O Concello de Ames, a través do departamento de Deportes, organizou nos meses de xullo e agosto os habituais cursos de natación de verán, que tiveron lugar nas piscinas descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro. Nesta edición, participaron 117 nenos e nenas. Por outra banda, nestes dous meses estivais, tamén se desenvolveron os cursos de piragüismo na praia fluvial de Tapia que, desta volta, contaron con 23 participantes. Tanto as piscinas municipais como a área recreativa de Tapia permanecerán abertas ata o vindeiro 15 de setembro.
Un ano máis, o departamento de Deportes do Concello de Ames, organizou os cursos de natación nas piscinas descubertas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro, que se desenvolven durante os meses de xullo e agosto. Na edición deste ano, inscribíronse un total de 117 nenos e nenas nestas actividades, participando 59 usuarios/as no mes de xullo (24 en Bertamiráns e 35 no Milladoiro), mentres que durante o mes de agosto asistiron 58 nenos e nenas (29 en ambos núcleos).
Cursos de piragüismo
Nestes dous meses do período estival, tamén tiveron lugar os cursos de piragüismo, que se realizan cada ano na praia fluvial de Tapia. Neste caso, a participación foi dun total de 23 rapaces e rapazas durante as dúas quendas, que aprenderon, da man do persoal do club Ribeiras do Tambre, todo o necesario para gañar autonomía no uso da piragua e adquirir as destrezas e habilidades básicas para practicar o piragüismo.
Horario piscinas descubertas e praia fluvial de Tapia
Por outra banda, cómpre lembrar que as piscinas descubertas municipais están abertas ao público xeral desde mediados do mes de xuño. O horario de apertura das piscinas do Milladoiro e Bertamiráns é de 11:00 a 21:00 horas, de luns a domingo, mentres que na praia fluvial de Tapia o horario de apertura é de 15:00 a 21:00 horas, de luns a venres, e os sábados e domingos, de 11:00 a 21:00 horas. Durante estes horarios hai servizo de vixilancia e socorrismo. Estas instalacións estarán abertas ata o vindeiro día 15 de setembro.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Éxito total nos cursos de natación e piragüismo de Ames coa participación de 140 nenos e nenas"
Diario de Santiago: "Un total de 140 nenos e nenas participaron nos cursos de verán de natación e piragüismo, en Ames"









