da introdución do funcionamento dos servizos complementarios, Rosana Martínez centrouse no papel dos monitores e monitoras. Os e as asistentes fixeron un repaso de información básica sobre o etiquetado dos alimentos e a súa manipulación. A nutricionista centrouse naquela manipulación que levan a cabo os monitores e monitoras, para que se aseguren sempre de entregar os recipientes co etiquetado correcto. O persoal conta cun total de 21 protocolos diferentes segundo os tipos de alerxias e intolerancias. Nos comedores escolares, por exemplo, prepáranse 126 menús con tratamento nutricional específico. Na charla falouse ademais de como atender correctamente a todos os usuarios e usuarias.

A mañá rematou cun apartado de como actuar ante unha reacción de alerxia a alimentos . Rosa Martínez explica que “no caso de que haxa algún erro, ou dalgunha persoa que non se inscribira cunha alerxia e a desenvolva, hai que saber actuar”. A nutricionista explicoulles aos monitores e monitoras o protocolo a levar a cabo nestas situacións: a chamada ao servizo de Urxencias e, de ser necesario, o emprego da medicación necesaria. Ademais, o público tivo a oportunidade de realizar un pequeno simulacro empregando uns simuladores para inxectar a medicación.

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, sinalou “a importancia de organizar estas charlas xa que os monitores actúan como un filtro para evitar as reaccións alérxicas. Esta actividade realízase a principios de curso para aqueles monitores e monitoras recentemente incorporados ao servizo ou aqueles e aquelas que desexen asistir de novo. Ademais, entre os días 10 e 20 de outubro a Concellería organizará unha serie de charlas informativas para novos usuarios e usuarias dos servizos complementarios de educación e ANPAS nos centros escolares de infantil e primaria”.

Charlas sobre servizos complementarios para novos usuarios
Por outra banda, o departamento de Educación está programando unha serie de charlas informativas para familias e ANPAS nos centros escolares de infantil e primaria, orientadas aos novos usuarios e usuarias de actividades complementarias de Educación (Bos Días Cole, Comedor, Tardes Divertidas), que se celebrarán entre o 10 e o 20 de outubro nos CEIP da Maía, Agro do Muíño, Barouta, no CEP de Ventín e na EEI Milladoiro. Nestas charlas participarán técnicos municipais e as empresas que xestionan os servizos, para informar e atender todas as dúbidas que xurdan para os novos usuarios agora no principio do curso escolar.