- Tematica
A novena edición dos Premios Youtubeiras+ xa ten finalistas. Un total de 28 canles aspiran a levar algún dos sete galardóns deste certame organizado polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo, das universidades de Santiago, A Coruña e Vigo e mais da Deputación da Coruña. As persoas e canles gañadoras destes galardóns, que teñen como obxectivo promocionar o talento en galego nas redes sociais, daranse a coñecer durante unha gala que este ano terá lugar no Teatro Jofre de Ferrol o sábado 7 de febreiro. Presentarana Leila Fernández (que forma parte da canle O faiado pódcast) e Carlos Vieito (integrante do proxecto Exército Mekemeke). Anunciárono así esta mañá en rolda de prensa o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela; a concelleira de Educación, Universidade e Política Lingüística de Ferrol, Patricia Cons, e a deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Sol Agra. Preme nesta ligazón para consultar a relación de finalistas.
Na súa intervención, Rey Varela puxo en valor a “importante e estreita colaboración entre institucións” que fai posible este proxecto. A ollos do alcalde, Youtubeiras+ é unha iniciativa que ten entre as súas virtudes “a vontade de poñer o foco” nunha cuestión fundamental para “o futuro da nosa lingua”: “as novas xeracións e a súa forma de comunicarse, de relacionarse e, en definitiva, de ser e de estar no mundo”. O rexedor destacou a “aposta decidida do Concello de Ferrol” por iniciativas que, como Youtubeiras+, “crean puntos de encontro arredor da lingua”. Rey Varela subliñou tamén a “implicación do municipio” con este proxecto ao acoller o Teatro Jofre a gala de entrega.
126 canles participantes
A concelleira Patricia Cons, pola súa banda, centrou a súa intervención nas cifras que deixa este ano Youtubeiras+, cuns galardóns que repartirán 7500 € entre as persoas e canles gañadoras nas sete categorías en que se divide o certame. Nesta novena edición dos Premios Youtubeiras+ rexistrouse a concorrencia de 126 canles diferentes, cifra que –tal e como salientou Cons– “bate a marca histórica do concurso e supera a cifra colleitada na edición anterior”. “O ano pasado participaron un total de 89 canles, mentres que na edición de 2023 o número ficou nas 68”, explicou a edil, antes de lembrar que as bases experimentaron modificacións nesta última entrega. “Por vez primeira, o concurso abriuse á participación de canles de todas as redes sociais. Antes, ata 2023, limitábase ás canles de YouTube, e en 2024 ampliouse a participación tamén a TikTok. Nesta edición, que recoñece o labor realizado pola comunidade creadora de contidos en galego na Rede ao longo de 2025, permitiuse a concorrencia de perfís en todo tipo de plataformas, entre as cales Instagram é a rede social con máis presenza, ao achegar un total de 81 contas distintas”, expuxo a concelleira.
Por último, Cons ofreceu os datos referentes ao Premio do Público, categoría que decide unha nutrida comunidade de internautas que propuxeron primeiro as candidaturas para despois, cos seus votos, decidir a proposta gañadora. “Nesta novena edición, as seareiras e os seareiros do proxecto propuxeron 49 vídeos para optar a este premio e emitiron 2326 votos, votos que deciden a proposta gañadora que coñeceremos o próximo 7 de febreiro”, desvelou Cons, que convidou o público ferrolán a asistir á gala.
A gala
A deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Sol Agra, uniuse ao alcalde de Ferrol á hora de celebrar a colaboración institucional. “Youtubeiras+ amosa unha capacidade de unión fundamental para a nosa lingua”, advertiu Agra primeiro, para celebrar despois a implicación rotunda de Ferrol neste proxecto. “O concello sumouse na edición anterior á organización de Youtubeiras e xa no seu segundo ano, acolle a gala neste gran teatro que ten o público ferrolán, o Teatro Jofre”, apuntou Agra.
O Jofre acollerá así a cerimonia de entrega de premios o 7 de febreiro ás 19.00 horas da man de Carlos Vieto, de Exército Mekemeke, e Leila Fernández, d’O faiado pódcast, que a presentarán. “Nesta novena edición, os Premios Youtubeiras+ contan por vez primeira coa categoría de Premio ao Mellor Pódcast e por ese motivo a gala significará, en certo xeito, a gravación ao vivo do primeiro episodio dun pódcast moi especial: o Pódcast Youtubeiras+”, adiantou Agra sen querer desvelar moitos máis detalles sobre a gala. As entradas para a cerimonia de entrega serán gratuítas e pódense retirar xa a través da plataforma ataquilla.com, ou ben o propio 7 de febreiro no despacho de billetes do Teatro Jofre.
Sol Agra, ademais, quixo resaltar o claro compromiso da Deputación da Coruña con Youtubeiras+, xa que a entidade provincial forma parte da organización dende a primeira edición e financia cada ano a súa gala de entrega de premios, que en edicións anteriores tivo lugar en Carballo, A Coruña, Santiago, Ames ou Narón. A deputada, finalmente, aproveitou a súa intervención para lembrar que os Premios Youtubeiras+ teñen sete categorías: Canle, Creación de contidos, Pódcast, Calidade lingüística, Revelación, Rede e o xa citado Premio do Público. Todos os premios contan cunha dotación de 1000 euros, agás as dúas primeiras categorías, cuxos galardóns ascenden a 1250 euros.
Agra rematou a súa intervención coa composición do xurado responsable de escoller nesta novena edición tanto as persoas finalistas en cada categoría como as gañadoras que coñeceremos o vindeiro 7 de febreiro: Mónica Valencia, técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ourense; Jon Amil, médico e presidente da Associaçom Galega da Língua (AGAL); Carlos Pereiro, xornalista e comunicador de videoxogos; María Rúa, creadora de contidos e gañadora do Premio á Creación de Contidos de 2024, e Uxío Broullón, ilustrador e deseñador gráfico.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Youtubeiras+ bate récords de concurrencia con 126 canales y un total de 28 finalistas"
La Voz de Galicia: "Talento malpicán nos Premios Youtubeiras+"





