Solapas principales

Unha vintena de persoas completaron a última edición do curso de primeiros auxilios da OMIX

Martes, 25 de junio de 2019

Un total de vinte persoas participaron na última edición do curso de primeiros auxilios organizado pola Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Ames, dependente da Concellaría de Mocidade. O obxectivo desta formación, que o alumnado valorou de maneira moi positiva, foi o de ofrecerlles aos participantes unha serie de ferramentas e coñecementos que lles permitan actuar ante un accidente doméstico, viario ou unha situación de emerxencia ata a chegada dos servizos sanitarios. O curso desenvolveuse os luns, martes e mércores do 3 ao 19 de xuño.

Durante un total de vinte horas, 20 mozos e mozas aprenderon unha serie de actuacións e técnicas que, ante certos accidentes, lles permitirán asistir de forma inmediata co obxectivo de que as posibles lesións non empeoren, mentres se espera pola asistencia médica profesional. Así, traballaron contidos como o mantemento do soporte vital básico, a inmobilización de persoas enfermas ou feridas, e como intervir fronte feridas, contusións, queimaduras ou traumatismos.
 
Deste xeito, o obxectivo desta formación é que os alumnos e alumnas saian do curso coñecendo os fundamentos básicos dos primeiros auxilios, como aplicar as técnicas de reanimación cardiopulmonar cando sexa necesario, a mobilizar de maneira correcta a unha persoa ferida ou enferma e as técnicas básicas para poder actuar ante diversas situacións de emerxencia.

Asemade, á última xornada do curso, que se desenvolveu o pasado mércores 19 de xuño na Casa da Cultura de Bertamiráns, tamén asistiu a nova concelleira de Mocidade, Escarlata Pampín, que se interesou polo desenvolvemento do curso e quixo agradecer a participación dos/as asistentes. Tralo remate desta iniciativa gratuíta, as e os participantes xa poden recoller os seus diplomas acreditativos na OMIX, os luns, mércores e xoves en Bertamiráns e os martes e venres no Milladoiro.
 
Esta formación é imprescindible para perfís profesionais que desenvolven a súa actividade con todo tipo de colectivos, estendéndose a súa aplicabilidade a diferentes contextos como o lecer e o tempo libre, o sanitario ou o deportivo.

Curso primeiros auxilios OMIX 2019

Multimedia

  • Curso primeiros auxilios OMIX 2019
  • Curso primeiros auxilios OMIX 2019
  • Curso primeiros auxilios OMIX 2019